O PPdeG lamenta que o Goberno de Sánchez remate o ano mantendo o boicot ao traspaso da autoestrada AP-9 a Galicia e vaia iniciar o 2026 cun “castigo” en forma de nova subida no custo das peaxes.
O deputado do PPdeG e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible, Celso Delgado, en declaracións remitidas aos medios, resume o 2025 como “un ano de boicot” da transferencia da AP-9, pese ao acordo unánime do Parlamento de Galicia e pese a tratarse dunha demanda reiterada dos galegos.
Delgado lembra que durante esta lexislatura a Mesa do Congreso —dominada por PSOE e Sumar— acordou 45 prórrogas —60 en total, se se teñen en conta as do anterior período— do prazo de presentación de emendas ao articulado da proposición de lei orgánica.
Despois das “reiteradas protestas” lideradas polos deputados do PPdeG, ese prazo concluíu o 22 de outubro e os socialistas rexistraron oito emendas opoñéndose frontalmente á transferencia da titularidade da AP-9. A maiores, “ata o día de hoxe, volvemos a atoparnos cunha posición de bloqueo por parte do PSOE”, que agora non quere dar o seguinte paso e que se reúna a ponencia do Congreso
Así, Delgado insiste na necesidade de que na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible da Cámara Baixa se constitúa “de xeito inmediato” a ponencia, aínda que xa non será posible facela antes de que remate 2025 e quedará adiada, polo menos, ata febreiro de 2026. “A estratexia de Sánchez, Puente e Besteiro é que esta iniciativa decaia e se esqueza polo fin da lexislatura, que eles mesmos saben que neste momento está nunha situación agónica”, sinala.
Nesta liña, o PPdeG critica que o Goberno central tampouco tivera en conta o ditame da Unión Europea e, lonxe de iniciar os trámites para o rescate da concesión, presentara alegacións afirmando que vai levar o tema ao TXUE, dilatando aínda máis o proceso. Do mesmo xeito, o Executivo de Sánchez tampouco quixo valorar o estudo que fixo a Xunta de Galicia sobre os custes que tería para o Estado o rescate, valorado en 2.356 millóns de euros, unha cifra similar a das bonificacións. “Nin tan sequera quixo reunirse co Goberno galego nin estudalo, a pesar das reiteradas resolucións parlamentarias que instaban a que isto se fixera”, engade Delgado.
Ao mesmo tempo, reprocha que “non é comprensible que ante este desprezo a Galicia, o independentismo galego siga mantendo un apoio fixo e constante ao Goberno de Sánchez”. “O BNG é moi bravo en Galicia, con declaracións efectistas e caravanas propagandísticas, pero moi manso en Madrid, onde á hora da verdade segue acreditando a súa submisión a Sánchez”, agrega.
UN CLARO AGRAVIO COMPARATIVO CON OUTRAS COMUNIDADES
Diante das reiteradas aldraxes, o Goberno de Sánchez vai iniciar o ano 2026 “castigando a Galicia” cunha importante subida da peaxe, que se prevé de ao redor dun 5%. Un incremento que inclúe os prezos do sector, o IPC e o “extraordinario e ruinoso” compromiso do ministro José Blanco de autorizar un aumento acumulativo do 1% durante 20 anos en todos os tramos da AP-9.
E, mentres isto está ocorrendo, recorda o deputado do PPdeG, o Executivo central pactou recentemente coa Comunidade Foral de Navarra a transferencia da titularidade da AP-68 e liberou definitivamente a peaxe da AP-7 en Alicante, o que “supón que hai claramente un agravio comparativo”.
“Mentres que a determinadas comunidades si se lle fan concesións, Galicia segue esperando polo traspaso dunha autoestrada vital para a Comunidade, para a súa articulación socioeconómica. Con nós non se fala nin se negocia o rescate ou a liberación total ou parcial da peaxe”, conclúe Delgado.
De feito, o ministro Óscar Puente fixo recentemente unhas declaracións negándose unha vez máis á transferencia, case dous anos despois de que Besteiro, candidato socialista nas eleccións autonómicas, o prometera durante a campaña.
Pese a todo, os representantes do Partido Popular de Galicia adiantan que van seguir “loitando, con máis entusiasmo se cabe” desde todas as frontes, para acadar en 2026 o obxectivo que pretenden e que é o mesmo que o da gran maioría dos galegos e galegas: unha autoestrada galega e libre de peaxe.


