O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, afirmou hoxe que os proxectos industriais estratéxicos (PIE) “son un instrumento para axilizar a tramitación administrativa, pero sempre baixo o cumprimento estrito da normativa ambiental, patrimonial, de transparencia e de participación pública”. Neste sentido, cualificou de “rotundamente falso” que todos os proxectos industriais estratéxicos estean paralizados, e puxo como exemplo a planta de Stolt Sea Farm en Rianxo ou a planta de carbón vexetal de Xeal en Dumbría.
Rubén Lorenzo apuntou que “para que un proxecto poida ser declarado industrial estratéxico debe acreditar unha repercusión económica e social cualificada: investimento, emprego, innovación e impacto territorial”. “O que se fai é garantir que Galicia poida atraer proxectos de envergadura, que xeren emprego estable, que impulsen a competitividade e que reforcen a autonomía estratéxica de Galicia”, indicou.
“Non se pode defender á xente nos discursos e votar en contra dos seus beneficios nas leis, e moito menos pedir unha e outra vez neste Parlamento que se coarten os dereitos das empresas que están interesadas en implantarse en territorio galego”, manifestou o portavoz popular.
XUÍZO POLÍTICO PARALELO
Respecto ao proxecto de Altri en Palas de Rei, Lorenzo criticou que BNG e PSdeG pidan unha resolución denegatoria para esta iniciativa industrial, o que suporía “substituír a avaliación técnica e administrativa por un xuízo político paralelo e significa que se a Xunta prevaricara con esta resolución”.
“Todos os proxectos tramítanse con criterios obxectivos, con informes técnicos e con normativa ambiental e sectorial”, asegurou Rubén Lorenzo, quen lamentou que “a súa fixación por acabar co proxecto de Altri chega ao punto de que son capaces de sacrificar o futuro da seguinte década de toda a provincia de Lugo desconectándoa da planificación enerxética”.
Así mesmo, negou que a Xunta estea obrigada a autorizar proxectos industriais no prazo dun ano porque “o que establece a lexislación é que o procedemento debe resolverse nese prazo, sexa para autorizar, denegar ou arquivar”. “Se hai demora imputable á Administración, recoñécese unha responsabilidade patrimonial limitada, cun máximo de 500.000 euros, exactamente o mesmo que se está facendo na Unión Europa”, dixo.






