O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, lamentou hoxe que a “desagradable e esperpéntica” situación que está a protagonizar o PSdeG, logo das denuncias por presunto acoso sexual contra José Tomé, estea a marcar este final do período de sesións no Parlamento galego, no que se teñen aprobado catro novas leis, sendo Galicia a primeira das comunidades autónomas con orzamentos dispoñibles para o vindeiro 2026.
Alberto Pazos manifestou que “descoñecemos como vai acabar este folletín socialista, pero o que temos claro é que, a día de hoxe, aínda falta que alguén asuma responsabilidades políticas por este asunto, unha vez que é pública a deficiente e reprobable actuación dos responsables do socialismo galego ante as denuncias por presunto acoso que recibiron, ben directamente polas afectadas ou a través de persoas próximas ás mesmas, meses antes de que saíran á luz”.
DEFENSA DE TODAS AS MULLERES
Neste sentido, cuestionou “que fará a outra pata do banco, o BNG, cando no mes de xaneiro se proceda á votación para escoller o novo Presidente da Deputación de Lugo?, porque o que está claro é que, ata agora, os nacionalistas galegos optaron por un posicionamento máis ben tenue, e ao mesmo tempo demagóxico, continuando no Goberno na Deputación de Lugo da man dun presunto agresor sexual”.
Deste xeito, amosouse convencido de que o BNG “seguirá así no caso de que José Tomé decida manter o seu posto como deputado provincial”, polo que indicou que “a única saída decente que teñen é abandonar inmediatamente o goberno da Deputación de Lugo, demostrando que están de verdade do lado das mulleres e en contra da violencia machista”.
“Agardamos que a época de Nadal e o novo ano traia aires novos e coherencia a PSdeG e BNG que lles permita clarexar e actuar con firmeza ante calquera suposto de violencia contra a muller, porque están na hora de amosar realmente o que tanto cacarexan e piden para os demais: defensa de todas as muller, sexan da cor que sexan e veñan de quen veña o ataque contra elas; e condena e apartamento total de calquera que atente contra a dignidade das mulleres, aínda que iso supoña custes políticos”.
1.400 HORAS DE SESIÓNS PARLAMENTARIAS
Nunha comparecencia para facer balance da actividade parlamentaria nesta lexislatura e, máis en concreto, neste período de sesións, acompañado dos viceportavoces do Grupo Popular, Paula Prado, Julio García Comesaña e Cristina Sanz, Alberto Pazos sinalou que, nos 640 días que xa transcorreron desta lexislatura, se teñen celebrado un total de 547 xuntanzas de órganos parlamentarios, ás que se dedicaron case 1.400 horas.
Respecto das sesións plenarias, concretou que o Goberno galego atendeu un total de 494 iniciativas de control (entre comparecencias, preguntas e interpelacións), fronte a 292 iniciativas de impulso (é dicir, mocións e proposicións non de lei). “Neste ámbito, non nos cansaremos de desmentir a crítica da oposición sobre o suposto rolo da maioría parlamentaria, e a mellor demostración é que practicamente 3 de cada 4 iniciativas que se debateron nas 43 sesións plenarias que levamos celebrado foron propostas polos grupos da oposición”, dixo.
Por outra banda, o número de proposicións non de lei aprobadas ao longo desta lexislatura en comisión é de 283, das que máis da metade saíron adiante co apoio unánime de todos os grupos parlamentarios e destas practicamente a metade eran iniciativas da oposición.
Unha das cuestións que máis chama a atención na actividade desenvolvida nas comisións é o control ao Goberno galego e ao responsable da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia: máis do 75 por cento das 570 preguntas respondidas por membros do Goberno galego e a responsable da CSAG foron realizadas polos grupos da oposición. “Desde logo, non se poden queixar de falta de oportunidades para poder preguntar e coñecer todo o que consideren oportuno sobre a activade do lexislativo e na Corporación de Servizos Audiovisuais”, apuntou Pazos.
CATRO NOVOS TEXTOS LEXISLATIVOS
Centrándose na actividade desenvolvida neste último período de sesións, Alberto Pazos destacou que se aprobaron catro novos textos lexislativos: o proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas; a proposición de lei, impulsada polo Grupo Popular, de modificación da Lei do deporte; o proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas; e o proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade galega para 2026, “unha norma coa que Galicia contará, por 17 ano consecutivo, con presupostos aprobados en tempo e forma para poder continuar impulsando o proxecto político do Goberno de Alfonso Rueda e cumprindo os compromisos asumidos durante a campaña electoral”.
“Unhas contas que volven situar a Galicia como un exemplo de estabilidade e bo goberno, nun momento no que os sobresaltos e a incerteza política inunda a sociedade española, con gobernos que se ven obrigados a convocar eleccións por falta de acordo para sacar adiante os seus presupostos e sen esquecer a paradóxica situación na que se atopa o Goberno de España, con tres anos de presupostos prorrogados e, o que é peor, cunhas contas aprobadas na pasada lexislatura por unhas Cortes que para nada se parecen ás actuais”, afirmou o portavoz popular.
Alberto Pazos considerou que esta situación “debería derivar, de xeito inmediato, na convocatoria de eleccións xerais, para que un novo Goberno, con maior apoio parlamentario, poida sacar adiante uns orzamentos do Estado que permitan afrontar os importantes retos económicos e sociais que ten por diante a sociedade española, pero, lamentablemente, o que estamos a ver é que cada día que pasa Pedro Sánchez amárrase máis á poltrona da Moncloa, co respaldo duns socios que viven a costa de Pedro Sánchez porque saben que sen el deberán poñer fin aos privilexios dos que gozan neste momento e das concesións que conseguen periodicamente pola súa debilidade política”.

