Os deputados do Grupo Popular Magdalena Pérez e Ángel Rodríguez, acompañados do portavoz do PP de Noia, Santiago Freire, e outros concelleiros noieses, amosaron hoxe o firme compromiso do Goberno galego coa mellora da estación depuradora de Noia, que se manifesta nos máis de 1,6 millóns de euros que o vindeiro ano destinará para actuacións estruturais e tecnolóxicas nestas instalacións. “Agora falta por saber que van facer os responsables locais: se volver aos postulados do ano 2010, opoñéndose aos proxectos da Xunta; ou sumarse ao Goberno galego na mellora do saneamento do Concello de Noia e, en definitiva, da nosa ría”, manifestaron.
Magdalena Pérez e Ángel Rodríguez lembraron que o Plan Director de Saneamento de Noia, redactado por Augas de Galicia entre os anos 2020 e 2022, identificou as deficiencias máis relevantes desta rede, das estacións de bombeo e da propia EDAR, propoñendo actuacións a curto, medio e longo prazo para garantir a correcta depuración e mellorar a calidade das augas da ría.
DETERMINACIÓN, RIGOR E PLANIFICACIÓN
En concreto e para o cumprimento deste Plan Director, neste momento está en execución a mellora da EDAR de Noia, un proxecto ao que a Xunta destina case tres millóns de euros, xestionados polo anterior goberno municipal de Santiago Freire, dos que máis de 1,6 millóns de euros figuran no orzamentos de 2026, co obxectivo de que estas instalacións garantan o cumprimento dos parámetros de vertedura e permitan mellorar a calidade ambiental da ría.
“O Goberno galego está a actuar con determinación, rigor e planificación coa mellora da EDAR de Noia, nun roteiro de actuacións claro e fixado de acordo co Concello, con quen está disposto a seguir colaborando institucionalmente para avanzar na recuperación ambiental da ría de Muros e Noia e na protección do sector produtivo”, sinalou Ángel Rodríguez.
Porén, Magdalena Pérez cuestionou “cal vai ser o papel que quere xogar agora o Concello de Noia neste proxecto? Opoñerse aos proxectos da Xunta como aconteceu en 2010, obviando os criterios técnicos; ou poñerse a remar xunto co Goberno galego para poder aproveitar as oportunidades de mellora do sistema de saneamento municipal e o apoio que está dando a Xunta, sen obviar a realidade existente e asumindo as súas responsabilidades en materia de saneamento e depuración”.
Pola súa banda, Santiago Freire manifestou que “sería unha verdadeira mágoa que o traballo que se realizou nos últimos anos para avanzar na mellora do saneamento de Noia se vira paralizado agora por parte dos novos responsables, unha inexplicable decisión que non só prexudicaría a todos os veciños deste concello, senón tamén a todos aqueles que viven do marisqueo na nosa ría”.

