O Grupo Popular asegura que a Xunta seguirá atendendo as recomendacións da Valedora do Pobo para ofrecer uns servizos públicos de calidade e á altura do que demandan os galegos

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, asegurou hoxe no Pleno, no debate do Informe anual do Valedor do Pobo correspondente a 2024, que a Xunta “toma boa nota das preocupacións dos galegos e galegas e das recomendacións que ano tras ano traslada a Valedora ao respecto, e o seguiremos facendo con ambición, responsabilidade e traballo diario para ofrecer uns servizos públicos de calidade e á altura do que os cidadáns demandan”.

Paula Prado comezou a súa intervención alertando da “situación de emerxencia democrática que vive España, provocada polo progresivo proceso de colonización de institucións e poderes concibidos para ser independentes e que, tristemente, están hoxe ao servizo dunha única persoa, Pedro Sánchez, e dunha esquerda que perdeu por completo o respecto á democracia”.

“Unha esquerda que non respecta á Xustiza, só así se entenden as súas reaccións ante a anomalía democrática de ter aínda no cargo ao primeiro fiscal xeral do Estado condenado e inhabilitado por servirse do seu poder con fins partidistas; nin tampouco respecta a pluralidade política, e só así se entenden ataques violentos como o que pasado 25 de novembro instigou o BNG, a través do seu sindicato, á sede do PP de Santiago”, manifestou.

MENOR ESPERA SANITARIA EN GALICIA

Respecto do informe da Valedora e no que se refire ás listas de espera sanitarias, Paula Prado lembrou que Galicia é a segunda comunidade autónoma na que os pacientes teñen que esperar menos días para unha consulta, 39 días menos que a media española; e a cuarta comunidade na que os pacientes teñen que esperar menos días para unha cirurxía, 50 días menos que a media de España.

“Uns datos que poderían ser mellores e para iso fáltanos un recurso fundamental: os médicos especialistas, un problema común a toda España e ante o que Galicia xa actuou para cumprir as recomendacións da Valedora, ofrecendo incentivos entre os facultativos para cubrir as prazas desertas de difícil cobertura ou as quendas de traballo vacantes”, explicou a viceportavoz popular.

No ámbito da dependencia, asegurou que “o Goberno galego xa vai no camiño do que recolle o informe respecto á mellora dos tempos de valoración e o cumprimento de prazos”. Neste sentido, afirmou que o plan de choque aprobado pola Xunta xa permitiu reducir en 47 días o tempo de tramitación da dependencia, alcanzar unha ratio de cobertura das prestacións de case o 99 por cento e simplificar o proceso para o recoñecemento automático da discapacidade. “O que non vai na liña do recomendado pola Valedora é o recurso de inconstitucionalidade interposto polo Goberno central contra este plan de choque”, dixo.

Ademais, apuntou que “estaría ben que PSOE e BNG, tan bravos aquí e tan mansiños en Madrid, fosen quen de reclamar eses case 3.000 millóns de euros de financiamento da dependencia que nos debe o Goberno de Pedro Sánchez”.

FALLOS NA PROTECCIÓN DAS MULLERES

Tamén no eido da igualdade, e despois de lembrar que “no PPdeG tivemos que escoitar ata non hai moito tempo como se nos acusaba de negacionistas por denunciar que o sistema de protección non estaba funcionando”, Paula Prado lamentou que “o sistema de protección estea fallando porque as mulleres seguen sendo asasinadas incluso despois de denunciar e mesmo cando contan con algunha medida de protección en vigor”, como as pulseiras antimaltrato, o sistema Viogen ou a propia Lei do só si é si.

“É máis urxente que nunca que o Goberno de España deixe de perder o tempo en campañas publicitarias e se poña a traballar en serio no que realmente importa: en recoñecer a violencia económica como unha forma de violencia de xénero, en aprobar a Lei de Trata ou en cumprir todas as medidas recollidas no Pacto de Estado de Violencia de Xénero de 2017″, demandou.

Para rematar, Prado asegurou que a Xunta «toma boa nota das preocupacións dos galegos e das recomendacións que fai a Valedora do Pobo”, e anotou que “estaría ben que tamén o fixesen os grupos da oposición alí onde gobernan, como a alcaldesa nacionalista de Santiago, un dos concellos que máis queixas recibiu; o presidente socialista da Deputación de Lugo, que prohibe o acceso dos deputados da oposición ás dependencias provinciais; ou os alcaldes socialistas de Vigo, Lugo e A Coruña, que lle negan o acceso a documentación a concelleiros da oposición”.