O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno central que modifique a normativa fiscal vixente para que as obras de construción, reforma ou rehabilitación de centros educativos públicos tributen a un tipo reducido do 10 por cento de IVE, ao tratarse de actuacións vencelladas á prestación dun servizo esencial e básico como é a educación. Así mesmo, pídese que habilite un fondo específico de cooperación territorial para que as administracións autonómicas e locais conten con máis recursos coa finalidade última de mellora dos centros educativos e adaptalos aos novos retos da sociedade actual.
A portavoz popular de Educación, Cecilia Vázquez, asegurou que a redución da tributación ao 10 por cento das obras en centros educativos públicos “permitiría ampliar o número de intervencións e optimizar os recursos públicos”, porque afirmou que “é hora de que o Goberno do Estado se implique de maneira efectiva na modernización das infraestruturas educativas do conxunto de España”.
INICIATIVA PIONEIRA EN GALICIA
Na súa intervención, Cecilia Vázquez destacou que “a Xunta leva anos realizando actuacións de modernización e mellora dos centros educativos galegos para adaptalos ás novas realidades do ensino”. En concreto, a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica lévanse investido desde o ano 2021 máis de 331 millóns de euros en preto de 3.000 actuacións nos centros de ensino galegos.
“Este plan é unha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe”, indicou a portavoz popular. Así, a través deste plan lévanse a cabo actuacións de rehabilitación integral, cambio de cubertas, substitución de fiestras, renovación de luminarias e instalación de caldeiras ou de paneis solares.
Cecilia Vázquez sinalou que “o Goberno do Estado non pode permanecer alleo á situación das infraestruturas educativas” e, ademais de demandar a rebaixa do IVE ao 10 por cento para as actuacións de construción, reforma ou rehabilitación nos centros de ensino, puxo de manifesto “a importancia de aproveitar a oportunidade das achegas europeas para mellorar as infraestruturas educativas a través de partidas específicas”.
“O Ministerio de Educación non escoitou esta proposta que xa lle fixo chegar a Xunta e neste momento non existe unha ferramenta específica habilitada polo Goberno do Estado para colaborar coas administracións de todo o país na mellora e actualización dos centros educativos”, lamentou.