O Grupo Popular afirma que a modificación da Lei facilitará que o deporte siga sendo un espazo de convivencia, de educación e de valores, libre de violencia e exemplo de bo goberno

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe sen votos en contra a modificación da Lei do deporte de Galicia, “unha aposta clara para garantir que o deporte galego siga sendo o que quere e debe ser: un espazo de convivencia, de educación e de valores, libre de violencia e exemplo de bo goberno”, manifestou o deputado popular Roberto Rodríguez.

“Estamos diante dunha modificación da Lei do deporte que entendemos necesaria, oportuna e valente”, sinalou o deputado popular, quen incidiu no feito de que “permite ampliar o catálogo de respostas ante a violencia no noso deporte a través do exercicio da acción popular por parte da Xunta nestes casos”.

Roberto Rodríguez sinalou que “blindar o deporte e os valores que encerra na formación da persoa esixe illalo de condutas claramente que atentan contra todo o que representa”. Por este motivo, con esta modificación ábrese a posibilidade de que, sempre co consentimento da vítima ou do seu representante legal, a Xunta poida exercer a acción popular nos procedementos penais por violencia do deporte. “Trátase de garantir aínda máis a protección do interese público representado polo deporte galego, que consideramos un patrimonio social colectivo que, por tanto, pertence a toda a sociedade de Galicia”, dixo.

BO GOBERNO NO DEPORTE

Así mesmo, o deputado popular explicou que esta modificación “pretende levar á xestión deportiva e á xestión das federacións o que xa está implantado noutros ámbitos de xestión do ámbito público”. En concreto, indicou que “o bo goberno no deporte é no século XXI un requisito esencial para o normal desenvolvemento da xestión de organizacións e federacións deportivas”, porque “a democracia interna, a transparencia, a integridade, a apertura e a rendición de contas son xa principios de actuación irrenunciables na xestión dos fondos públicos”.

Rodríguez asegurou que “no deporte son inmensa maioría os xestores responsables, pero alí onde sexa necesario as federacións deportivas deben elevar o nivel de esixencia das súas normas de bo goberno, a través de principios que garantan a xestión irreprochable dos seus recursos financeiros, os controis para previr os conflitos de intereses ou, entre outros, a duración limitada dos cargos federativos”, que con esta reforma queda establecida en catro mandatos con opción dun único mandato adicional en atención a circunstancias concretas.

Por último, o deputado popular referiuse a outras dúas modificacións na Lei do deporte. A primeira, dirixida a aportar maior seguridade xurídica no relativo ao réxime de prescricións e sancións, que finalmente consiste nunha remisión xeral ao establecido na Lei de réxime xurídico do sector público. “Preténdese por fin ás lagoas interpretativas que estaban a provocar certa inseguridade xurídica que non beneficiaban a ninguén e que nalgúns casos eran mesmo incompatibles coa periodicidade das reunións do Comité Galego de Xustiza Deportiva”, manifestou. En concreto, agora establécense 3 anos, 2 anos e 6 meses para a prescrición das infraccións moi graves, graves e leves, respectivamente; e 3 anos, 2 anos e 1 ano para a prescrición das sancións moi graves, graves e leves.

Ademais, a reforma lexislativa aprobada hoxe recolle que a incoación dun proceso penal non será obstáculo para a iniciación, se é o caso, dun procedemento administrativo e disciplinario polos mesmos feitos, máis non se ditará resolución neles ata que recaia unha sentenza ou un auto de sobresemento firmes na causa penal.

O Grupo Popular asegura que a Xunta seguirá atendendo as recomendacións da Valedora do Pobo para ofrecer uns servizos públicos de calidade e á altura do que demandan os galegos

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, asegurou hoxe no Pleno, no debate do Informe anual do Valedor do Pobo correspondente a 2024, que a Xunta “toma boa nota das preocupacións dos galegos e galegas e das recomendacións que ano tras ano traslada a Valedora ao respecto, e o seguiremos facendo con ambición, responsabilidade e traballo diario para ofrecer uns servizos públicos de calidade e á altura do que os cidadáns demandan”.

Paula Prado comezou a súa intervención alertando da “situación de emerxencia democrática que vive España, provocada polo progresivo proceso de colonización de institucións e poderes concibidos para ser independentes e que, tristemente, están hoxe ao servizo dunha única persoa, Pedro Sánchez, e dunha esquerda que perdeu por completo o respecto á democracia”.

“Unha esquerda que non respecta á Xustiza, só así se entenden as súas reaccións ante a anomalía democrática de ter aínda no cargo ao primeiro fiscal xeral do Estado condenado e inhabilitado por servirse do seu poder con fins partidistas; nin tampouco respecta a pluralidade política, e só así se entenden ataques violentos como o que pasado 25 de novembro instigou o BNG, a través do seu sindicato, á sede do PP de Santiago”, manifestou.

MENOR ESPERA SANITARIA EN GALICIA

Respecto do informe da Valedora e no que se refire ás listas de espera sanitarias, Paula Prado lembrou que Galicia é a segunda comunidade autónoma na que os pacientes teñen que esperar menos días para unha consulta, 39 días menos que a media española; e a cuarta comunidade na que os pacientes teñen que esperar menos días para unha cirurxía, 50 días menos que a media de España.

“Uns datos que poderían ser mellores e para iso fáltanos un recurso fundamental: os médicos especialistas, un problema común a toda España e ante o que Galicia xa actuou para cumprir as recomendacións da Valedora, ofrecendo incentivos entre os facultativos para cubrir as prazas desertas de difícil cobertura ou as quendas de traballo vacantes”, explicou a viceportavoz popular.

No ámbito da dependencia, asegurou que “o Goberno galego xa vai no camiño do que recolle o informe respecto á mellora dos tempos de valoración e o cumprimento de prazos”. Neste sentido, afirmou que o plan de choque aprobado pola Xunta xa permitiu reducir en 47 días o tempo de tramitación da dependencia, alcanzar unha ratio de cobertura das prestacións de case o 99 por cento e simplificar o proceso para o recoñecemento automático da discapacidade. “O que non vai na liña do recomendado pola Valedora é o recurso de inconstitucionalidade interposto polo Goberno central contra este plan de choque”, dixo.

Ademais, apuntou que “estaría ben que PSOE e BNG, tan bravos aquí e tan mansiños en Madrid, fosen quen de reclamar eses case 3.000 millóns de euros de financiamento da dependencia que nos debe o Goberno de Pedro Sánchez”.

FALLOS NA PROTECCIÓN DAS MULLERES

Tamén no eido da igualdade, e despois de lembrar que “no PPdeG tivemos que escoitar ata non hai moito tempo como se nos acusaba de negacionistas por denunciar que o sistema de protección non estaba funcionando”, Paula Prado lamentou que “o sistema de protección estea fallando porque as mulleres seguen sendo asasinadas incluso despois de denunciar e mesmo cando contan con algunha medida de protección en vigor”, como as pulseiras antimaltrato, o sistema Viogen ou a propia Lei do só si é si.

“É máis urxente que nunca que o Goberno de España deixe de perder o tempo en campañas publicitarias e se poña a traballar en serio no que realmente importa: en recoñecer a violencia económica como unha forma de violencia de xénero, en aprobar a Lei de Trata ou en cumprir todas as medidas recollidas no Pacto de Estado de Violencia de Xénero de 2017″, demandou.

Para rematar, Prado asegurou que a Xunta «toma boa nota das preocupacións dos galegos e das recomendacións que fai a Valedora do Pobo”, e anotou que “estaría ben que tamén o fixesen os grupos da oposición alí onde gobernan, como a alcaldesa nacionalista de Santiago, un dos concellos que máis queixas recibiu; o presidente socialista da Deputación de Lugo, que prohibe o acceso dos deputados da oposición ás dependencias provinciais; ou os alcaldes socialistas de Vigo, Lugo e A Coruña, que lle negan o acceso a documentación a concelleiros da oposición”.