O Partido Popular de Galicia reivindicou hoxe, co gallo do 25N, a importancia da educación para que as mulleres vivan “en liberdade” fronte a unha esquerda que “pretende silencialas”.
“Todas estas mulleres que representamos ao PPdeG imos seguir alzando a voz imos pedir que sexamos mulleres en liberdade: nin caladas, nin submisas”, expresou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, no acto co que o partido conmemorou o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, e que tivo lugar na contorna da significativa avenida da Liberdade, no barrio de Santa Marta de Santiago de Compostela.
Participaron, entre outras, a responsable de Política Social e Igualdade no Goberno galego, Fabiola García; a responsable de Medio Ambiente no Goberno galego, Ángeles Vázquez; a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia; e a vicesecretaria de Igualdade do PPdeG, Raquel Touriño; así como alcaldesas, deputadas autonómicas e nacionais, e senadoras.
O PPdeG avogou este ano por incidir na importancia de educación, porque “é neses primeiros pasos, nos colexios e institutos, onde está parte da clave da erradicación”. “Na educación galega estase facendo un magnífico labor nesta dirección a pesar de quen hai quen queira boicoteala”, dixo Prado.
Nese sentido, sinalou á esquerda galega, que enviou aos centros educativos materiais didácticos como un no que converteron a un referente da nosa cultura, Rosalía de Castro, nunha muller calada e submisa, cunha mordaza na boca. “Pero nós non o imos permitir, en Galicia queremos mulleres libres, que poidan falar nos centros educativos, na política e en calquera ámbito, porque ese tamén é un xeito de loitar contra a violencia de xénero”, deixou claro a secretaria xeral do PPdeG.
Por iso, cunha imaxe de Rosalía de Castro sorrinte e sen mordaza, co lema ‘Mulleres en Liberdade: nin caladas, nin submisas’, o Partido Popular de Galicia comprometeuse a traballar nesa dirección.
Así mesmo, Prado fixo un chamamento a “non confiar nun PSOE e un BNG que van a favor da corrupción e en contra as mulleres, apoiando a un Goberno de Sánchez corrupto”, que “presumía de encabezar o Goberno central máis feminista da historia, algo que a día de hoxe parece unha broma”.
“Non hai nada menos feminista que a Lei do ‘só si é si’, con máis de 1.500 agresores beneficiados; o mesmo que pretender combater a prostitución rodeándote de compañeiros que a consumen; ou comprar en AliExpress unhas pulseiras antimaltrato defectuosas para as mulleres más vulnerables”, abundou.
Por último, agradeceu a todas as presentes a demostración cada día da “forza das mulleres do PPdeG” e o “compromiso” do partido coa eliminación da violencia contra a muller, e lembrou a todas as mulleres que no último ano foron asasinadas en toda España. “Imos seguir traballando para eliminar esta lacra social de primeira magnitude”, concluíu.
A IMPORTANCIA DE QUE AS MULLERES ESTEAN XUNTAS NESTA LOITA
Pola súa banda, Fabiola García subliñou que o PPdeG “vai continuar sensibilizando e concienciando sobre a importancia que ten que as mulleres estean xuntas nesta loita, reclamando e defendendo sempre os seus dereitos”.
A responsable de Igualdade no Goberno galego fixo fincapé en sensibilizar e concienciar ás mulleres novas de Galicia sobre os riscos que supón nestes momentos utilizar as novas tecnoloxías: “Nunca, nunca, deben ser controladas a través das redes sociais, dos seus dispositivos móbiles, porque se o consenten, o machismo gaña”.
Ademais, incidiu en que o PPdeG vai continuar reclamándolle ao Goberno central máis efectivos policiais na nosa Comunidade, “máis policía que estea nas rúas para continuar protexendo e defendendo a todas as vítimas de violencia de xénero”.
Para rematar, criticou ao Goberno de Sánchez polos “fallos que se están a dar unha e outra vez nas pulseiras antimaltrato, no sistema Cometa, que debería protexer cada día a milleiros de mulleres vítimas”.




