Rueda asegura que a capacidade de Galicia para aprobar “en tempo e forma” os seus Orzamentos é un sinal de cumprimento, planificación e estabilidade

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, destacou hoxe en Pontevedra que o feito de que Galicia poida aprobar ano a ano os seus Orzamentos “en tempo e forma” constitúe “un sinal de identidade” dun Goberno que, a diferenza doutros, si é quen de “cumprir, planificar e garantir estabilidade” á cidadanía.

Ante os asistentes á Xunta Directiva Provincial do PP de Pontevedra celebrada esta tarde e que encabezou xunto ao seu presidente, Luis López, o líder dos populares galegos puxo en valor o rigor, a previsión e a seguridade que caracterizan o traballo do Goberno galego e que se materializará nas contas públicas do vindeiro ano.

Unhas contas que, nacidas da responsabilidade, incluirán medidas novas e realistas, axustadas ás necesidades reais da sociedade galega e cun obxectivo claro: garantir que Galicia siga sendo sinónimo de estabilidade, de eficacia e de futuro.

“Galicia volverá dar exemplo de boa xestión”, adiantou o presidente subliñando a diferenza que isto supón respecto a outros gobernos que viven instalados na improvisación, no bloqueo e na discusión improdutiva.

Rueda explicou que contar cunhas contas públicas aprobadas en prazo é o que permite ao Goberno galego poñer en marcha políticas que atendan necesidades como as da vivenda e que as cidades e vilas da provincia poidan incrementar así o seu parque público e contar con máis vivenda a prezo asumible.

Nesta liña, afondou nunha folla de ruta encamiñada a reforzar os programas de vivenda pública e impulsar proxectos colaborativos cos concellos e vilas costeiras, así como a garantir que no rural tamén haxa vivenda digna dispoñible para fixar poboación e ofrecer oportunidades reais ás familias.

O presidente tamén destacou a aposta pola investigación e a innovación, avogando por que Pontevedra teña o seu propio nicho canalizando o talento existente. Algo que pasaría, no caso de Vigo, por potenciar a relación entre a Universidade e o tecido empresarial en sectores como a automoción eléctrica e a Intelixencia Artificial aplicada á mobilidade.

No caso da comarca do Salnés, destacou o seu potencial na biotecnoloxía mariña e na investigación vitivinícola e agroalimentaria. E, no referido á cidade de Pontevedra, a aposta do Goberno galego pasaría por impulsar un polo de innovación vencellado  á economía creativa, ao deseño e ás novas tecnoloxías culturais e turísticas.

Na súa intervención, o líder dos populares galegos, tamén fixo mención aos incendios que este verán afectaron tanto ao interior da provincia como á costa, en concellos como A Cañiza, Salceda de Caselas, As Neves, Meaño ou Salvaterra de Miño. Uns incendios nos que, por sorte, se evitou un impacto maior grazas á eficacia do dispositivo e á cooperación cidadá.

A este respecto, e acompañado polas responsables dos departamentos implicados na posta en marcha das axudas aos afectados –María José Gómez (Medio Rural), María Martínez Allegue (Vivenda e Planificación de Infraestruturas) e Ángeles Vázquez (Medio Ambiente e Cambio Climático)–, reivindicou a velocidade, a cobertura e a flexibilidade que caracterizan a estas axudas.

LUIS LÓPEZ: “TEMOS UN PARTIDO PREPARADO E DISPOSTO”

Pola súa banda, tamén ao fío dos incendios deste verán, o presidente provincial do PP de Pontevedra quixo poñer en valor que Alfonso Rueda “estivo ao pé de lumes e que agora está a pé das axudas”. Destacando así a xestión tanto do presidente como das diversas consellerías implicadas á hora de ofrecer axuda aos afectados.

Luís López deulle a benvida á Xunta Directiva a Belén Cachafeiro como alcaldesa de Forcarei subliñando que, tan só nuns meses, foi quen de facer que o seu Concello sexa hoxe unha administración “que paga as axudas e aproba os seus Orzamentos”.

O líder provincial adiantou tamén que se nas vindeiras datas se celebrarán congresos locais do partido na provincia e dirixiuse aos seus coas seguintes palabras: “Todos e  cada un dos que teñen responsabilidades no partido, teñen a indicación de poñerse á vosa disposición para axudarvos no que sexa preciso. Estou convencido de que non vos van fallar cando máis os precisedes”

Nesta liña indicou, coa vista posta nas eleccións municipais do 2027, que “estase vendo que o partido está preparado, ten iniciativa, fala do que lle interesa á xente, non cae nas trampas da oposición e sempre está disposto”.

Paula Prado celebra a consolidación do PPdeG como o partido con máis mulleres alcaldesas de Galicia

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, celebra que a elección de Mariola Sampedro como nova alcaldesa de Ribeira permita aos populares galegos consolidarse non só como o partido con máis mulleres rexedoras –desde hoxe 31–, senón tamén como o partido que goberna xa en máis da metade dos concellos da Comunidade.

Congratúlase así mesmo da boa nova que, na súa opinión, supón para os veciños de Ribeira o feito de que o Partido Popular volva agora ao goberno nun concello onde gañou as eleccións pero non puido alcanzar a alcaldía por un pacto entre perdedores que instalou a ingobernabilidade neste concello.

“Algo máis de dous anos despois das eleccións municipais demostrouse que os pactos para que non goberne o PP non beneficiaron en nada. Os cidadáns merecen que os seus intereses volvan estar por encima dos intereses partidistas”, conclúe trasladando á nova rexedora e ao seu equipo os seus desexos de éxitos e acertos nesta nova etapa que comeza.