O Partido Popular de Galicia reivindica que os Orzamentos de 2026 van permitir dar “solucións reais a problemas reais” e pon como exemplo a cuestión da vivenda, na que o Goberno galego seguirá avanzando o próximo ano co obxectivo de dobrar o parque público residencial da Comunidade nesta lexislatura.
“O presidente Alfonso Rueda comprometeuse a poñer en marcha 4.000 vivendas públicas ao longo desta lexislatura e, só en ano e medio, xa están en marcha preto de 3.000”, asegurou neste sentido a secretaria xeral Paula Prado concretando que na cidade da Coruña xa están en marcha máis de 200 vivendas públicas en diferentes fases.
En declaracións aos medios precisamente na cidade herculina, a número dous dos populares galegos contrapuxo estas políticas “efectivas” fronte á “ineficacia” dunha Lei de Vivenda estatal que, na súa opinión, só serviu “para fomentar a okupación, para provocar inseguridade xurídica e para desalentar que haxa máis vivendas dispoñibles no mercado”.
Paula Prado quixo poñer en valor así o compromiso do Goberno galego á hora de ofrecer solucións ao problema da vivenda, asegurando que se medidas como estas son posibles é grazas ao feito de que Galicia volverá contar “por 17º ano consecutivo” cuns Orzamentos “aprobados en tempo e forma”.
“A min resúltame gracioso que o delegado do Goberno fale de ‘continuismo’ nestes Orzamentos ou que Ana Pontón diga que son ‘rutinarios’ cando Pedro Sánchez leva desde 2022 cuns Presupostos prorrogados e sen aprobar uns novos”, afeou a secretaria xeral do PPdeG lamentando que os independentistas galegos sexan “tan bravos en Galicia e tan mansos en Madrid” á hora de criticar esta situación.
Nesta liña criticou ademais ao BNG que as súas únicas solucións para os problemas dos galegos e galegas sexan “as que lle ditan a UPG nos seus documentos e ás que lles propón Bildu nas súas reunións no País Vasco”. Unhas solucións que, tal e como indicou, se reducen a “manifestarse contra todo” e “empregar á CIG para instigar a conflitividade social tamén nas aulas”.
Referiuse así ao feito de que o sindicato independentista estea a enviar aos centros escolares galegos “unhas cartas para invitar ao profesorado a que empregue unha serie de materiais nesa liña co obxectivo de adoutrinar aos nenos e nenas”. De aí que quixera afirmar con rotundidade que o PPdeG “non vai consentir ningún adoutrinamento nas aulas”.
O PAPEL DOS CONCELLOS NAS SOLUCIÓNS AO PROBLEMA DA VIVENDA
Pola súa banda, a presidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e alcaldesa de Jerez, María José García-Pelayo, pediu ao Goberno central que aposte polo consenso e teña en conta aos concellos na elaboración do Plan Estatal de Vivenda para así “facer un plan acorde ás necesidades dos cidadáns”.
Non en balde, subliñou, serán os concellos os encargados de executar ese plan. Polo que sería lóxico que participasen no seu proceso de redacción e elaboración, ao igual que as comunidades autónomas. Estas son, como asegurou, “as outras aliadas para que o plan saia adiante co consenso de todos”.
“En nome de todos os concellos, pido que non se perda a oportunidade de facer un plan ambicioso e que dea resposta ás necesidades da cidadanía”, manifestou ao tempo que volvía reclamar que se permita aos concellos o uso dos seus remanentes orzamentarios e para que así poidan contar con máis fondos dispoñibles para destinar a solucionar problemas dos seus veciños como pode ser a vivenda.
MEDIDAS REAIS E EFECTIVAS FRONTE ÁS MENTIRAS E O POPULISMO
O líder local do PP da Coruña, Miguel Lorenzo, invitou á alcaldesa Inés Rey a “seguir o exemplo da Xunta” se realmente quere “aplicar medidas reais e efectivas en materia de vivenda”, deixando así a un lado “as políticas da mentira, como a das vivendas da Sareb, e as medidas ineficaces como a zona tensionada”.
O presidente dos populares na cidade denunciou o fracaso dunha medida “populista” como foi a declaración de zona tensionada e que, como explicou, só serviu “para empeorar o problema que pretendía solucionar”. Algo que exemplificou no feito de que “os alugueiros subiron entre os meses de agosto e setembro un 8% e un 12% só no que vai de outubro” e “en setembro bateuse o recórd negativo de firmas de alugueiros, cun 20% menos”.
No lado contrario están, como como asegurou, “as realidades, os investimentos e a execución” do Goberno de Alfonso Rueda, que nos seus Orzamentos para 2026 inclúe 15 millóns de euros para construír máis vivendas públicas en Xuxán e outras zonas da cidade, así como o desenvolvemento de solo en Monte Mero, onde se prevé a construción de máis de 4.000 vivendas”.
“Esta é a realidade da nosa cidade: o presidente Alfonso Rueda é o único que inviste en vivenda na nosa cidade fronte ás mentiras e as medidas populistas de Pedro Sánchez e a alcaldesa Inés Rey”, concluíu.