O PPdeG lamenta que o BNG dea “un paso máis no conflito” e agora “paga salarios para que haxa máis manifestacións e alboroto”

O Partido Popular de Galicia lamenta que o BNG dera nas últimas semanas “un paso máis na súa estratexia de conflito” e agora decidira “pagar salarios para que haxa máis manifestacións e máis alboroto”.

“Onte soubemos, a través dun medio de comunicación, que o sindicato do BNG, a CIG, activou por primeira vez nunha folga do sector da educación a súa chamada caixa de resistencia”, expresa a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en declaracións remitidas aos medios.

Prado considera que o partido independentista “está tan desesperado por estimular o conflito, por crear unha sensación de malestar en Galicia”, que “xa ofrece un salario por ir á folga”.

“Todos sabemos desde hai tempo cal é a estratexia do BNG: manifestación e alboroto. Pero agora deron un paso máis e pagan para que haxa máis manifestacións e máis alboroto”, critica.

A número dous dos populares galegos cre que “a única proposta do Bloque ‘Negacionista’ Galego segue sendo o ‘non’ a todo”: “O seu discurso é dicir que todo vai mal, xerar crispación e crear a idea de que nada funciona”.

“Mentres o PPdeG ten Orzamentos para traballar polo benestar dos galegos e das galegas, os ‘presupostos’ do independentismo galego só van para pancartas e algarada”, conclúe Prado.

O PPdeG traslada aos afectados pola talidomida que os Orzamentos da Xunta recollen unha exención fiscal das súas axudas

A portavoz de Política Social do PPdeG no Parlamento, Raquel Arias, acompañada do deputado no Congreso Pedro Puy, reuníronse con afectados pola talidomida en Galicia entre 1950 e 1985 para trasladarlles que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano inclúen a exención no tramo autonómico do IRPF das axudas que reciben estas persoas desde o 2023.

Os afectados pola talidomida son persoas que sufriron malformacións conxénitas ou danos neurolóxicos debido a que a nai tomou este medicamento durante o embarazo. As vítimas en España inclúen aos nenos que naceron entre 1950 e 1985 con malformacións severas, como a ausencia o redución de extremidades, e outras alteracións orgánicas, visuais e auditivas

Raquel Arias salientou que “o Goberno galego volve amosar o seu compromiso e sensibilidade coas persoas con discapacidade, neste caso as afectadas pola talidomida, atendendo a súa demanda de exención fiscal das axudas que reciben”.

O obxectivo é que a axuda que perciben sexa destinada integramente a atender as necesidades destas persoas, para o que gozarán dunha dedución na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda, que consistirá no importe resultante de aplicar os tipos medios de gravame ao importe da axuda pública na base liquidable. Ademais, esta dedución terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2023, ano desde o que as persoas afectadas comezaron a percibir estas axudas estatais.

Pola súa banda, Pedro Puy criticou a negativa do Goberno central de aceptar no Congreso a proposta do Partido Popular para recoñecer esta exención fiscal para as axudas que reciben as persoas afectadas pola talidomida a nivel de toda España. “Coa escusa de que esta medida suporía unha diminución dos ingresos orzamentarios do Estado, o Goberno de Pedro Sánchez negou a este colectivo esta bonificación fiscal, da que si están a beneficiarse outras cidadáns españois que padecen outras deficiencias físicas ou patoloxías médicas”, sinalou.