Alberto Pazos destaca as novas rebaixas de impostos para familias monoparentais, contratos vitalicios, compra de libros, enfermos de ELA ou afectados dos incendios dos orzamentos para 2026

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe as novas rebaixas fiscais incorporadas aos orzamentos da Xunta para o 2026 que beneficiarán a familias monoparentais, a formación de contratos vitalicios para o coidado dos maiores, a compra de libros e material escolar, aos enfermos de ELA e ás súas familias e aos afectados pola vaga de incendios deste verán. “Estamos diante duns novos presupostos da Xunta, presentados en prazo e que dotarán á Comunidade galega dos fondos económicos necesarios para que, a partir do 1 de xaneiro, poida seguir medrando e creando emprego como viu facendo nos últimos 17 anos cos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda”, manifestou.

Ao remate da Xunta de Portavoces, na que se aprobou o calendario de comparecencias dos membros do Goberno galego, as deputacións provinciais e os organismos autónomos na Comisión 3ª para dar conta dos orzamentos dos seus respectivos departamentos, que darán comezo o vindeiro xoves, 23 de outubro, ás 10 horas co conselleiro de Facenda, Alberto Pazos criticou que BNG e PSdeG intentaran hoxe bloquear os orzamentos votando en contra da aprobación deste calendario. “Non lles chega con deixar a España durante tres anos sen orzamentos, senón que agora queren estender ese modelo a Galicia”, lamentou.

EXEMPLO A NIVEL ESTATAL

“Galicia volverá a ser un exemplo a nivel estatal ao tramitar os seus orzamentos en tempo e forma para que estean totalmente vixentes o 1 de xaneiro”, destacou o portavoz popular, quen contrapuxo esta situación “coa que sufrimos a nivel estatal, cun Goberno débil e sen o apoio parlamentario suficiente para sacar adiante uns orzamentos do Estado, prorrogados desde o ano 2023 e que atendían a proxectos e actuacións vixentes na pasada lexislatura, que, por suposto, quedaron totalmente desfasados para as necesidades da sociedade española actual”, sinalou.

O portavoz popular lembrou que o proxecto de orzamentos da Xunta para 2026 acada a cifra récord de 14.240 millóns de euros, dos que 3 de cada 4 euros se destinarán a gasto social, é dicir, sanidade, educación, políticas sociais e emprego; ámbitos nos que se prevé unha suba do 3,1 por cento respecto ao 2025, por enriba da suba do 2 por cento dos gastos totais recollidos nos orzamentos.

Máis en concreto, Alberto Pazo destacou a previsión de que o desemprego se reducirá ao 7,8 por cento ou que o Produto Interior Bruto se incremente un 1,9 por cento, un dato por enriba dos avances feitos tanto a nivel dos países da Zona Euro (1,4 por cento) ou da Unión Europea dos 27 (1,5 por cento). “E, todo iso, aderezado cunha nova rebaixa de impostos para colectivos sociais desfavorecidos, como: familias monoparentais; a formalización de contratos vitalicios para o coidado dos nosos maiores; a compra de libros e material escolar; os enfermos de ELA e as súas familias; ou os afectados pola vaga de incendios que sufrimos este verán; mantendo, por suposto, as rebaixas fiscais das que xa gozamos os galegos de anos anteriores”, subliñou.

SEMANA DE GLORIA DO BNG

Respecto das valoracións do proxecto de orzamentos realizadas por BNG e PSdeG, Alberto Pazos criticou que o BNG “cualifique as contas como as de un Goberno sen proxecto de país, sobre todo se o comparamos co proxecto de país que eles defenden despois de que pasaran a súa semana de gloria protagonizando tres situacións que identifican claramente os seus obxectivos e fins: o primeiro, a foto da vergoña cos herdeiros de ETA en Bilbao; o segundo, chamando fascista á recién recoñecida co Premio Nóbel da Paz, María Corina Machado; e, o terceiro, co documento feito público polo partido marxista-leninista que tutela ao BNG no que chama a axitar e crear tensión nas rúas galegas, traendo á nosa comunidade a kale borroka do País Vasco, para desgraza dos galegos que sufrimos as algaradas e desfeitas que acompañan habitualmente estas concentracións convocadas polas organizacións satélites do BNG e da UPG”.

Así mesmo, considerou “paradóxico que os socialistas galegos teñan a desfachatez de criticar os orzamentos da Xunta, cando o Goberno de Pedro Sánchez leva desde 2023 cunhas contas prorrogadas e sen atender as demandas de novos investimentos e programas imprescindibles para a sociedade española actual”. “O seu descoñecemento ou mala fe lévaos a criticar a rebaixa dos investimentos previstos nestes orzamentos, cando é público e notorio que a finalización dos fondos europeos é a causa deste descenso dos investimentos, que, gracias ao esforzo do Goberno galego, se manterán nunhas cifras máis que aceptables e, por suposto, cun incremento do 3,3 por cento se excluímos os fondos europeos dos anteriores orzamentos”, explicou.