O PPdeG esixe a José Tomé que dimita de todos os seus cargos e ao BNG que “rompa dunha vez por todas” co PSOE

O PPdeG esixe a dimisión de José Tomé dos seus cargos como deputado provincial e como alcalde de Monforte de Lemos e pon o foco nun BNG ao que invita a “romper dunha vez por todas” co PSOE e a “poñer os dereitos das mulleres por riba das súas ansias de poder”.

Nunha rolda de prensa que ofreceu esta mañá na sede autonómica do partido, a secretaria xeral Paula Prado amosou o seu rexeitamento “como muller, como galega e como política” cara os comportamentos coñecidos nas últimas horas de José Tomé e trasladou o apoio do PPdeG a todas as presuntas vítimas que denunciaron ao político socialista por acoso sexual.

“Estamos preocupados porque, cada vez con máis frecuencia, se repite un patrón de conduta bastante preocupante no PSOE”, asegurou afeando aos socialistas que “nunca saben nada” e que “presumen de que feminismo e socialismo son o mesmo cando a verdadeira realidade do que pasaba con moitos dirixentes do partido eran comentarios denigrantes contra as mulleres, consumo de prostitución e actitudes moito máis que inadecuadas no ámbito laboral”.

A número dous dos populares galegos acusou á “cúpula socialista” de “coñecer e amparar” todo isto e por iso sostén que o PSOE “non ten absolutamente ningunha autoridade moral para falar en nome das mulleres”. Neste sentido, pediulle aos dirixentes socialistas que trasladen á Fiscalía as denuncias de todas as mulleres que relataron situacións de acoso sexual.

“Ese sería o paso normal dun partido que pretende ser feminista, pero por agora está moi lonxe”, concluíu subliñando a “hipocrisía tremenda” de que todos estes feitos “gravísimos” veñan do mesmo partido que “pretendía enarborar a bandeira do feminismo en exclusiva e acusaba de machismo a todo o mundo”.

O BNG E O SEU ‘FEMINISMO’

Paula Prado considera que a hipocrisía do PSOE é a mesma que a dun BNG que “hai uns días ameazaba a sede do PP de Santiago para conmemorar o 25-N, que insulta e desexa bombas nas partes íntimas ás mulleres do PP, que segue apoiando a Lei do ‘só si é si’ e que non levantou a voz co escándalo das pulseiras antimaltrato”.

Por iso desde o PPdeG agardan que, neste caso, o independentismo galego se poña “enfronte” na Deputación e no Congreso e “rompa dunha vez” co PSOE ao tempo que se preguntan “que máis ten que pasar” para que isto suceda.

“Se o BNG realmente, como di, quere ao agresor fóra das institucións, está nas súas mans sacalo”, subliñou a secretaria xeral dos populares galegos poñendo o foco no papel deste partido como “parte da ecuación de goberno” da Deputación de Lugo. Unha institución que, insiste, “depende exclusivamente de Tomé e do BNG”.

A dirixente popular argumentou que a situación actual de José Tomé “debería bastar para afastalo de calquera decisión institucional mentres se esclarezan os gravísimos feitos denunciados por varias mulleres” e que “non se pode falar de feminismo e de ‘tolerancia cero’ mentres se sostén o poder grazas a un voto baixo sospeita”.

“Se realmente Ana Pontón considera de tanta gravidade estas denuncias e quere solidarizarse coas vítimas, non pode manterse no Goberno da Deputación de Lugo co voto dun presunto agresor sexual”, concluíu defendendo que, no caso contrario, o BNG “estaría cambiando a defensa e o apoio ás vítimas polo poder na Deputación”.

O DANO PARA A IMAXE DE LUGO E DE MONFORTE DE LEMOS

Facendo un balance de todo o coñecido ata o de agora, Paula Prado explicou que nestes momentos tanto José Tomé como o PSOE “segue sen dar explicacións sobre o acontecido e sen aclarar o contido das denuncias presentadas polas presuntas vítimas” e que os máximos responsables do PSdeG “seguen sen aclarar se eran ou non coñecedores destes feitos”.

“É unha pena que se estea falando en toda España de Lugo e de Monforte de Lemos por esta cuestión e non polas necesidades que teñen esta provincia e este concello”, lamentou en último lugar.

O PPdeG amosa o seu respaldo ao “proxecto de futuro” construído polo PP da Estrada “a base de traballo, lealdade e profesionalidade”

O Partido Popular de Galicia amosou hoxe o seu respaldo ao “proxecto de futuro” que o PP da Estrada construíu ao longo dos últimos anos e que agora, baixo o liderado de Gonzalo Louzao, se ten consolidado “a base de traballo, lealdade e profesionalidade”.

Nesta liña, a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, que participou no pincho de Nadal organizado polo partido local; quixo destacar que Louzao, ademais da súa xuventude, reúne “a ilusión, a xestión e a proximidade” que se requiren dun bo alcalde e que neste tempo demostrou que “é quen de gobernar para todos, escoitar a cada parroquia e facer da política unha ferramenta útil”.

De aí que se amosase convencida de que, con este traballo, o partido seguirá sumando maiorías absolutas e sendo o máis votado na Estrada. Porque, segundo explicou, estas maiorías son “o que fai posible a estabilidade que permite garantir ao 100% o benestar dos veciños e veciñas”.

Na xuntanza tamén participou o predecesor de Louzao tanto na alcaldía como á fronte do PP local, José López Campos.

Comunicado do PP da provincia de Lugo

Ante a última comparecencia pública de José Tomé para anunciar a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo e a súa decisión de manterse como deputado non adscrito e alcalde de Monforte de Lemos tamén como non adscrito, dende o PP da provincia de Lugo:

1.- Insisten en trasladar o seu máximo apoio a tódalas mulleres e, particularmente, ás presuntas vítimas que o teñen denunciado por acoso sexual a través das canles internas do PSOE como daba a coñecer o programa ‘Código 10’ da cadea de televisión Cuatro.

2.- Subliñan que José Tomé e o PSdeG seguen sen dar explicacións sobre o acontecido, nin aclarar o contido das denuncias presentadas polas presuntas vítimas.

3.- Manifestan o seu respecto á presunción de inocencia e inciden en trasladar a súa condena ante este tipo de condutas graves que merecen o seu profundo rexeitamento.

4.- Esixen, por responsabilidade e coherencia, a dimisión de José Tomé como deputado provincial e como alcalde de Monforte de Lemos.

5.- Esixen aos máximos responsables do PSOE a nivel autonómico e provincial aclarar se eran ou non coñecedores dalgunha das denuncias presentadas polas canles internas e, en caso afirmativo, adoptar medidas urxentes ante a súa propia inacción.

Lugo, 10 de decembro de 2025

O Grupo Popular pedirá no Pleno que a Xunta impulse a investigación e extracción de materiais minerais fundamentais e que o Goberno central garanta a continuidade dos auxiliares de conversa

O Grupo Popular levará ao Pleno ordinario da vindeira semana a solicitude para que a Xunta convoque novos concursos de dereitos mineiros caducados para impulsar a investigación e posible extracción futura de materiais minerais fundamentais para sectores estratéxicos da economía galega. Nunha sesión plenaria de marcado carácter lexislativo, na que se aprobarán os proxectos de lei de orzamentos da Xunta para 2026, de medidas fiscais e administrativas, e de protección de menores e prevención das condutas aditivas, o Grupo Popular tamén pedirá ao Goberno central que garanta a continuidade do programa de auxiliares de conversa.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, destacou que no vindeiro Pleno procederase á aprobación “dos maiores orzamentos da historia da Comunidade galega: 14.240 millóns de euros, dos que tres de cada catro euros se destinarán a sanidade, educación, políticas sociais e emprego, cos que seguir avanzando no fortalecemento do Estado do Benestar”.

REBAIXAS FISCAIS

“Uns presupostos, ademais, que manteñen as rebaixas fiscais aprobadas en anos anteriores polos gobernos do PPdeG, e que no vindeiro ano se verán incrementadas con outras novas dirixidas aos colectivos máis vulnerables, como a eliminación no IRPF da cota íntegra autonómica das axudas aos afectados por ELA, a talidomida ou das persoas prexudicadas polos incendios forestais do pasado verán, así como as deducións para libros e material escolar”, apuntou.

A sesión inclúe tamén o debate para a súa aprobación da nova Lei de protección das persoas menores e prevención das condutas aditivas, “unha norma que ten como obxectivo protexer, anticipar e actuar fronte aos novos riscos que afectan diariamente á infancia e á adolescencia en Galicia”. En concreto, Pazos afirmou que esta lei “protexe máis e mellor aos nosos menores fronte ás adicións tradicionais e emerxentes, moderniza o marco normativo, adapta Galicia á evidencia científica actual, e reforza a prevención en escolas, familia e comunidades”.

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará que a Xunta continúe coa axenda xa iniciada este ano e convoque novos concursos de dereitos mineiros caducados, co obxectivo de impulsar a investigación sobre a presenza en Galicia de materiais minerais fundamentais para sectores estratéxicos da economía de cara ao seu futuro aproveitamento. Así mesmo, pedirase ao Goberno central que impulse as iniciativas lexislativas necesarias para recoñecer as materias primas minerais como recursos de primeira necesidade e de carácter estratéxico dentro da Reserva Estratéxica baseada nas capacidades nacionais de produción industrial.

RIFA ENTRE MINISTERIOS

A segunda das proposicións non de lei que o Grupo Popular defenderá no Pleno ten que ver cunha polémica aberta no seo do Goberno de Pedro Sánchez, concretamente entre os ministerios de Educación e de Traballo, e que deriva da obriga establecida por este último pola que os auxiliares de conversa deben contar cun contrato laboral no réxime da Seguridade Social, cando están definidas como persoas que participan nun intercambio cultural, polo que non están obrigados a esas relacións laborais.

Neste sentido, Alberto Pazos considerou “intolerable que esta rifa entre dous ministerios do Goberno de Pedro Sánchez chegue ao punto de que un programa como o de auxiliares de conversa, que se leva impartindo en Galicia desde o ano 2009 con total normalidade, estea en perigo a súa continuidade”, polo que se solicita que o Goberno de España adopte con urxencia as medidas necesarias para garantir a continuidade deste programa de auxiliares de conversa, no que na actualidade participan en Galicia 690 auxiliares en case 800 centros de ensino galegos.

Polo que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase no Pleno polas medidas e decisións adoptadas polo Goberno de España nos últimos meses ao obxecto de dar resposta aos grandes retos do mercado laboral en Galicia; polas últimas novidades respecto da posta en marcha do centro de protonterapia de Galicia; e pola situación da Unidade de Policía Nacional adscrita a Galicia.

Comunicado do PP da provincia de Lugo

Ante a información que se deu a coñecer no programa ‘Código 10’, de Cuatro, sobre as denuncias por presunto acoso sexual por parte do secretario xeral do PSOE lucense, presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, José Tomé, a través da canle interna do PSOE; o Partido Popular da provincia de Lugo:

1.- Traslada o seu máximo respecto e apoio a tódalas mulleres e, particularmente, ás presuntas vítimas que teñen denunciado estes feitos reprochables.

2.- Dende o respecto á presunción de inocencia, manifesta o seu máximo estupor e preocupación ante estas graves acusacións e a súa firme condena ante este tipo de condutas inconcibibles.

3.- Esixe a José Tomé explicacións inmediatas, claras e transparentes, sobre os incidentes relacionados con casos de presunto acoso sexual a compañeiras de partido denunciadas a través das canles internas do PSOE.

4.- Esixe, igualmente, que os responsables do seu partido que, supostamente, eran coñecedoras das denuncias internas, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; e a secretaria de Organización do PSOE lucense, Pilar García Porto; dean tamén as explicacións sobre os feitos e a súa presunta inacción ante o coñecemento das denuncias por acoso sexual.

5.- Insta tamén aos responsables do PSOE a adoptar as medidas disciplinarias oportunas e de calquera outra índole que correspondan sobre o presunto responsable dos feitos e os coñecedores dos mesmos, pola súa inacción.

6.- Agarda que outras forzas políticas; nomeadamente, o seu socio de goberno, o BNG, se sume a esta reivindicación e pida esclarecer estes feitos e adopte as medidas oportunas.

7.- Reitera o seu apoio ás mulleres e ás presuntas vítimas deste caso que se daba a coñecer a través do programa ‘Código 10’ de Cuatro.

O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno central que reforce e intensifique os postos da Garda Civil na Limia e a Baixa Limia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra dos deputados do PSdeG e a abstención do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España que reforce e intensifique, de maneira urxente, con medios humanos e materias suficientes, os postos da Garda Civil nas comarcas da Limia e da Baixa Limia, a fin de que garanta a súa operatividade as 24 horas do día ante a alarma social que provoca a repunta delituosa.

A deputada popular Cristina Campero lamentou que “a situación da seguridade na provincia de Ourense e, en particular, na Limia e a Baixa Limia, vén deteriorándose de maneira preocupante”, unha situación derivada dos “recortes da Garda Civil realizados nos últimos anos: menos presenza no territorio de axentes, menos capacidade de prevención e tempos de resposta moi dilatados”.

163 AXENTES MENOS NA PROVINCIA DE OURENSE

En concreto, explicou que na provincia de Ourense hai 910 prazas da Garda Civil, das que só están cubertas 817 e outras 70 so baixas médicas sen cubrir, o que fai un total de 163 axentes menos na provincia ourensá.

“Ao mesmo tempo que o Goberno central desmantela cuarteis no rural galego, a criminalidade disparouse un 28,3 por cento desde o ano 2018”, criticou a deputada popular, quen manifestou que “pasamos dun rural galego de portas abertas a un rural de alarmas, froito dun medo que se agrava polos continuos roubos e a menor presenza da Garda Civil, que deixa vía libre aos ladróns e delincuentes”.

Millán Mon pide a la Comisión Europea apoyar firmemente a la oposición democrática de Venezuela

El eurodiputado del Partido Popular Francisco Millán Mon intervino hoy en un debate en la Comisión de Exteriores con la Alta Representante de Política Exterior y Seguridad Kaja Kallas en el que le pidió ser “más explícitos en relación con Venezuela”.

Para Millán Mon la postura de la UE estos días hacia este país no puede centrarse en subrayar solo la importancia de la seguridad marítima en el Caribe y en el no uso de la fuerza. “Debemos poner el énfasis también en la defensa de los Derechos Humanos y las libertades y en el necesario cambio democrático en Venezuela”, recalcó.

El eurodiputado popular subrayó que mañana 10 de diciembre María Corina Machado recibe el Premio Nobel de la Paz. “También nosotros debemos alegrarnos por ello y decirlo abiertamente y con la boca grande”, añadió.

Por otra parte, según el eurodiputado gallego, es necesario reforzar también nuestras relaciones con América Latina. En este sentido celebró que la Cumbre entre la UE y la CELAC finalmente tuviese lugar el pasado noviembre. Como ponente de la Comisión de Exteriores para Mercosur, Millán Mon subrayó la importancia del Acuerdo UE – Mercosur y pidió que se firme lo antes posible.

A Comisión 3ª do Parlamento galego aproba o ditame dos proxectos de Lei de orzamentos de Galicia para 2026 e de medidas fiscais e administrativas

A Comisión 3ª do Parlamento de Galicia aprobou hoxe o ditame dos proxectos de Lei de orzamentos da Comunidade galega para 2026 e de medidas fiscais e administrativas, co que ambos textos lexislativos quedan pendentes da súa aprobación definitiva no Pleno ordinario da vindeira semana.

Os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano ascenden a 14.240 millóns de euros, a cifra máis alta da historia da Comunidade galega e dos que tres de cada catro euros destinaranse a sanidade, educación, políticas sociais e emprego: 10.600 millóns de euros, cos que seguir avanzando no fortalecemento do Estado do Benestar.

Así mesmo, os orzamentos manteñen as rebaixas fiscais das que gozan os galegos de anos anteriores, ás que se suman outras novas dirixidas aos colectivos máis vulnerables, como a eliminación no IRPF da cota íntegra autonómica das axudas aos afectados por ELA, a talidomida ou das persoas prexudicadas polos incendios forestais do pasado verán, así como as deducións para libros e material escolar.

Pedro: “Eu non coñezo a ese home”

A negación de San Pedro é unha das escenas máis intensas do Evanxeo. O apóstolo, posto entre a lealdade, a angustia e o medo a perder a vida, escolleu salvarse negando a quen acompañara durante anos. E fíxoo negando a Xesús tres veces antes de que cantase o galo.

Esa imaxe, que atravesou séculos de pintura, literatura e meditación relixiosa, represéntanos unha fraxilidade moi humana, mais tamén a posibilidade do arrepentimento, da rectificación e da verdade asumida sen escusas.

Hoxe, vinte séculos despois, volvemos escoitar -noutro contexto, noutra escena e con outros protagonistas- unha negación que resoa cun ton demasiado familiar: “Eu non coñezo a ese home”. Só que agora quen fala non é o apóstolo, senón Pedro Sánchez. E o home negado non é Xesús, é José Luis Ábalos.

As comparacións, por suposto, nunca son exactas. Esta non é nin teolóxica, nin moito menos moral. É unha comparación política sobre algo que comparten: a negación do evidente.

Durante anos, Ábalos foi unha das figuras máis próximas ao presidente: ministro clave, negociador en horas críticas, home de absoluta confianza, que abría portas e apagaba lumes. E, de súpeto, cando salta o Caso Koldo, convértese nun perfecto descoñecido. Sánchez, que durante anos viviu politicamente apoiado nel, actúa agora como se apenas o tivese visto un par de veces nun corredor. Un exercicio de amnesia política que insulta a calquera que siga a vida pública con mínima atención.

A diferenza de San Pedro, aquí non hai medo ao martirio. Hai, simplemente, o cálculo frío do poder. Cando un colaborador cae en desgraza, convértese nun fardo que hai que soltar, aínda que hai apenas uns meses fose imprescindible.

Sánchez, que durante anos viviu politicamente apoiado nel, actúa agora como se apenas o tivese visto un par de veces nun corredor. Un exercicio de amnesia política que insulta a calquera que siga a vida pública con mínima atención.
Os cidadáns sabemos quen era Ábalos, o peso que tivo e a confianza que lle depositou o propio Sánchez. Sabémolo porque o vimos, porque o escoitamos e porque gobernaron xuntos. Negalo agora non é unha defensa, é unha ofensa.

En política, como na vida, a lealdade ponse a proba nos momentos difíciles. E é precisamente aí onde se mide a altura moral dos líderes. San Pedro negou a Xesús, é certo, pero fíxoo entre bágoas, arrepentido e con medo. O que vemos hoxe, en cambio, non é arrepentimento, nin dúbida, nin humanidade. É a frialdade dun líder que elixe esquecer, cando lle convén, que só recoñece aos seus cando son útiles e que os borra cando deixan de selo.

O galo, tarde ou cedo, canta. E cando canta, a verdade sempre acaba saíndo á luz. E cando iso ocorre, a negación deixa de ser un escudo para converterse nun símbolo de debilidade.

O Caso Koldo non é un episodio illado: é síntoma dun estilo, dun xeito de entender o poder onde o relato sempre vai por diante da verdade. Onte foi Cerdán, hoxe é Ábalos e o propio Koldo; pero mañá será outro, sen esquecernos das repugnantes actitudes machistas protagonizadas onte polo Tito Berni e hoxe por Salazar. E así, sucesivamente.

Porque o problema de fondo non é quen caeu -que tamén-, senón como reacciona quen manda. E neste caso, a reacción é moi clara: negación, sorpresa, distancia, explicación ambigua e, finalmente, silencio.

A cuestión é sinxela: que pode esperar un país dun presidente que nega con tanta facilidade a quen foi o seu home máis próximo? Se é capaz de borrar así ao seu propio equipo, como non vai intentar borrar tamén os feitos, as responsabilidades e as explicacións que debe?

San Pedro arrepentiuse daquela negación. Sánchez, polo de agora, non. Pero a política, como a vida, ás veces tamén pide contas. E chega un momento no que deixar de coñecer a quen foi imprescindible non salva a ninguén. Nin sequera ao presidente.

Porque un gobernante pode equivocarse, pode rectificar, pode mesmo cambiar de criterio. O que non pode é facernos parvos. Iso, en democracia, tamén ten un prezo.

O PPdeG traslada ao colectivo de autónomos galego o seu compromiso por mellorar as súas condicións e facer valer o seu esforzo

O Partido Popular de Galicia trasladou aos autónomos e pequenos empresarios galegos o seu compromiso por mellorar as súas condicións e facer valer o seu esforzo a través da adopción de medidas que lles permitan “dedicarse a traballar e non perder o tempo en loitar contra cada vez máis trabas, máis impostos e máis burocracia”.

Esta semana varios deputados nacionais e senadores do partido no Congreso mantiveron unha xuntanza na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en Santiago na que participaron, ademais desta organización, representantes da Asociación intersectorial e interterritorial de autónomos e pequenas empresas de Galicia (APE) e da Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos (ATA).

Un encontro no que tomaron nota das demandas e necesidades destes colectivos e aproveitaron para presentarlles de primeira man o decálogo de propostas que o presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, vén de presentar co obxectivo de ofrecer aos autónomos galegos e o do resto de España “menos impostos e trabas, máis facilidades para crecer e máis protección”.

As dez medidas deste plan son: exención do IVE a quen factura menos de 85.000 euros; Tarifa Cero para novos autónomos; redución anual das declaracións (de catro a dous ou a unha); non pago das cotizacións durante un ano polo primeiro empregado contratado; non pago das cotizacións polas baixas por enfermidade grave; facilidades para traballar despois da idade de xubilación; compatibilidade do traballo autónomo e o traballo por conta allea; exención de cotas durante dous anos tras a paternidade e maternidade; equiparación dos dereitos por lactación e clarificación; e incremento das deducións de gastos.

Os representantes do PPdeG quixeron subliñar que estas medidas son viables e realizables, poñendo como exemplo a aposta do Goberno galego por facilitar o traballo autónomo con propostas na mesma liña. É o caso da cota cero, para apoiar as novas altas; ou apoios chave como a orde única de axudas, deseñada para reforzar o acompañamento e simplificar trámites.

Esta última, de feito, en 2026 incluirá novidades no programa de promoción de emprego autónomo, que reforza o apoio aos autónomos que inicien a súa actividade en calquera sector asociado á agricultura, gandaría e silvicultura e no Bono Remuda, para seguir impulsando a continuidade dos negocios.