A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego “a falta de rigor, seriedade e coherencia do BNG á hora de reclamar atención ás vítimas de violencia de xénero, incapaz de denunciar os recortes do Goberno central na posta a disposición de recursos para as vítimas ou a ausencia de centros de información á muller nos concellos onde gobernan”.
Paula Prado acusou aos nacionalistas galegos de ser “moi bravos en Galicia pero moi mansos en Madrid”, porque “mentres aquí critican a xestión da Xunta dos centros de crise 24 horas de atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero, non lles escoitei ningunha crítica cando o Goberno de Pedro Sánchez non aportou financiamento para a súa posta en marcha, se desatenderon da elaboración dos protocolos de actuación e se despreocuparon de cal debía ser a mellor localización”.
COÑECER TODOS OS DATOS
“Do mesmo xeito que mentres aquí reclaman á Xunta que poña a disposición das vítimas máis recursos, sabendo que Galicia é unha das comunidades con mellores recursos de protección, son incapaces de denunciar os recortes que aplica o Goberno central nesta materia, e mesmo apoian recortes en dereitos, como a aprobación de leis que benefician aos agresores sexuais; recortes na protección xudicial, como negarse a dotar a todas as cidades galegas de xulgado específico de violencia de xénero; ou recortes na seguridade, como o que supón a falta de efectivos policiais”, manifestou.
A viceportavoz popular demandou ao BNG que “se queren máis recursos falen cos alcaldes e alcaldesas de Brión, A Teixeira, Cuntis, Mazaricos, Camariñas e moitos máis concellos gobernados por BNG e PSdeG que nin sequera contan cun Centro de Información á Muller, obrigando ás súas veciñas a ter que desprazarse a outros municipios para poder recibir os seus servizos”.
Prado afirmou que “coincidimos co BNG na necesidade de coñecer todos os datos dos programas e actuacións realizadas en cada un dos centros de crise 24 horas”, e lembrou que no último Pleno a conselleira anunciou que xa se está traballando na elaboración dun informe que recollerá o número total de mulleres atendidas nestes centros, o total de intervencións psicolóxicas e xurídicas que se fixeron e o total de atencións telefónicas que se prestaron ao longo deste tempo en cada un deles.