Deputados do PPdeG visitan as instalacións de AGAELA en Santiago e amosan o compromiso da Xunta cos enfermos de ELA a través de axudas directas de 12.000 euros e as futuras rebaixas fiscais

Os deputados do Grupo Popular Carmen Pomar, Rubén Lorenzo e Gonzalo Trenor visitaron hoxe as novas instalacións da Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) en Santiago e salientaron o compromiso da Xunta con estes enfermos, que se manifesta na axuda anual de 12.000 euros para cada enfermo e as anunciadas rebaixas fiscais que se aplicarán desde o vindeiro ano. Pola contra, criticaron que “un ano despois da aprobación da Lei ELA, os enfermos, os seus familiares e coidadores aínda seguen esperando as axudas prometidas polo Goberno de Pedro Sánchez”.

Carmen Pomar, Rubén Lorenzo e Gonzalo Trenor felicitaron aos responsables de AGAELA polo traballo que realizan de atención e compromiso cos afectados e familiares de ELA, “un esforzo para o que sempre terán ao seu carón tanto ao Goberno de Alfonso Rueda como ao Partido Popular”.

Neste sentido, lembraron que Galicia foi a primeira comunidade autónoma de España en contar cunha axuda directa para as persoas diagnosticadas con esclerose lateral amiotrófica. En concreto, a Xunta subvenciona con ata 12.000 euros ao ano a cada paciente con esta enfermidade para que poida facer fronte aos cuantiosos gastos que debe facer fronte para conseguir vivir nunhas condicións dignas, aportación que poderá destinarse a sufragar aqueles gastos que nos estean cubertos polo sistema público de saúde.

AXUDAS E DESGRAVACIÓNS FISCAIS

“Estas importantes axudas, para as que o Goberno galego destina este ano 2,4 millóns de euros, veranse complementadas en 2026 con desgravacións fiscais ás que poderán acceder os enfermos de ELA, tal e como xa anunciou esta semana o Presidente Rueda que se recollerá nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano”, subliñaron os deputados populares.

Porén, criticaron o “desprezo e engano que están sufrir os enfermos de ELA por parte do Goberno de Pedro Sánchez, incapaz de poñer enriba da mesa unha partida orzamentaria para dar cumprimento ao recollido na Lei aprobada hai máis de un ano por unanimidade do Congreso”.

“A parálise e extrema debilidade na que vive o actual Goberno de España é tan patente que, ademáis de ser incapaces de aprobar uns orzamentos do Estado desde hai tres anos, son incapaces de conseguir 230 millóns de euros para financiar a Lei ELA e atender as demandas dos enfermos, a pesar de que son capaces de mover milleiros e milleiros de euros para cumprir coas demandas dos seus socios parlamentarios e de contar con cuantiosos fondos europeos cos que atender estas necesidades”, sinalaron.

O PPdeG asegura que o remate da autovía Nadela-Sarria é a mellor demostración do compromiso do Goberno galego co desenvolvemento e a mellora das infraestruturas da provincia de Lugo

Os deputados do Grupo Popular Nicole Grueira e Enrique Barreiro, acompañados do alcalde do Páramo, José Luís López, e da voceira do PP en Sarria, Carmen José López, salientaron hoxe que a aprobación do proxecto de trazado do último tramo da futura vía autovía Nadela-Sarria “é a mellor demostración do compromiso firme do Goberno galego co desenvolvemento e a mellora das infraestruturas de Lugo, fronte a un Goberno central que o único que fai é poñer atrancos ao progreso desta provincia: sen trens, sen AVE, con estradas nacionais en pésimo estado e cunha autovía a Santiago en permanente prórroga de finalización”.

“Mentres o Goberno de Pedro Sánchez leva anos esquecendo e desconectando a provincial de Lugo en materia de comunicacións por estrada ou ferroviarias, o Goberno de Alfonso Rueda actúa con responsabilidade e aposta por mellorar as comunicacións nesta provincia, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades para todos os lucenses”, manifestaron.

En concreto, destacaron que a conversión en autovía de todo o corredor Lugo-Sarria, logo de que a Xunta aprobada esta semana o proxecto de desdobramento do último tramo de 13,5 quilómetros entre Nadela e Pobra de San Xiao, permitirá acurtar o tempo de viaxe entre ambas localidades e beneficiará aos máis de 100.000 veciños que residen nesta zona.

“Fronte á deixadez do Goberno central con Lugo, o Goberno galego cumpre, inviste, planifica e mellora as infraestruturas que son clave para o futuro da provincia, que serán unha peza fundamental para atraer investimento, xerar emprego e fixar poboación nesta provincia”, afirmaron.

O Grupo Popular defende que a Unión Europea manteña recursos equivalentes e homologables á actual PAC e aos fondos FEAGA e FEDER

Os deputados do Grupo Popular Miguel Ángel Viso e Cristina Campero defenderon hoxe o mantemento por parte da Unión Europea dun orzamento específico e suficiente para o sector agrícola e gandeiro, con recursos equivalentes e homologables á actual Política Agrícola Común (PAC) e aos fondos FEAGA e FEADER, de forma que se garanta a competitividade, modernización e viabilidade futura do sector.

Cristina Campero e Miguel Ángel Viso visitaron a explotación gandeira en extensivo Balín na comarca da Limia, onde mantiveron un encontro cos seus responsables para abordar a situación actual do sector primario e o futuro da Política Agrícola Común ante a proposta da Comisión Europea de reducir os fondos nun 20 por cento no próximo marco financeiro.

PREOCUPACIÓN POLA VIABILIDADE DAS EXPLOTACIÓNS

Durante a reunión, os gandeiros trasladaron aos deputados populares a súa preocupación pola viabilidade das explotacións agrogandeiras, especialmente as de pequena e mediana escala, que dependen en boa medida das axudas europeas para manter a súa actividade. Neste sentido, alertaron de que un recorte desa magnitude podería ter un forte impacto sobre a economía rural, o emprego no agro e a continuidade das explotacións familiares.

Os deputados populares mostraron o seu apoio incondicional ás demandas do sector e manifestaron a súa clara oposición a calquera recorte dos fondos da PAC, por consideralos unha ameaza directa ao futuro do medio rural galego. Ademais, subliñaron a importancia de que a Unión Europea manteña un compromiso firme co sector primario, especialmente nas rexións con características singulares como Galicia, onde a dispersión xeográfica, o minifundismo e o avellentamento da poboación agraria requiren dunha atención específica.

“Non podemos permitir que o esforzo e dedicación das nosas mulleres agricultoras e gandeiras se vexa penalizado por decisións que non teñen en conta a realidade do rural galego”, aseguraron os deputados, e avanzaron que “desde o PP defenderemos, tanto en Galicia como en Madrid e en Bruxelas, unha PAC forte, xusta e adaptada ás necesidades do noso territorio”.

Así, incidiron que o Partido Popular se compromete a seguir traballando da man dos colectivos agrogandeiros, escoitando as súas propostas e levando a súa voz ás institucións para evitar que o medio rural quede atrás nas políticas europeas. “Todo isto porque a defensa do campo galego e do papel fundamental que desempeñan as mulleres no sector primario é e seguirá sendo unha prioridade na axenda política do PP”, anotaron.

O PPdeG reclama ao Goberno central a inmediata posta en marcha do IVE franquiciado, que aliviaría a carga fiscal de máis de 100.000 autónomos galegos

Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña e Manuel Santos demandaron hoxe ao Goberno central a aplicación inmediata do réxime especial de franquicia do IVE, previsto na Directiva europea 2020/285 e que debía estar vixente desde o 1 de xaneiro de 2025, o que aliviaría considerablemente a carga fiscal de máis de 100.000 autónomos galegos que teñen un volume de negocio por baixo dos 85.000 euros. “Pola contra, o Goberno de Pedro Sánchez prefire implantar unha suba considerable das cotas que pagan os autónomos á Seguridade Social, unha proposta que só é defendida polo Partido Socialista e que representa unha nova derrota para o Goberno”, indicaron.

Julio García Comesaña e Manuel Santos mantiveron un encontro en Pontevedra co presidente e a vicepresidenta da Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia, José Ramón Caldas e Silvia Crespo, no que abordaron as consecuencias da demora do Goberno de España na posta en marcha do réxime especial de franquía do IVE.

Esta norma, xa aplicada noutros países da Unión Europea, permitiría eximir do pago e da liquidación periódica do IVE ás pequenas empresas e autónomos cun volume de negocio anual inferior aos 85.000 euros, reducindo notablemente os custes administrativos e a carga burocrática que soporta o colectivo.

57% POR BAIXO DOS 85.000 EUROS

Segundo os datos da Axencia Tributaria, arredor do 57 por cento dos declarantes do IVE en España facturan por baixo dese limiar, o que suporía máis de 100.000 autónomos galegos potencialmente beneficiarios. Porén, España é un dos poucos Estados membros que aínda non transpuxo a Directiva, o que motivou un Ditame Motivado da Comisión Europea en xullo de 2025, paso previo a unha posible sanción por incumprimento.

“Estamos a falar dunha medida pensada para axudar, e que o Goberno converteu nun novo agravio, porque cada mes que pasa sen aplicala supón máis burocracia, máis custes e menos competitividade para miles de pequenos negocios galegos”, sinalou Manuel Santos.

Pola súa parte, Julio García Comesaña lamentou que “mentres Europa busca facilitar o crecemento dos autónomos e pemes, o Executivo central segue instalado na parálise normativa e na improvisación fiscal”.

INICIATIVAS PARLAMENTARIAS

Durante o encontro, os deputados populares explicaron que o Partido Popular demandará tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso dos Deputados que o Goberno de España proceda a transpoñer con carácter urxente a Directiva 2020/285, poñendo en funcionamento o réxime de franquía antes de rematar o ano e garantindo unha simplificación real do sistema, sen novas cargas nin limitacións adicionais.

“Desde Galicia, o PP seguirá esixindo políticas que dean respiro ao noso tecido produtivo e que recoñezan o esforzo dun colectivo esencial para a economía e o emprego da provincia”, concluíron.