O PPdeG amosa a disposición da Xunta a actuar coa maior brevidade para abrir de novo a entrada de auga do mar á lagoa de Baldaio en Carballo

Os deputados do Grupo Popular Rubén Lorenzo, Carmen Pomar e Gonzalo Trenor amosaron hoxe a disposición da Xunta de Galicia a actuar coa maior brevidade posible para abrir de novo a entrada de auga do mar á lagoa de Baldaio en Carballo.

Rubén Lorenzo, Carmen Pomar e Gonzalo Trenor avanzaron que a Xunta procederá nos vindeiros días á apertura de novo da entrada da auga á ría de Baldaio co obxectivo de favorecer o intercambio mareal e recuperar a normalidade nesta zona. “Con isto conseguimos o mantemento e o restablecemento do ecosistema da ría e un estado de conservación favorable para a flora e a fauna existente”, apuntaron.

A NATUREZA NON FOI CAPAZ

“Unha vez que se comprobou que a natureza non foi quen de abrir unha canle para dar saída á auga da ría cara ao mar, a Xunta acometerá proximamente unha actuación para que todas aquelas persoas que viven na contorna e as que levan a cabo tarefas de recollida de marisqueo poidan volver á zona a realizar as actividades habituais que viñan facendo en Baldaio”, manifestaron.

Os deputados lembraron que os peches da ría por acumulación de area vividos nos anos 2020 e 2023 “xa se solucionaron coa intervención da Xunta, que agora será novamente quen leve a cabo os traballos necesarios para permitir a apertura dunha canle que recupere o intercambio mareal”.

O PPdeG lamenta que o Goberno de Sánchez “dea largas” ás bases da UME e da BRIF en Galicia e anuncia que seguirá insistindo

O PPdeG lamenta que o Goberno de Sánchez “dea largas” á petición das bases da UME e da BRIF en Galicia e anuncia que seguirá insistindo, desde todas as cámaras e administracións, “para que se fagan realidade”.

O Executivo central, na súa resposta a sendas preguntas dos populares galegos, eludiu comprometerse a reforzar a loita contra os lumes na Comunidade e cinguiuse a defender o actual reparto de recursos antiincendios.

O PPdeG preguntou ao Goberno no Senado se, por unha banda, ten previsto a creación dunha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Galicia, tal e como demandou a Xunta, para mellorar o dispositivo e a acción conxunta en materia de prevención e loita contra o lume.

Por outro lado, cuestionou se ten previsto para o mesmo fin a creación dunha nova base en Galicia da Brigada de Reforzo contra os Incendios Forestais (BRIF).

Non obstante, nin o Ministerio para a Transición Ecolóxica nin o de Defensa se mostraron dispostos a fortalecer deste xeito o dispositivo e, polo tanto, non pretenden atender por agora a petición unánime do Parlamento de Galicia sobre a creación dunha nova BRIF e tampouco a demanda relativa á UME.

“Queremos que o Goberno de Sánchez poña fin á situación de discriminación que se produce coa actual distribución dos recursos polo territorio”, expresan os senadores populares, engadindo que o Noroeste é a zona máis afectada de España “tanto en número de lumes como en superficie”.

Así mesmo, sinalan as “especiais condicións” de Galicia para albergar estas bases, como os períodos con circunstancias meteorolóxicas extremas, as moi altas intensidades e velocidades de propagación dos incendios, a dispersión da poboación, a simultaneidade de moitos dos lumes ou a alta probabilidade de que se reproduzan en períodos de seca debido á textura e estrutura do chan.