O Grupo Popular cualifica de “seria, realista e eficaz” a política lingüística do Goberno galego e do PPdeG

O portavoz de Lingua do Grupo Popular, José Luís Ferro, cualificou como “seria, realista e eficaz” a política lingüística do Goberno galego e do PPdeG. “Mentres o BNG pretende levantar muros, nós traballamos na unidade, unidade das dúas linguas oficiais, que son patrimonio de todos os galegos”, concretou.

José Luís Ferro lembrou que o decreto 79/2010 “naceu para garantir un equilibrio real no uso do galego e do castelán no ensino, cumprindo coa Lei de normalización lingüística e co Estatuto de Autonomía”, porque “a verdadeira normalización non pode nacer da improvisación, senón do respecto, da convivencia e do consenso”. Así, lamentou que os nacionalistas galegos rexeitaran participar nas comisións de traballo para renova o Plan xeral de normalización, “uns traballos que avanzan co compromiso do Goberno galego de ter unha proposta de documento canto antes”.

DECRETO EN PLENA VIXENCIA

“Este decreto que o BNG pide derrogar foi avalado polos tribunais, está en plena vixencia e é a mellor ferramenta para garantir o equilibrio e o respecto á legalidade”, manifestou o portavoz popular, quen apuntou que “onde os nacionalistas falan de fracaso os datos din outra cousa: a maioría dos galegos e galegas son competentes nas dúas linguas oficiais; o galego mantén unha forte presenza no ensino, na cultura e nos medios públicos; e cada vez máis xente nova accede a contidos en galego, tamén no ámbito dixital e nas redes sociais”.

Deste xeito, asegurou que “o verdadeiro reto non é cambiar leis ou decretos cada vez que o BNG presenta unha moción, senón consolidar ese uso real do galego en todos os espazos sociais, desde o respecto e a liberdade individual”.

José Luís Ferro afirmou que “imos seguir traballando no camiño que nos define: garantindo que o alumnado acabe os seus estudos sendo plenamente competente en galego e castelán; apostando polo plurilingüismo como ferramenta de futuro; impulsando programas que leven o galego á ciencia, á tecnoloxía, ao audiovisual e á creación dixital; e facendo do galego unha lingua útil, viva e querida polas novas xeracións”.

O Grupo Popular afirma que a Xunta negocia un novo incremento da súa aportación aos concellos para o servizo de axuda no fogar

A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta está negociando un novo incremento da súa aportación aos concellos para o servizo de axuda no fogar, pero insistiu en que “o Goberno de Pedro Sánchez pague os máis de 2.500 millóns de euros que debe a Galicia pola prestación dos servizos da dependencia, que poderían destinarse a máis horas de axuda a domicilio, construción ou dotación das residencias dos maiores e centros de día, ou a teleasistencia”.

Raquel Arias asegurou que “nacionalistas e socialistas galegos son culpables de que todos os dependentes e as persoas con discapacidade en Galicia non teñan os servizos e prestacións que por lei lles corresponde, xa que o Goberno central estalle a negar á Comunidade galega o 50 por cento que lle corresponde pola prestación da dependencia”. “Díganlles a eses maiores galegos que Pedro Sánchez lle vai pagar ao Goberno vasco a metade dos custos da lei da dependencia, mentres a Galicia só lle abona o 35 por cento, e baixando ano tras ano”, pediu aos deputados de BNG e PSdeG.

Así mesmo, a portavoz popular criticou o recente recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central contra o plan de choque da valoración da dependencia e a discapacidade posto en marcha pola Xunta este ano, “unha decisión que vai prexudicar a 9.000 persoas con discapacidade galegas co aplauso dos socialistas galegos e o apoio implícito do BNG”.

Na súa intervención, Arias destacou que Galicia é a segunda comunidade na que máis se reduciu a lista de agarda da dependencia no último semestre, exactamente un 38 por cento respecto ao mesmo período de 2024; e, “segundo o puxo de manifesto o propio Goberno central, Galicia é a segunda comunidade na que máis subiu o número de beneficiarios, chegando aos 88.000 dependentes atendidos e unha ratio de atención dos xa valorados do 98 por cento”.

Para rematar, a portavoz popular puxo en valor o protocolo para reforzar a seguridade e a saúde laboral das traballadoras do servizo de axuda no fogar, aprobado onte polo Goberno galego, “un documento elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia a petición da mesa de traballo impulsada pola Fegamp”.

Este protocolo ten en conta o perfil feminizado da actividade e a realidade específica do traballo nos pequenos concellos do rural, actuando sobre tres eixes clave: identificar e xestionar os riscos nos domicilios, optimizar a organización no traballo e reforzar a formación das profesionais.

O PPdeG esixe unha rectificación ao BNG por cualificar a María Corina Machado de «fascista»

O Partido Popular de Galicia condena as palabras e pide unha rectificación ao BNG despois de que hoxe, no Parlamento, tildara en dúas ocasións de «fascista» á opositora venezolana María Corina Machado, recentemente nomeada como Premio Nobel da Paz 2025.

O independentismo galego asegurou que Machado «chama a invadir ao seu propio país» e «que se quedaron cos recursos dos venezolanos», unhas afirmacións que en opinión do PPdeG son absolutamente inaceptables.

Os populares galegos lamentan que Ana Pontón estivera ausente do hemiciclo na primeira das intervencións e non levantara a vista do móbil na segunda, do mesmo xeito que tampouco se atreveu a sentarse con Bildu a semana pasada na reunión que mantivo a súa formación cos herdeiros de ETA, pero, sinalan desde o PPdeG, por moito que se esconda, a ideoloxía radical do BNG é tamén a súa.

O PP de Galicia non pode esperar nada dun partido, socio do PSOE de Pedro Sánchez, que chama fascista a un Premio Nobel da Paz e que di que o seu lado da Historia é o que lideran Nicolás Maduro ou Vladimir Putin.

O Grupo Popular afirma que a nova Lei de prevención de condutas aditivas en menores situará a Galicia á vangarda das políticas de saúde pública

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, asegurou hoxe que coa nova Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas, que hoxe superou o debate de totalidade e continuará a súa tramitación parlamentaria, “Galicia da un paso adiante para situarse á vangarda das políticas de saúde pública, con medidas baseadas na evidencia científica e na experiencia acumulada dos profesionais e as entidades sociais”.

Encarna Amigo lembrou que “a metade dos adolescentes de 14 a 18 anos consumiron bebidas enerxéticas no último mes, e un número crecente mestúraas con alcohol; ao tempo que o consumo de vapeadores e cigarros electrónicos medra a un ritmo alarmante”. “Diante desta situación, non podemos mirar para outro lado e temos a obriga, legal e moral, de protexer ás xeracións máis novas fronte a riscos que poden comprometer o seu desenvolvemento físico, emocional e social”, indicou.

“Esta lei nace, precisamente, para previr antes de curar, para educar antes de sancionar e para acompañar antes de estigmatizar”, manifestou a portavoz popular, quen fixou tres principios básicos desta norma: a prevención e promoción da saúde; a protección dos dereitos da infancia e da adolescencia; e a corresponsabilidade social, “porque esta loita non é só das administracións, senón tamén das familias, dos centros educativos, dos concellos e da sociedade no seu conxunto”.

MEDIDAS CONCRETAS

Entre as medidas incorporadas nesta nova lei, Encarna Amigo destacou a prohibición e venda de vapeadores e bebidas enerxéticas a menores; a regulación da publicidade e promoción destes produtos; a prevención das adicións dixitais, incluíndo actuacións sobre o uso abusivo das redes sociais, dos videoxogos e das novas tecnoloxías; o reforzo da educación para a saúde nos centros escolares e no ámbito familiar; a detección temperá e atención integral ás condutas de risco desde o sistema sanitario público; ou a coordinación institucional entre as administracións públicas, o tecido asociativo e as entidades sociais cunha traxectoria recoñecida na prevención das adicións.

“Estamos a falar dunha lei moderna, integral e pioneira, coa que Galicia será unha das primeiras comunidades en contar cun marco normativo que aborda conxuntamente o consumo de substancias e as adicións sen substancia, incluíndo o uso das tecnoloxías dixitais”, sinalou a portavoz popular, quen anotou que “non estamos a falar de limitar dereitos, senón de garantir o dereito fundamental á saúde dos menores, que sempre debe prevalecer sobre intereses comerciais ou de consumo”.

O Grupo Popular asegura que a nova Lei do Clima “suporá un avance importante para acadar que Galicia sexa unha rexión neutra en emisións”

O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a futura Lei do Clima de Galicia, que hoxe pasou o seu trámite de debate de totalidade, “suporá un avance moi importante para acadar que a Comunidade galega sexa unha rexión neutra en emisións, mellorando os rexistros que xa presenta na actualidade e que a sitúan como líder en redución de emisións netas de CO2 desde 1990”.

Gonzalo Trenor salientou que “Galicia está a reducir as emisións netas de CO2 a un ritmo cinco veces superior ao conxunto de España, superando xa o obxectivo do 55 por cento establecido pola Unión Europea para 2030”. “Con esta norma, Galicia será a primeira comunidade autónoma en establecer por lei o adianto en dez anos do obxectivo de neutralidade climática, fixado pola Unión Europea en 2050”, concretou.

En concreto, o portavoz popular manifestou que a nova lei “nace para contribuír a mitigar as causas do cambio climático, limitando as emisións de gases de efecto invernadoiro a través do impulso das enerxías renovables ou a eficiencia enerxética”.

O Grupo Popular pedirá no Pleno da vindeira semana que o Parlamento galego condene o réxime de Nicolás Maduro en Venezuela e esixe a liberación inmediata dos presos políticos

O Grupo Popular levará ao Pleno do Parlamento galego da vindeira semana unha proposición non de lei, coincidindo coa concesión do Premio Nóbel da Paz a María Corina Machado, a través da que se condena enerxicamente o réxime de Nicolás Maduro polo encarceramento de prisioneiros políticos, esixindo a liberación inmediata e incondicional de todos eles e das persoas detidas arbitrariamente en Venezuela.

Por outra banda, o Grupo Popular tamén demandará ao Goberno de España a posta en marcha de medidas urxentes para que non se volva repetir o caos que se desata cada vez que se suspende o servizo ferroviario, ao tempo que se solicita o desbloqueo urxente de proxectos prioritarios para Galicia en materia ferroviaria que se atopan retrasados.

A orde do día da sesión plenaria, aprobada esta mañá na Xunta de Portavoces, inclúe a comparecencia do conselleiro de Emprego para informar das accións que está a desenvolver este departamento do Goberno galego na procura de reter e sumar talento cara a cobertura de postos vacantes no eido laboral.

PARTICIPACIÓN DA OPOSICIÓN EN VENEZUELA

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular pedirá que o Parlamento galego condene enerxicamente o réxime de Nicolás Maduro en Venezuela polo encarceramento de centos de prisioneiros políticos que se atopan detidos en condicións que vulneran as regras mínimas de Nacións Unidas para o tratamento de reclusos. Neste sentido, esixe a liberación inmediata e incondicional de todos estes prisioneiros políticos e das persoas detidas arbitrariamente, así como o pleno restablecemento dos seus dereitos e liberdades, instando ao réxime de Nicolás Maduro a que poña fin á súa política de represión e aos seus ataques contra a sociedade civil e a oposición.

A iniciativa do Grupo Popular demanda, ademais, que a comunidade internacional apoie o retorno á democracia en Venezuela, na que debe permitirse a plena participación da líder da oposición ao réxime e recentemente recoñecida co Premio Nóbel da Paz, María Corina Machado.

A segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten que ver coas habituais interrupcións do tráfico ferroviario que están a sufrir os usuarios destes servizo de transporte, acompañado dunha total falta de información e ausencia dunha alternativa para realizar os desprazamentos necesarios. Investimentos pendentes desde hai anos; supresións de servizos desde a pandemia; falta de ofertas de prazas; frecuencias insuficientes; incumprimentos de horarios; tempos de viaxe e supresión de servizos sen previo aviso; material obsoleto con continúas avarías; ou límites á compra anticipada son algúns das deficientes que padecen os usuarios do servizo ferroviario en Galicia e en toda España, resultado dunha xestión neglixente do Goberno de Pedro Sánchez.

Diante desta situación, o Grupo Popular demandará no Pleno que o Goberno central a posta en marcha das medidas urxentes necesarias para que non se volva a repetir o caos ferroviario que se desata cada vez que se suspende o servizo ferroviario, tanto no referente a medios a dispoñer, información ás persoas usuarias e comunicación e coordinación caos administracións afectadas. Así mesmo, pídese o desbloqueo urxente de todos os proxectos prioritarios en materia ferroviaria pendentes para Galicia e dos que non se teñen novas.

Polo que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola súa valoración respecto a que, un ano despois da aprobación da coñecida como Lei ELA, esta norma aínda non conte coa dotación orzamentaria necesaria para a súa materialización; sobre os resultados do programa de cribado de cancro de mama desde a súa posta en marcha hai xa máis de 30 anos; e sobre a proposta de nova PAC que prevé entrar en vigor a partir do ano 2027.

O PPdeG lamenta que o debate da transferencia da AP-9 se prorrogue por 60ª vez: “Os anuncios triunfalistas e sen fundamento non conducen a nada”

O PPdeG lamentou hoxe a aprobación da prórroga número 60, desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa, ao prazo de presentación de emendas á proposición de lei orgánica relativa á transferencia da AP-9 a Galicia.

Despois de que a semana pasada a Mesa do Congreso pechara o prazo das emendas á totalidade, esta mañá decidiu non pechar o prazo das emendas ao articulado, adiando a lo menos unha semana máis esa decisión.

En total, xa van 45 aprazamentos nesta lexislatura, que sumados aos 15 da anterior suman os mencionados 60. Así, son xa case seis anos de bloqueo desde que en decembro de 2019 dera inicio a tramitación desta proposición na Cámara Baixa.

Cómpre lembrar que semana pasada, o deputado do BNG dicía confiar dun xeito “claramente triunfalista” en que esta semana se pechara o prazo de emendas ao articulado, pero “tal cousa non ocorreu” e “o independentismo galego foi enganado unha vez máis polo Goberno de Sánchez”, denunciou hoxe, en declaracións remitidas aos medios, o deputado galego do PPdeG e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado.

“Isto acredita que a manifestacións triunfalistas e absolutamente sen fundamento non conducen a nada”, engadiu.

Segundo Delgado, é “imprescindible” pechar xa o prazo de presentación de emendas ao articulado, porque esa “é a única maneira que temos de que esta iniciativa pase a comisión, poida debaterse e poida aprobarse”.

“Todo o demais, manifestacións e conivencias entre o Goberno de Sánchez e o BNG, simplemente para aparentar que as cousas se moven, non conducen a nada. Desde o PPdeG seguiremos insistindo para que remate xa este adiamento inxustificado que constitúe un agravio a Galicia”, rematan os populares sobre a transferencia da autoestrada á nosa Comunidade, que foi demandada catro veces de forma unánime polo Parlamento autonómico.