O Grupo Popular defende o traballo dos servizos de inspección de servizos sociais da Xunta e critica que o BNG “volva repetir hoxe como un papagaio as falsidades que utilizou Ana Pontón no Pleno”

A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, defendeu hoxe a todo o persoal de inspección de servizos sociais da Xunta ante o novo ataque que sufriron hoxe por parte do BNG, logo de que o deputado Iago Tabarés “repetira como un papagaio todas e cada unha das falsidades coas que a súa lideresa Ana Pontón aderezou a súa pregunta ao Presidente Rueda no Pleno o pasado mércores”. “Para a súa tranquilidade, o peche das vivendas comunitarias para maiores de Amoeiro e Xinzo son a mellor demostración de que a Xunta vela porque os usuarios destes centros teñan os mellores coidados, cos mellores medios e atendidos polos mellores profesionais, e, se isto non é así, realiza os correspondentes requirimentos e, en último caso, se pecha o servizo inmediatamente”, explicou.

Raquel Arias lamentou que “o deputado nacionalista non atendera ás explicacións profusas que deu o Presidente Rueda no último Pleno sobre as razóns do peche das vivendas comunitarias de Amoeiro e Xinzo, onde quedou claro que nestas casas do maior leváronse a cabo varias inspeccións, cos conseguintes requirimentos, e se procedeu ao seu peche contundente no momento que se comprobou que non adoptaban as medidas oportunas para prestar a mellor atención aos maiores”.

“O deputado nacionalista tampouco se quixo enterar no pasado Pleno de que, unha vez decidido o peche destas dúas vivendas comunitarias de maiores, a Xunta púxose inmediatamente en contacto coas súas familias para comunicarlles a situación e proceder á reubicación de todos os usuarios en centros públicos autonómicos da contorna”, destacou.

A deputada popular criticou “a dobre moral do BNG, obsesionado con intentar crear malestar entre os usuarios dos servizos de atención á dependencia en Galicia ao mesmo tempo que aplauden no Congreso que ao País Vasco se lle pague a metade do custo da dependencia e a Galicia se lle reduza ano tras ano a aportación estatal, chegando o pasado ano ao 35 por cento”.

O Parlamento solicita a realización de campañas para atraer á mocidade aos comercios locais

O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable dos deputados do PSdeG, a través da que se solicita a realización de campañas focalizadas en atraer á mocidade aos comercios locais, co fin de xerar vínculos de valor deste sector en Galicia e posibilitar tanto unha posible remuda xeracional como a fidelización de potenciais clientes.

A portavoz popular de Comercio, Felisa Rodríguez, considerou “imprescindible desenvolver campañas específicas dirixidas á mocidade, empregando os seus modos de interacción e comunicación, que se centran no ámbito en liña e nas redes sociais”.

NOVA CAMPAÑA PARA O CURSO 2025-26

Neste sentido, lembrou que a Xunta puxo en marcha este ano a campaña Localízate! No teu comercio local, dirixida a conectar aos estudantes de ESO e ciclos formativos de grao básico co comercio de proximidade. Os obxectivos principais desta iniciativa, na que participaron 600 estudantes das cidades de Ourense, A Coruña, Vigo e Lugo e máis de 70 comercios locais, son achegar o comercio local aos máis novos, promover estes establecementos e fomentar a sostibilidade.

“Logo do éxito desta campaña no fomento dunha conexión real da mocidade co comercio local, a Xunta xa está na fase de captación ou inscrición de participantes nas sete grandes cidades galegas para desenvolver unha nova edición neste curso 2025-26, co obxectivo de duplicar as cifras da primeira convocatoria e procurando sensibilizar, especialmente coa fase práctica, sobre a importancia e a valía da experiencia de compra no comercio local”, indicou Felisa Rodríguez.

O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno de España que reforce as campañas de promoción do consumo de peixe, marisco e conservas

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que reforce as campañas de promoción do consumo de peixe, marisco e conservas cun plan estatal de alcance plurianual, dotado de financiamento suficiente, que combine accións de comunicación, educación alimentaria en colexios e comedores, e apoio ao comercio retallista de proximidade.

Así mesmo, pídese que impulse a redución do IVE aplicable ao peixe e marisco, en liña con outros produtos básicos da dieta, para facilitar o seu acceso a todas as familias, ao tempo que apoie de forma específica ás peixarías tradicionais, como puntos de venda esenciais para o mantemento do consumo e para a cohesión de barrios e pobos.

O deputado popular Manuel Santos puxo en valor “a importancia de seguir impulsando o consumo de peixe, de defender ao sector pesqueiro galego e de promover hábitos de alimentación saudable entre a cidadanía, especialmente entre as novas xeracións”. “Non falamos só de apoiar un produto, senón de defender un sector estratéxico para Galicia e de apostar polo futuro da nosa economía azul, porque fomentar o consumo de peixe é tamén fomentar Galicia: é apoiar o emprego, o desenvolvemento sostible e a calidade alimentaria”, apuntou.

TENDENCIA DESCENDENTE NO CONSUMO

Manuel Santos lembrou que “o consumo de peixe no conxunto de España mantén unha tendencia descendente nos últimos anos, situándose moi por baixo das recomendacións nutricionais”, unha situación que “de seguir pode derivar no peche de arredor de 5.000 peixerías tradicionais”.

Por este motivo, demandou a posta en marcha dun plan estatal de promoción do consumo de produtos do mar en coordinación coas comunidades autónomas costeiras, especialmente Galicia, dado que concentra máis do 40 por cento do volume pesqueiro español.

Ademais, o deputado popular manifestou que “o peixe e o marisco tributan ao 10 por cento de IVE, mentres que produtos como o pan, o leite ou as froitas teñen un tipo reducido do 4 por cento, ao tempo que outros alimentos frescos foron temporalmente bonificados co 0 por cento durante a crise inflacionaria”, ante o que reclamou que o Goberno central “impulse unha rebaixa estrutural do IVE ao 4 por cento para o peixe e o marisco en tanto se manteña a caída do consumo”.

Por último, Santos demandou que “o Goberno central debe promover campañas que inclúan as conservas e produtos elaborados, no só o peixe fresco, e protexer a este sector da entrada de produtos procedentes de países con estándares de produción moi por debaixo dos esixidos pola normativa comunitaria”.

O Parlamento de Galicia solicita á Comisión Europea que a revisión da prohibición da pesca de fondo se basee en informes científicos actualizados

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reclama que o Goberno de España solicite á Comisión Europea que a revisión da prohibición da pesca de fondo se basee en informes científicos actualizados e sólidos, acompañados dunha avaliación socioeconómica sobre as comunidades costeiras galegas. Así mesmo, pídese un fondo europeo específico para a pesca suficientemente dotado e rexeitar os recortes anunciados no futuro marco financeiro plurianual.

O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, lembrou que “a decisión da Comisión Europea de prohibir a pesca de fondo en 87 áreas mariñas, adoptada en 2022, xerou unha gran preocupación no sector pola súa falta de base científica suficiente e pola ausencia dunha avaliación socioeconómica rigorosa”.

“Estas zonas de pesca do Atlántico Norte constitúen importantes caladoiros de diferentes frotas galegas, especialmente de portos galegos como Burela, Celeiro, Vigo, Ribeira ou A Coruña”, concretou. Ademais, a prohibición podería chegar a ter un impacto sobre máis dun milleiro de buques galegos, ben polo desprazamento de parte da frota das zonas de pesca vedadas a outras libres nas que xa faenan outras embarcacións, ou ben polo risco de que esas restricións medren no futuro.