O Grupo Popular salienta que a Xunta destine en 2026 máis de 700 millóns de euros para o impulso do rural galego

A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta destinará o vindeiro ano máis de 700 millóns de euros ao impulso do rural, duplicando os recursos para acompañar novos proxectos, modernizar explotacións e consolidar un rural competitivo. “Ter orzamentos é fundamental para xestionar, apoiar, acompañar á xente nova e, simplemente, estar”, indicou.

Nicole Grueira destacou que máis de 5.000 mozos e mozas galegos incorporáronse desde 2009 á actividade agrogandeira gracias ao apoio da Xunta, dos que 320 o fixeron só no ano 2024, beneficiándose de 370 plans de mellora.

“De cara ao vindeiro ano, os orzamentos da Xunta volverán apostar con 24 millóns de euros pola remuda xeneracional, blindando as axudas á modernización das explotacións con axudas para novos agricultores e para cedentes de explotacións”, indicou.

Así mesmo, o presuposto da Xunta reforza todos os apoios ao emprendemento rural, como o programa de titorización de mozos; ao tempo que se destinan máis de 16 millóns de euros para reestruturación parcelaria, 4 millóns máis que en 2025. “Por primeira vez, o Goberno galego disporá de 5 millóns de euros para promover servizos básicos en asentamentos rurais para mellorar a vida das persoas que aposten por asentarse nas nosas aldeas”, afirmou Nicole Grueira.

“Mentres aquí temos máis de 700 millóns de euros sobre a mesa, PSOE e BNG non son capaces de aprobar unha soa cifra para garantir o relevo xeracional no rural”, sinalou a portavoz popular, quen criticou que “si son capaces de poñerse de acordo e votar conxuntamente para illar a máis de 130.000 galegos que viven no rural, eliminándolles 22 paradas de autobús en concellos rurais; para condicionar o futuro industrial de toda a provincia de Lugo, soamente por negarlle a conexión a unha empresa concreta; e para castigar aos autónomos, que manteñen vivo o noso rural”.

O Grupo Popular avoga por aumentar o número de prazas públicas no mestrado universitario en profesorado

A portavoz de Educación do Grupo Popular, Cecilia Vázquez, demandou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que a Xunta solicite, en diálogo coas tres universidades galegas, o aumento do número de prazas públicas no mestrado universitario en profesorado, ao tempo que reforza a colaboración coa UNED para incrementar a oferta de prazas a distancia do máster de profesorado que actualmente oferta esta institución en Galicia.

Cecilia Vázquez explicou que o Mestrado en Profesorado é unha titulación habilitante e requisito indispensable para acceder ao corpo docente de secundaria, FP, bacharelato e escolas oficiais de idiomas, “polo que garantir unha oferta suficiente e de calidade é un obxectivo esencial da política educativa galega”.

“Estamos diante dun desaxuste común en toda España, o que está provocanto tanto o incremento das matrículas en universidades privadas como a escaseza de perfís profesionais moi específicos, mentres noutras áreas hai exceso de titulados”, sinalou a portavoz popular.

MESES TRABALLANDO

Na actualidade, Galicia conta con máis de 800 prazas no mestrado de profesorado “e desde o Goberno galego xa levan meses traballando, tanto coas universidades galegas como coa UNED, para incrementar a oferta e mellorar a formación do futuro profesorado”.

Porén, Cecilia Vázquez tamén considerou necesario que o Goberno central axuste a oferta das facultades á demanda real do sistema, tanto agora como nos próximos anos; e mellore a formación e as competencias do profesorado, revistando tamén os temarios de oposicións que levan anos desactualizados e desconectados da realidade dos centros educativos.

O Parlamento galego pide que o Goberno de España derrogue a obriga de que os concellos repercutan todo o custo da xestión do lixo nos cidadáns

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que reforme a Lei 7/2022 e derrogue a obriga de establecer unha taxa que repercuta o 100 por cento do custo da xestión dos residuos urbanos nos cidadáns, creando un sistema flexible de financiamento deste servizo que permita aos concellos cubrilo con cargo aos seus orzamentos ou mediante modelos mixtos, ao tempo que poidan xeneralizar bonificacións sociais para familias vulnerables, pensionistas ou autónomos con baixos ingresos. Deste xeito, pídese a creación dun Plan Nacional de Infraestruturas para a Economía circular, cofinanciado con fondos europeos, que permita mellorar os sistemas locais de recollida e tratamento de residuos sen trasladar todo o custo ao cidadán.

A deputada popular Loli Hermelo afirmou que o obxectivo desta iniciativa “é defender a Galicia e aos galegos ante decisións que, tomadas lonxe, teñen consecuencias directas nas novas vilas, nas nosas parroquias e na economía das familias galegas”. “Unha proposta para modificar esta lei estatal inxusta, antisocial e centralista, que impón a obriga de repercutir o 100 por cento do custo da xestión dos residuos urbanos directamente nos cidadáns”, anotou.

“Obrigan a cada concello a crear un sistema de recadación específico e confiscatorio cos custes engadidos, e todo ilo que o paguen os galegos”, criticou a deputada popular, quen salientou que esta lei “é especialmente nociva para os concellos rurais, que soportan unha recollida do lixo máis cara debido á dispersión da súa poboación”.

Loli Hermelo lamentou que “España adoptou esta medida de xeito voluntario porque así o decidiu Pedro Sánchez, negando aos concellos a posibilidade de cofinanciar o servizo de recollida do lixo nin establecer bonificacións para os colectivos vulnerables”.

Así mesmo, explicou que esta lei “está mal deseñada, porque non se fixo unha avaliación real do impacto económico nos municipios, nin tampouco se prevén fondos de compensación” e acusou a PSOE e BNG de apoiar “un ecoloxismo de hipocrisía, porque non se destina un só recurso na lei á educación ambiental nin á reciclaxe industrial”.

O Parlamento de Galicia solicita ao PSOE que retire as emendas presentadas no Congreso ao proxecto de Lei de transferencia da AP-9 porque desvirtúa o acordo unánime aprobado na Cámara galega

O Parlamento de Galicia acordou hoxe, a proposta do Grupo Popular, solicitar ao Grupo Socialista no Congreso que retire as emendas presentadas no Congreso á proposición de lei de transferencia á Comunidade galega da titularidade e competencias da AP-9 porque desvirtúan esta iniciativa lexislativa aprobada por unanimidade na Cámara galega. Así mesmo, pídese ao Goberno central que elabore e faga público un estudo que avalíe o custe do rescate desta autoestrada, da implantación da súa gratuidade e de aplicar as bonificacións vixentes ata o final da concesión.

O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, criticou “o boicot do Goberno de Pedro Sánchez e dos seus socios a Galicia á tramitación da transferencia a Galicia da titularidade e as competencias da autoestrada que nos vertebra social e economicamente, acordada por unanimidade neste Parlamento galego e tomada en consideración hai xa 500 días”.

INSULTO E TRAIZÓN A GALICIA

“Se os socialistas lle furtaron a Galicia o debate desta proposición de lei coas 60 prórrogas ao trámite de emendas no Congreso, agora o que se lle pretende furtar é a súa vontade lexítima e unanimemente expresada a través da primeira institución que representa o pobo galego: o seu Parlamento”, afirmou Roberto Rodríguez, quen criticou que “as emendas presentadas polo PSOE opoñéndose á transferencia da titularidade da AP-9 non son só un castigo, son tamén un insulto e unha traizón a Galicia dos socialistas”.

Respecto da postura adoptada polos socialistas galegos, sinalou que con estas emendas “quedaron espidos ante os galegos e só lles queda elixir entre quedarse coas mentiras de Sánchez do pasado ou abrazar as mentiras de Sánchez do futuro, pero en calquera caso Galicia xa ten acreditado que son uns mentireiros”. “Mentiron e menten sempre, en todo o momento, e así o certificou o propio ministro Puente a semana pasada cando asegurou que non vai haber transferencia da AP-9 a Galicia; non vai haber rescate, salvo que o diga un xuíz; e non vai haber gratuidade, senón peaxes menos gravosos”, lamentou. Pola contra, lembrou que “no resto do Estado rescate e gratuidade de 8 autoestradas e en Galicia só peaxes menos gravosos”.

Roberto Rodríguez concretou que a través desta iniciativa do Parlamento galego reclamamos “a transferencia a Galicia da titularidade e as competencias sobre o réxime xurídico da concesión, así como as funcións e os servizos ata o de agora exercidos pola Administración xeral do Estado nos termos acordados unanimemente nesta Cámara, e para iso é imprescindible que o Goberno de Pedro Sánchez retire as emendas presentadas á lei de transferencia”.

INDEMNIZACIÓN QUE MEDRA DÍA A DÍA

“E tamén instamos ao Goberno a que xustifique por que o rescate non é unha opción”, dixo o portavoz popular, quen apuntou que “o rescate si é unha opción e o baseamos no informe elaborado pola Xunta e remitido hai meses ao Goberno central no que se estimaba o custo medio do mesmo en 2.356 millóns de euros, cantidade equivalente ao gasto público destinado ás bonificacións ata a fin da concesión, unha cifra que segue medrando día tras día”.

Para rematar, Roberto Rodríguez manifestou que “o Goberno de Pedro Sánchez non pode desbotar sen máis a oportunidade de, tralo ditame da Unión Europea, rescatar a AP-9 sen sequera avaliala para prorrogar a situación actual, que tan só beneficia á concesionaria que ano tras ano aumenta os seus ingresos mentres os galegos pagamos máis ca nunca polos peaxes máis caros de España e de Europa”.

O Grupo Popular salienta que o 96% dos beneficios fiscais da Xunta favorecen ás rendas medias e baixas, así como aos colectivos vulnerables

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, salientou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que o 96 por cento dos beneficios fiscais da Xunta favorecen ás rendas medias e baixas, así como aos colectivos vulnerables. Así mesmo, volveu rexeitar a quita da débeda proposta polo Goberno central, porque “a comunidades con menos capacidade financeira, pero que sempre actuaron de xeito responsable na xestión dos seus recursos e non gastaron o que non tiñan, como é o caso de Galicia, se lles está obrigando a pagar o que comunidades máis ricas gastaron de xeito irresponsable”.

Cristina Sanz concretou que os orzamentos da Xunta para 2026 recollen que os galegos beneficiaranse o vindeiro ano de cerca de 800 millóns de euros en beneficios fiscais, dos que 326 corresponden ao imposto de sucesións e doazóns, 79 millóns ao imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, 47 millóns ás rebaixas no IRPF, e 300 millóns en rebaixas de taxas e prezos dedicadas á gratuidade da universidade, das escolas infantís e dos comedores escolares.

MODELO FISCAL PROPIO

“Por tanto, de todos os beneficios fiscais que establece a Xunta, só un deles favorecerá ás rendas altas: a bonificación no imposto sobre o patrimonio, que só representa o 4 por cento de todos os beneficios fiscais”, apuntou. Neste sentido, dixo que “defendemos que se manteña esta bonificación para evitar a deslocalización dos patrimonios asentados en Galicia e evitar que estas persoas se trasladen a territorios cunha fiscalidade máis liviana ou totalmente inexistente”.

A portavoz popular asegurou “comprender que a PSdeG e BNG non lles guste o modelo fiscal galego propio, responsable e sostible, porque é radicalmente distinto ao modelo fiscal de Pedro Sánchez, que tan só ten unha característica: ser un inferno fiscal para as clases medias, as pequenas e medianas empresas, e os autónomos”. “Desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa subiu preto de cen veces os impostos e as cotizacións sociais, e de cara ao futuro o Fondo Monetario Internacional xa alerta de que os españois pagaremos 6.500 millóns de euros máis en impostos o vindeiro ano”, dixo.

Respecto da quita da débeda ás comunidades autónomas, Cristina Sanz reiterou que “non imos apoiar unha condonación que prexudica aos galegos, porque a débeda non desaparece, senón que cambia de mans, se mutualiza e se redistribúe”. Ademais, negou que esta quita da débeda xere unha maior capacidade de gasto e, referíndose ao propio artigo 10 do anteproxecto, afirmou que “os recursos liberados, incluído o aforro en xuros, non poderán dedicarse ao financiamento das políticas públicas, perpetuando o déficit de financiamento que temos todas as comunidades autónomas para asumir os custos duns servizos públicos cada vez máis onerosos”.

O Grupo Popular incide que a Xunta demostra a través das axudas e da eliminación do eucalipto en Rede Natura e franxas secundarias a súa aposta por un monte diverso e ordenado

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Ángel Viso, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “a Xunta aposta por un monte diverso e ordenado, e iso demóstrase nas liñas de axuda para frondosas e na eliminación de eucaliptos en Rede Natura e faixas secundarias”. “O futuro do monte non se escribe a golpe de pancarta nin de titular, escríbese con responsabilidade, con diálogo e coa certeza de que cada decisión ten consecuencias reais sobre milleiros de familias”, manifestou.

Miguel Ángel Viso lembrou que “o monte galego da vida ao rural, porque o sector forestal xeral emprego e fixa poboación”. “Criminalizar unha especie como o eucalipto sen ofrecer alternativas viables non é defensa do medio, é poñer en risco o salario de milleiros de familias”, apuntou.

MORATORIA CON MEDIDAS CONCRETAS

Na súa intervención, destacou que Galicia conta co marco do Plan Forestal 2021-2040 que “guía a transición cara un monte máis diverso e rendible”. Máis en concreto, respecto do mantemento da moratoria do eucalipto ata 2030, afirmou que “se decidiu despois de escoitar o sector e actuar con responsabilidade introducindo dúas medidas de flexibilización para favorecer a sustentabilidade, aumentar a produtividade e loitar contra o abandono”.

Esta moratoria permite novas plantacións de eucalipto só para substituír outras xa existentes, e sempre que a parcela inicial se transforme en coníferas ou frondosas. Ademais, a nova superficie non poderá superar, con carácter xeral, o 75 por cento do eucalipto que había na orixinal. “Pero é que, en segundo lugar, se da unha alternativa aos propietarios de piñeirais afectados pola banda marrón: se poderá substituír ata o 50 por cento das árbores por eucalipto durante unha quenda de corta, obrigándose a reforestar a outra metade con coníferas ou frondosas”, explicou.

“Con estas dúas medidas non se aumenta a superficie de eucalipto, senón que se reduce e se ordena mellor”, asegurou o portavoz popular, quen anotou que “todo isto mantendo as limitacións xa vixentes: prohibición de plantar en Rede Natura 2000, en solos agrícolas, en zonas de frondosas caducifolias e nas faixas de protección”.

Miguel Ángel Viso subliñou que “o que está en xogo non é unha especie nin unha lei, senón a capacidade de Galicia para seguir sendo produtiva, sostible e libre das receitas simplista que todo o destrúen e nada constrúen”. “Mentres algúns se empeñan en facer ruído, nós seguiremos facendo monte, futuro e territorio; e mentres outros botan discursos incendiarios, nós apagámolo lume con traballo, con orzamentos e con futuro”, dixo.

O Grupo Popular asegura que todas as instalacións de biogás que existen ou se pretendan instalar en Galicia compren unha estrita tramitación ambiental

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que todas as instalacións de biogás que existen ou se pretendan instalar en Galicia compren unha estrita tramitación ambiental na que se analizan moitos factores, entre eles as afectacións sobre a poboación e a saúde. Neste sentido, criticou que o BNG “non vai parar ata que paralice todo proxecto que se pretenda implantar na Comunidade galega, con bulos, escraches e campañas de acoso seguindo as directrices marcadas desde os seus coroneis da UPG”.

Gonzalo Trenor defendeu “a necesidade de garantir o equilibrio entre o impulso ás enerxías renovables e a creación de riqueza e emprego co respecto ao medio ambiente e a saúde pública”. Así, apuntou que “para garantir unha implantación ordenada e ambientalmente segura, a Xunta sempre avalía as afeccións á poboación, á saúde, ao medio ambiente ou ás cuestións relacionadas co transporte de residuos de calquera proxecto na súa tramitación ambiental, realizada ao abeiro tanto a lei 21/2013 de avaliación ambiental como do Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia e a normativa sectorial de aplicación”.

ENERXÍAS RENOVABLES

Na súa intervención, o portavoz popular sinalou que o biogás e o biometano constitúen fontes de enerxía 100 por cento renovables, cun poder enerxético moi similar ao do gas natural e que contribúen á economía circular e a transición enerxética, permitindo a substitución de combustibles fósiles e dando saída a residuos agrícolas, xurros, residuos alimentarios e augas residuais.

“Actualmente, Galicia conta con 8 instalacións de biogás rexistradas como xestores de residuos, situándose como a sétima comunidade autónoma produtora de enerxía renovable de España a partir dunha materia prima da que contamos en cantidades abundantes”, explicou Gonzalo Trenor. Deste sentido, incidiu que “Galicia conta cun gran potencial neste eido tanto para crear máis emprego, como para xerar máis enerxía 100 por cento renovable, como para mellorar a xestión dos residuos”.