O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que a Xunta free e rexeite calquera intento de adoutrinamento político das nenas e nenos en idade escolar, ao tempo que siga avanzando en ferramentas que garantan a neutralidade ideolóxica nas actividades escolares e complementarias que se desenvolvan nos centros educativos. Así mesmo, pedirá un estudo sobre a atención sanitaria continuada e urxente que se presta na comarca do Morrazo, co fin de mellorar o aproveitamento dos recursos públicos e a calidade da atención sanitaria prestada aos cidadáns.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, amosou, coincidindo coa celebración do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, o rexeitamento do Grupo Popular a todas as formas de violencia machista e reafirmar o noso máis absoluto compromiso para contribuír á súa erradicación. Neste sentido, considerou que “os avances nesta loita deben ser consecuencia do traballo conxunto de todas as administracións, tanto no impulso dos servizos que se lle prestan ás mulleres vítimas de violencia de xénero, como na mellora dos sistemas de protección dos que gozan, logo dos erros que se están a producir tanto no sistema Viogen como nas pulseiras antimaltrato; e reprobando calquera manifestación que vulnere o principio de igualdade de trato de mulleres e homes”.
Respecta da orde do día da sesión plenaria, Pazos informou que dará comezo co debate do informe anual do Valedor do Pobo correspondente ao ano 2024, ao que seguirá o debate para a súa aprobación da proposición de lei de modificación da Lei do Deporte de Galicia, “unha norma coa que queremos levar á xestión deportiva e ás federacións o que xa está implantado noutros ámbitos da xestión pública, porque o bo goberno no deporte é un requisito esencial para o normal desenvolvemento da xestión de organizacións e federacións deportivas”.
En concreto, búscase que as federacións deportivas eleven o nivel de esixencia das súas normas de goberno a través de principios que garantan a xestión irreprochable dos seus recursos financeiros, os controis para previr os conflitos de interese ou a duración limitada dos cargos electos federativos. “Ademais, damos un paso máis na loita contra a violencia no deporte, e para iso se recolle a posibilidade de que, sempre co consentimento das vítima ou do seu representante legal, a Xunta poida exercer a acción popular nos procedementos penais por violencia no deporte”, sinalou.
REXEITAMENTO DO ADOUTRINAMENTO ESCOLAR
O Pleno continuará coa comparecencia da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para informar sobre o balance das actuacións en materia de vivenda no que vai de lexislatura, “un dos principais obxectivos que se ten marcado o actual Goberno galego é duplicar o parque de vivenda pública ata acadar as 8.000 vivendas”. Neste momento, e cando algún faltan varios meses para chegar ao ecuador desta lexislatura, a Xunta xa ten en marcha arredor de 3.000 novas vivendas públicas, coa previsión anunciada polo Presidente Rueda de que no vindeiro ano estean en marcha as 4.000 vivendas comprometidas.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o portavoz popular amosou a preocupación “polos intentos de adoutrinamento político que desde distintos ámbitos políticos e sindicais do nacionalismo galego, seguindo as directrices marcadas pola UPG, se está a facer dos nenos e nenas en idade escolar, a través da distribución de material didáctico relacionado coa posición de conflitividade social que esta organización propugna”.
“Por este motivo, queremos que o Pleno do Parlamento amose o seu firme rexeitamento a este tipo de prácticas, avogando porque se implanten ferramentas que garantan a neutralidade ideolóxica nas actividades escolares e complementarias que se desenvolvan nos centros educativos, con base na pluralidade e o respecto ás liberdades individuais”, indicou.
A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular está centrada en poñer de manifesto a situación real da atención sanitaria na comarca do Morrazo, polo que desde o Grupo Popular pedirase ao Servizo Galego de Saúde que elabore un estudo técnico detallado sobre a atención sanitaria continuada e urxente que se presta nesta zona, especialmente nos concellos de Cangas e Moaña.
“Consideramos necesario que o SERGAS avalíe e demostre con este estudo as vantaxes asistenciais, organizativas e de eficiencia derivadas do modelo sanitario actual fronte a posibles alternativas de redistribución de servizos”, manifestou o portavoz popular, quen asegurou que este informe “servirá de base para garantir que as futuras decisións se adopten en función na evidencia científica e na eficiencia, asegurando o mellor aproveitamento dos recursos públicos e a calidade da atención sanitaria prestada aos veciños do Morrazo”.
Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas medidas que se teñen previsto implantar no marco do Plan de fomento de relevo xeracional no sector agrogandeiro galego; pola súa valoración respecto do posible recorte de fondos europeos pesqueiros previsto na proposta do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034; e pola información que ten trasladado o Goberno central respecto das mulleres galegas que se viron afectadas polos fallos nas pulseiras antimaltrato de protección das vítimas de violencia de xénero.
