O PPdeG amosa o seu respaldo ao “proxecto de futuro” construído polo PP da Estrada “a base de traballo, lealdade e profesionalidade”

O Partido Popular de Galicia amosou hoxe o seu respaldo ao “proxecto de futuro” que o PP da Estrada construíu ao longo dos últimos anos e que agora, baixo o liderado de Gonzalo Louzao, se ten consolidado “a base de traballo, lealdade e profesionalidade”.

Nesta liña, a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, que participou no pincho de Nadal organizado polo partido local; quixo destacar que Louzao, ademais da súa xuventude, reúne “a ilusión, a xestión e a proximidade” que se requiren dun bo alcalde e que neste tempo demostrou que “é quen de gobernar para todos, escoitar a cada parroquia e facer da política unha ferramenta útil”.

De aí que se amosase convencida de que, con este traballo, o partido seguirá sumando maiorías absolutas e sendo o máis votado na Estrada. Porque, segundo explicou, estas maiorías son “o que fai posible a estabilidade que permite garantir ao 100% o benestar dos veciños e veciñas”.

Na xuntanza tamén participou o predecesor de Louzao tanto na alcaldía como á fronte do PP local, José López Campos.

Comunicado do PP da provincia de Lugo

Ante a última comparecencia pública de José Tomé para anunciar a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo e a súa decisión de manterse como deputado non adscrito e alcalde de Monforte de Lemos tamén como non adscrito, dende o PP da provincia de Lugo:

1.- Insisten en trasladar o seu máximo apoio a tódalas mulleres e, particularmente, ás presuntas vítimas que o teñen denunciado por acoso sexual a través das canles internas do PSOE como daba a coñecer o programa ‘Código 10’ da cadea de televisión Cuatro.

2.- Subliñan que José Tomé e o PSdeG seguen sen dar explicacións sobre o acontecido, nin aclarar o contido das denuncias presentadas polas presuntas vítimas.

3.- Manifestan o seu respecto á presunción de inocencia e inciden en trasladar a súa condena ante este tipo de condutas graves que merecen o seu profundo rexeitamento.

4.- Esixen, por responsabilidade e coherencia, a dimisión de José Tomé como deputado provincial e como alcalde de Monforte de Lemos.

5.- Esixen aos máximos responsables do PSOE a nivel autonómico e provincial aclarar se eran ou non coñecedores dalgunha das denuncias presentadas polas canles internas e, en caso afirmativo, adoptar medidas urxentes ante a súa propia inacción.

Lugo, 10 de decembro de 2025

O Grupo Popular pedirá no Pleno que a Xunta impulse a investigación e extracción de materiais minerais fundamentais e que o Goberno central garanta a continuidade dos auxiliares de conversa

O Grupo Popular levará ao Pleno ordinario da vindeira semana a solicitude para que a Xunta convoque novos concursos de dereitos mineiros caducados para impulsar a investigación e posible extracción futura de materiais minerais fundamentais para sectores estratéxicos da economía galega. Nunha sesión plenaria de marcado carácter lexislativo, na que se aprobarán os proxectos de lei de orzamentos da Xunta para 2026, de medidas fiscais e administrativas, e de protección de menores e prevención das condutas aditivas, o Grupo Popular tamén pedirá ao Goberno central que garanta a continuidade do programa de auxiliares de conversa.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, destacou que no vindeiro Pleno procederase á aprobación “dos maiores orzamentos da historia da Comunidade galega: 14.240 millóns de euros, dos que tres de cada catro euros se destinarán a sanidade, educación, políticas sociais e emprego, cos que seguir avanzando no fortalecemento do Estado do Benestar”.

REBAIXAS FISCAIS

“Uns presupostos, ademais, que manteñen as rebaixas fiscais aprobadas en anos anteriores polos gobernos do PPdeG, e que no vindeiro ano se verán incrementadas con outras novas dirixidas aos colectivos máis vulnerables, como a eliminación no IRPF da cota íntegra autonómica das axudas aos afectados por ELA, a talidomida ou das persoas prexudicadas polos incendios forestais do pasado verán, así como as deducións para libros e material escolar”, apuntou.

A sesión inclúe tamén o debate para a súa aprobación da nova Lei de protección das persoas menores e prevención das condutas aditivas, “unha norma que ten como obxectivo protexer, anticipar e actuar fronte aos novos riscos que afectan diariamente á infancia e á adolescencia en Galicia”. En concreto, Pazos afirmou que esta lei “protexe máis e mellor aos nosos menores fronte ás adicións tradicionais e emerxentes, moderniza o marco normativo, adapta Galicia á evidencia científica actual, e reforza a prevención en escolas, familia e comunidades”.

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará que a Xunta continúe coa axenda xa iniciada este ano e convoque novos concursos de dereitos mineiros caducados, co obxectivo de impulsar a investigación sobre a presenza en Galicia de materiais minerais fundamentais para sectores estratéxicos da economía de cara ao seu futuro aproveitamento. Así mesmo, pedirase ao Goberno central que impulse as iniciativas lexislativas necesarias para recoñecer as materias primas minerais como recursos de primeira necesidade e de carácter estratéxico dentro da Reserva Estratéxica baseada nas capacidades nacionais de produción industrial.

RIFA ENTRE MINISTERIOS

A segunda das proposicións non de lei que o Grupo Popular defenderá no Pleno ten que ver cunha polémica aberta no seo do Goberno de Pedro Sánchez, concretamente entre os ministerios de Educación e de Traballo, e que deriva da obriga establecida por este último pola que os auxiliares de conversa deben contar cun contrato laboral no réxime da Seguridade Social, cando están definidas como persoas que participan nun intercambio cultural, polo que non están obrigados a esas relacións laborais.

Neste sentido, Alberto Pazos considerou “intolerable que esta rifa entre dous ministerios do Goberno de Pedro Sánchez chegue ao punto de que un programa como o de auxiliares de conversa, que se leva impartindo en Galicia desde o ano 2009 con total normalidade, estea en perigo a súa continuidade”, polo que se solicita que o Goberno de España adopte con urxencia as medidas necesarias para garantir a continuidade deste programa de auxiliares de conversa, no que na actualidade participan en Galicia 690 auxiliares en case 800 centros de ensino galegos.

Polo que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase no Pleno polas medidas e decisións adoptadas polo Goberno de España nos últimos meses ao obxecto de dar resposta aos grandes retos do mercado laboral en Galicia; polas últimas novidades respecto da posta en marcha do centro de protonterapia de Galicia; e pola situación da Unidade de Policía Nacional adscrita a Galicia.

Comunicado do PP da provincia de Lugo

Ante a información que se deu a coñecer no programa ‘Código 10’, de Cuatro, sobre as denuncias por presunto acoso sexual por parte do secretario xeral do PSOE lucense, presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, José Tomé, a través da canle interna do PSOE; o Partido Popular da provincia de Lugo:

1.- Traslada o seu máximo respecto e apoio a tódalas mulleres e, particularmente, ás presuntas vítimas que teñen denunciado estes feitos reprochables.

2.- Dende o respecto á presunción de inocencia, manifesta o seu máximo estupor e preocupación ante estas graves acusacións e a súa firme condena ante este tipo de condutas inconcibibles.

3.- Esixe a José Tomé explicacións inmediatas, claras e transparentes, sobre os incidentes relacionados con casos de presunto acoso sexual a compañeiras de partido denunciadas a través das canles internas do PSOE.

4.- Esixe, igualmente, que os responsables do seu partido que, supostamente, eran coñecedoras das denuncias internas, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; e a secretaria de Organización do PSOE lucense, Pilar García Porto; dean tamén as explicacións sobre os feitos e a súa presunta inacción ante o coñecemento das denuncias por acoso sexual.

5.- Insta tamén aos responsables do PSOE a adoptar as medidas disciplinarias oportunas e de calquera outra índole que correspondan sobre o presunto responsable dos feitos e os coñecedores dos mesmos, pola súa inacción.

6.- Agarda que outras forzas políticas; nomeadamente, o seu socio de goberno, o BNG, se sume a esta reivindicación e pida esclarecer estes feitos e adopte as medidas oportunas.

7.- Reitera o seu apoio ás mulleres e ás presuntas vítimas deste caso que se daba a coñecer a través do programa ‘Código 10’ de Cuatro.

O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno central que reforce e intensifique os postos da Garda Civil na Limia e a Baixa Limia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra dos deputados do PSdeG e a abstención do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España que reforce e intensifique, de maneira urxente, con medios humanos e materias suficientes, os postos da Garda Civil nas comarcas da Limia e da Baixa Limia, a fin de que garanta a súa operatividade as 24 horas do día ante a alarma social que provoca a repunta delituosa.

A deputada popular Cristina Campero lamentou que “a situación da seguridade na provincia de Ourense e, en particular, na Limia e a Baixa Limia, vén deteriorándose de maneira preocupante”, unha situación derivada dos “recortes da Garda Civil realizados nos últimos anos: menos presenza no territorio de axentes, menos capacidade de prevención e tempos de resposta moi dilatados”.

163 AXENTES MENOS NA PROVINCIA DE OURENSE

En concreto, explicou que na provincia de Ourense hai 910 prazas da Garda Civil, das que só están cubertas 817 e outras 70 so baixas médicas sen cubrir, o que fai un total de 163 axentes menos na provincia ourensá.

“Ao mesmo tempo que o Goberno central desmantela cuarteis no rural galego, a criminalidade disparouse un 28,3 por cento desde o ano 2018”, criticou a deputada popular, quen manifestou que “pasamos dun rural galego de portas abertas a un rural de alarmas, froito dun medo que se agrava polos continuos roubos e a menor presenza da Garda Civil, que deixa vía libre aos ladróns e delincuentes”.