Rueda avoga por seguir apostando en 2026 por Vigo, a cidade onde máis vivenda pública está desenvolvendo o Goberno galego

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, avogou hoxe por seguir apostando, no ano 2026 que está a piques de comezar, por Vigo, á que salientou como a cidade onde máis vivenda está desenvolvendo o Goberno galego.

Durante a súa intervención no pincho de Nadal organizado polo partido na cidade, con máis de medio millar de asistentes e no que tamén participaron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a presidenta local, Luisa Sánchez, ademais da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e varios membros do Goberno autonómico, o líder dos populares galegos puxo en valor a aposta que fai por Vigo tanto a Xunta como o Partido Popular.

Así, sinalou que agora mesmo se están a desenvolver 1.600 vivendas públicas en Navia, outras 2.300 no Ofimático e 1.400 máis en Ramón Nieto. Ao mesmo tempo, puxo de exemplo outros grandes proxectos como o IES Domingo Villar, con máis de 10 millóns de euros de investimento; o centro de saúde Olimpia Valencia, preto de finalizarse; ou o avance na rehabilitación do histórico Teatro Fraga.

Nun ano, 2025, no que Luisa Sánchez foi nomeada presidenta local, Rueda puxo en valor as ganas, talante, ideas e sobre todo moitísimo traballo tanto por parte de Luisa como do seu equipo. “Facemos un balance máis que bo dos meses que pasaron desde entón”, asegurou.

“Sigamos demostrando altura de miras e facendo as cousas ben”, dixo, erixindo ao PP como a única alternativa, que hai que facer valer cada día desde calquera sitio, tendo en conta tamén que en ano e medio terán lugar as eleccións municipais.

Neste sentido, lamentou que o goberno socialista da cidade non levante a voz cos infinitos escándalos do PSOE, coa cifra en aumento de detidos, imputados e encarcerados, ou co desastre electoral de Estremadura. “España está farta do PSOE, hai que deixar paso ao Partido Popular, onde si sabemos facer as cousas ben”, manifestou Rueda.

LUIS LÓPEZ: “LUISA SÁNCHEZ ESTÁ EN TODOS OS LUGARES”

Pola súa banda, Luis López agradeceu aos afiliados e simpatizantes que sexan “os máis valentes da provincia”, porque, segundo destacou, “facer política en Vigo require unha dose extra de compromiso”.

“Este é un día para recoñecer aos que destes un paso á fronte, aos que acabades de chegar e aos que levades boa parte da vosa vida sumando para esta organización, ás veces soportando o que era directamente insoportable. É un día para darvos as grazas por todo iso, e para coller forzas para un 2026 que será decisivo”, destacou o líder provincial.

Luis López tamén fixo fincapé no traballo da presidenta do PP de Vigo e do seu equipo: “Comezamos o 2025 con moitos deberes pendentes e acabamos con moitos deles xa feitos. Comezamos cunha dirección e acabamos cunha flamante líder como Luisa Sánchez. Aparte da súa indiscutible valía e proximidade, Luisa está en todos os lugares, está con todos os colectivos, e ten unha presenza extraordinaria”.

O “PROXECTO DE UNIDADE E PERMANENCIA” DE LUISA SÁNCHEZ

Mentres, Luisa Sánchez recordou que neste ano que está a piques de rematar viuse «honrada» ao ser proclamada presidenta do Partido Popular de Vigo para liderar un «proxecto de unidade e de permanencia».

A dirixente viguesa deu as grazas a Alfonso Rueda e Luis López polo seu “apoio constante” e tamén, en referencia á militancia, «a todas as persoas que nunca se renden e que cren en Vigo e neste partido».

«Gáñanme a ilusión e a ambición por un futuro mellor para Vigo», enfatizou Luisa Sanchez, quen amosou o seu desexo por construír unha cidade que «volva liderar, que non se conforme e que non viva de costas a Galicia nin España».