O PP oponse á “inadmisible” redución de fondos europeos e esixe ao Goberno de Sánchez defender o noso sector pesqueiro ante Europa

O Partido Popular rexeita a redución dos fondos europeos destinados ao sector pesqueiro e esixe ao Goberno de Sánchez adoptar unha posición “clara, firme e proactiva” para defender os intereses do noso sector pesqueiro no proceso de negociación do Marco Financeiro Plurianual (2028-2034) europeo e con apoio no marco de seu plan nacional específico.

Segundo os representantes galegos na Comisión de Pesca do Senado, Manuel Rivas e José Manuel Balseiro, o “inadmisible recorte” do 60% da Política Pesqueira Común (PPC) proposto pola Comisión Europea “comprometería gravemente a viabilidade da adaptación de moitas explotacións pesqueiras e un retroceso na capacidade para adaptarse e conseguir os obxectivos de sostibilidade, competitividade e seguridade alimentaria”.

Polo tanto, o Grupo Popular no Senado esixirá ao Goberno de Sánchez opoñerse no Consello da UE á proposta que “afectaría gravemente ao sector” en España e, polo tanto, en Galicia, a principal rexión pesqueira. E defender unha postura común entre os Estados da UE con maior peso pesqueiro para rexeitar a redución e propoñer un financiamento que garanta os obxectivos que se marca a PPC. Así como o mantemento dun orzamento específico para un fondo equivalente e homologable ao actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) para garantir a modernización e viabilidade do sector.

Os populares piden tamén, a través da moción que presentan para o seu debate no Senado, que o Goberno de Sánchez faga explícito o compromiso claro en defensa do sector marítimo-pesqueiro reservando fondos para a pesca no seu Plan Nacional Específico equivalentes aos existentes actualmente para España no FEMPA. E a activación de mecanismos de interlocución permanente coas Comunidades Autónomas e co sector pesqueiro español para informar do estado das negociacións, recoller as súas chegas e aliñar a posición de España coas necesidades reais do sector.

O sector afrontou numerosos desafíos nos últimos anos: a necesidade de relevo xeracional, a adaptación a novos estándares medioambientais, a transformación tecnolóxica da flota, o encarecemento dos custos operativos, o impacto do Brexit e a competencia internacional. E, ante estes retos, “require do respaldo decidido dos instrumentos europeos de financiamento coma o FEMPA e dunha dotación orzamentaria suficiente no próximo Marco Financeiro Plurianual (2028–2034)”, segundo defenden os senadores do PP.