O PPdeG pide unha mesa de diálogo “áxil e directa” entre Xunta e Fegamp para aproveitar a oportunidade que supón o aumento do financiamento do SAF para os concellos

Os alcaldes e alcaldesas do PPdeG solicitaron esta mañá, na Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias, deixar atrás o intercambio de documentos escritos con propostas sobre o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e substituílo por unha mesa de traballo “áxil, directa e eficiente” entre a Fegamp e a  Xunta de Galicia que permita avanzar no aumento do financiamento e a súa planificación anual.

“Necesitamos unha solución rápida, estamos perdendo un tempo moi valioso en intercambio de documentos por escrito, cando o máis áxil e útil é sentar ás partes implicadas para chegar a acordos”, defende o portavoz dos populares e vicepresidente primeiro do órgano, Ángel Moldes.

Neste senso, explica que desde o PP “queremos que ese incremento no financiamento comprometido pola Xunta de Galicia chegue aos concellos o máis axiña posible xa que repercute e compromete de xeito directo as contas dos concellos e, por iso, non se pode dilatar máis no tempo”. Ademais, pide que a problemática do financiamento do SAF que sofren todos os concellos non sexa utilizada como estratexia política.

O voceiro popular agradece á Xunta que sexa consciente do incremento que está sufrindo o prezo do SAF e, polo tanto, estea ofrecendo propostas para aumentar a súa aportación aos concellos.

Nesa liña, considera necesario que o Goberno central asuma tamén a parte de financiamento que lle corresponde: “Vai sendo hora de que Goberno de Sánchez chegue ao 50% que lle obriga a lei, pero en vez de incrementar esa achega, o que vai é cada ano reducindo drasticamente as súas aportacións”.

Así mesmo, insiste en que a necesidade de incrementar o financiamento do SAF aos concellos non pode cuestionar nin é incompatible con medidas complementarias como o Bono Coidado, impulsado e financiado integramente pola Consellería de Política Social, unha iniciativa que cualifica como “moi boa e eficaz, xa que supón un alivio e apoio moi importantes para as familias con persoas en situación de dependencia que optan por esta alternativa”.

O PPdeG esixe a dimisión inmediata da ministra de Igualdade ante a “inadmisible neglixencia” que supón o novo fallo nas pulseiras antimaltrato

O Partido Popular de Galicia esixe a dimisión inmediata da ministra de Igualdade, Ana Redondo, logo da “inadmisible neglixencia” que supón o novo fallo producido onte nas pulseiras antimaltrato e que “deixou ás vítimas de violencia de xénero incomunicadas durante horas”.

“Cando deberían estar recibindo información a tempo real sobre o seu agresor, o único que vían nas pantallas dos seus dispositivos era unha mensaxe que dicía ‘comunicación non dispoñible’”, explica a secretaria xeral Paula Prado ao tempo que subliña que “estes fallos son inadmisibles na medida estas pulseiras non son só un dispositivo electrónico, senón tamén unha ferramenta que protexe ás vítimas do seu agresor e as priva de sentir medo”.

A número dous dos populares galegos considera “máis intolerable aínda” que a máxima responsable do Ministerio de Igualdade, Ana Redondo, que “debería velar por que isto non sucedera”, siga manténdose no cargo “a pesar de estar reprobada xa polos fallos producidos con anterioridade nestes dispositivos”.

“Este non é un caso illado”, subliña Paula Prado criticando que o Goberno central se teña convertido “no máis lesivo para os dereitos das mulleres da historia da España”. Neste sentido recorda que Pedro Sánchez e o PSOE “serán recordados por ter sacado do cárcere a violadores e por estar máis próximos ao consumo que á abolición da prostitución”.

Por iso desde o PPdeG pedirán a dimisión inmediata da ministra tanto no próximo Pleno do Parlamento de Galicia como a través de iniciativas que levarán tamén aos concellos galegos. Unha esixencia de responsabilidades ante esta “neglixencia” que tamén fan extensiva a un BNG que, consideran, ten que “deixar de ser tan bravo en Galicia e tan manso en Madrid”.

“Non imos consentir que aquí por menos pidan dimisións cada dous por tres e en Madrid se limiten a pedir explicacións ante feitos desta gravidade”, denuncia Paula Prado para reclamar ao independentismo galego que “dunha vez por todas rompa con Pedro Sánchez e se poña do lado das vítimas e non de quen, por acción ou omisión, está provocando a ruptura da confianza das mulleres nun sistema que debería velar pola súa protección”.

Nesta liña, a secretaria xeral dos populares galegos conclúe reprobando a “complicidade” en toda esta situación dun BNG que “á hora de decidir entre a súa ideoloxía ou os dereitos das mulleres, antepón sempre a súa ideoloxía” e que “entre Sánchez ou Galicia, elixe sempre o sanchismo”.