O Grupo Popular asegura que a Xunta non ten dereito de adquisición preferente sobre o Pazo de Montesacro de Cambados porque non conta coa declaración como ben de interese cultural

A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, explicou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que o Pazo de Montesacro de Cambados non conta coa declaración como ben de interese cultural (BIC) polo que a Xunta non ten ningún dereito de adquisición preferente sobre este inmoble. “PSOE e BNG saben perfectamente que este pazo non é BIC porque o propio Concello de Cambados ten solicitada esta declaración, aínda que non estean a enviar a documentación necesaria para que esta solicitude avance na súa tramitación”, sinalou.

Raquel Arias criticou que “o único obxectivo do BNG co Pazo de Montesacro é manipular á opinión pública con propostas que saben perfectamente que son legalmente imposibles e buscando unicamente un beneficio político, en ningún caso dos veciños de Cambados e da súa contorna”.

FIGURA NO CATÁLOGO DE PATRIMONIO, NON NO REXISTRO DE BIC

Na súa intervención explicou que o Pazo de Montesacro atópase no ámbito dun ben de interese cultural como é o conxunto histórico da vila de Cambados; ao tempo que se considera integrado no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, ao aparecer recollido individualmente singularizado no catálogo dun instrumento de planeamento urbanístico. “En definitiva, este pazo figura no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, pero non no Rexistro de Bens de Interese Cultural”, incidiu.

Neste sentido, a portavoz popular negou que a Xunta poida exercer os dereitos de adquisición preferente estipulados na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e incorporalo ao patrimonio público co fin de impulsar unha residencia de titularidade pública porque “estes dereitos só poden ser exercidos sobre os bens de interese cultural e non sobre bens catalogados”, como é o caso do Pazo de Montesacro.

“Se o Concello de Cambados estivera preocupado por ter unha nova residencia puido acollerse ao plan de investimentos posto en marcha pola Xunta para este fin, dotado con 18,5 millóns de euros e que vai permitir que durante este ano Galicia conte con 450 novas prazas de maiores”, afirmou.

Ademais, Raquel Arias destacou que a Consellería, “desde o mesmo momento que soubo do interese da congregación de pechar este centro de Cambados, estivo vixiante para que se cumprise escrupulosamente a lei e todos os usuarios do centro estiveran reubicados”.

O Parlamento esixe a dimisión ou cese da ministra de Igualdade pola neglixente xestión das pulseiras de protección ás vítimas de violencia de xénero

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe a dimisión ou cese da ministra de Igualdade, Ana Redondo, pola neglixencia na xestión das pulseiras Cometa para a protección de vítimas de violencia de xénero, os recortes orzamentarios aplicados e a ocultación destes fallos durante meses. Así mesmo, pídese que se informe ao Goberno galego de cantos casos de desprotección de vítimas de violencia de xénero tiveron lugar durante o fallo neste sistema de protección, cantas mulleres portaban dispositivos telemáticos de control durante os últimos doce meses, as incidencias ocorridas nos devanditos dispositivos e as medidas adoptadas para emendar estas deficiencias e garantir a seguridade das vítimas.

A proposición non de lei tamén solicita ao Consello Xeral do Poder Xudicial un informe que acredite que este fallo xa foi solucionado e que o sistema actual non supón un risco para seguridade das mulleres, ao tempo que reclama ao Goberno de Pedro Sánchez dotación económica, técnica e humana suficiente para garantir a plena implantación, mantemento e correcto funcionamento do sistema de pulseiras Cometa no conxunto de España.

FALLOS COÑECIDOS, IGNORADOS, OCULTADOS E MINIMIZADOS

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, subliñou que “estas pulseiras non son só un dispositivo electrónico, senón tamén unha ferramenta que, para moitas mulleres, separa a vida da morte”, polo que criticou que estes fallos “foron coñecidos, ignorados, ocultados e minimizados polo mesmo organismo encargado de velar porque nunca se tivera producido: o Ministerio de Igualdade”, indicou.

“Aquí o único que mentiu foi o Goberno de Pedro Sánchez, que o sabía pero preferiu mirar cara outro lado e non facer nada, amparado polo BNG que pide o cese da conselleira de Política Social en Galicia e non da ministra de Igualdade por este escándalo, demostrando que para eles existen persoas con dereitos de primeira e de segunda”, manifestou.

Paula Prado lamentou que “o Goberno que presumía de ser o máis feminista, converteuse en realidade no Goberno máis lesivo para os dereitos das mulleres da historia de España”. Neste sentido, lembrou que “deixou esmorecer o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado e orzamentado polo Goberno de Mariano Rajoy en 2017, quedando sen implantar medidas como a supresión no Código Penal dos atenuantes de confesión e de reparación do dano en casos de violencia de xénero; a introdución na Lei de Axuizamento Criminal de criterios de risco que impidan que poidan diminuír as ordes de protección; ou a eliminación das esixencias de fianza para que as asociacións poidan personarse nos procedementos de violencia de xénero”.

“Non satisfeitos con iso, en 2022 cometeron a maior infamia de todas: a aprobación da nefasta Lei do só si é si; ao que se sumou o ano seguinte a Lei trans, que vai tan en contra das mulleres que ata cuestiona o propio concepto de ‘muller’”, dixo a viceportavoz popular. Ademais, criticou a “particular cruzada do sanchismo contra as mulleres que queren ser nais e contra as familias, fomentando a discriminación laboral das mulleres embarazadas, ao eliminar a bonificación pola súa substitución e negarse a aplicar deducións fiscais para a contratación; ou poñendo trabas á conciliación, primeiro coa Lei de paridade, que permitiu ás empresas despedir aos empregados que soliciten permisos de conciliación familiar, ou co recorte de financiamento do Plan Corresponsables”. “E todo isto ao tempo que recortaban tamén en seguridade, con máis de 1.000 efectivos menos de policías nacionais e gardas civís e cunha ratio de un axente por cada 206 vítimas de violencia de xénero en Galicia”, rematou.

O Parlamento galego apoia as accións da Xunta ante o recurso de inconstitucionalidade do Goberno central contra o plan de choque da dependencia e a repotenciación dos parques eólicos

O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se apoia cantas iniciativas impulse a Xunta de Galicia, incluída a vía xudicial, en defensa do seu autogoberno, que pode verse violentado na súa capacidade de impulso lexislativo polos recursos de inconstitucionalidade que, con carácter político partidista, promove o Goberno de Pedro Sánchez, contra determinados preceptos da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas que regulan o plan de axilización da dependencia e da discapacidade e a repotenciación dos parques eólicos.

O portavoz popular, Alberto Pazos, lembrou que “un Goberno de Pedro Sánchez profundamente antigalego leva anos atacando de maneira constante e planificada o autogoberno de Galicia, obrigándonos a pelexar nos tribunais o que a outros se lles concede graciosamente”. “España asiste á consolidación dun Estado de dúas velocidades, no que as esixencias dos socios do sanchismo circulan por vías de alta capacidade mentres as dos territorios menos compracentes discorren por tortuosas corredoiras pragadas de socavóns”, indicou.

VENDETA

“Galicia está sendo sacrificada nos altares do progresismo por un Goberno incapaz de aceptar democraticamente que os galegos non comulgan con rodas de muíño, pero non podemos asumir que a resposta ao castigo sufrido nas urnas galegas sexa unha lamentable vendeta”, lamentou.

Alberto Pazos explicou que “o último episodio deste novo intento de doma e castración de Galicia e o recurso de inconstitucionalidade aprobado polo Goberno central contra dúas medidas enfocadas a beneficiar de maneira clara e directa aos homes e mulleres de Galicia: que se simplifique e acelere a tramitación do recoñecemento da discapacidade e da dependencia; e que se obrigue ás empresas eólicas a compensar a concellos e veciños afectados por procesos de repotenciación de parques, ao tempo que se reduce o seu impacto visual e ambiental”.

En concreto, apuntou que “o Goberno de Pedro Sánchez considera inconstitucional a homologación automática do recoñecemento da discapacidade a persoas con dependencia, unha medida da que xa se beneficiaron máis de 10.200 galegos no que vai de ano, e o máis sorprendente é que ao mesmo tempo copia esta medida, incorporándoa á Lei de Dependencia pero limitando o seu alcance: mentres en Galicia se concede aos dependentes de grao 3 ata o 100 por cento de discapacidade, o Goberno de España tan só chega ao 65 por cento”.

582 AEROXERADORES MENOS

“O Goberno de España tamén está en contra dos beneficios de carácter ambiental, da creación de emprego a nivel local, da participación de investidores locais, do impulso á investigación ou da redución de custos enerxéticos para consumidores locais que a lei galega asocia á repotenciación dos parques eólicos”, sinalou o portavoz popular, quen concretou que o obxectivo é reducir de 733 a 151 aeroxeradores, aumentar un 34,5 por cento a produción de enerxía e redución o ámbito territorial afectado, segundo se recolle no informe elaborado pola Universidade de Vigo.

Para rematar, Alberto Pazos lamentou que BNG e PSdeG se posicionaran “en contra dos que implementan un plan de choque da dependencia, e a favor de quen o paraliza; e en contra dos que impulsan medidas que incomodan ás grandes empresas enerxéticas, pero a favor dos que paralizan esas medidas”. “Nós imos seguir impulsando as medidas necesarias para defender a Galicia deste novo atropelo dun Goberno que xa non pode ofrecer á Comunidade galega máis que desigualdade, discriminación e unha profunda carraxe”, dixo.