Cristina Campero e Miguel Ángel Viso iniciaron en Montederramo e Maceda unha xira por distintos territorios rurais de Ourense para coñecer as preocupación e demandas dos gandeiros

Os deputados do Grupo Popular Cristina Campero e Miguel Ángel Viso iniciaron en Montederramo e Maceda unha xira de visitas a distintos territorios rurais da provincia de Ourense co obxectivo de reforzar o contacto directo cos profesionais do campo e coñecer as súas principais preocupacións e demandas, para posteriormente trasladalas ao Parlamento galego.

Durante estes dous encontros, Cristina Campero e Miguel Ángel Viso puxeron en valor o papel estratéxico da gandería extensiva e de montaña, á que definiron como un dos piares fundamentais da economía ourensá e un elemento clave para o equilibrio territorial e social do rural. Neste sentido, coincidiron en sinalar que a actividade gandeira vai moito máis alá da produción económica, xa que contribúe de forma decisiva á fixación de poboación, á prevención de incendios, á conservación da paisaxe e á preservación dun modo de vida ligado ás tradicións e á identidade da provincia.

PAC XUSTA, FLEXIBLE E SENSIBLE

Unha das cuestións que xerou maior preocupación entre os gandeiros foi a reforma da Política Agraria Común (PAC), que está a introducir cambios significativos nos criterios de acceso ás axudas e nos pagos directos. Cristina Campero advertiu que estas modificacións están a xerar unha fonda incerteza, especialmente nas pequenas e medianas explotacións, maioritarias no territorio. “Non podemos permitir que unha PAC mal adaptada á realidade galega poña en risco a viabilidade das explotacións familiares, polo que desde o Partido Popular defenderemos unha política agraria xusta, flexible e sensible ás particularidades da gandería de montaña, que garanta rendas dignas e seguridade económica aos nosos gandeiros”, subliñou a deputada.

Campero e Viso mostraron o seu apoio incondicional ás demandas do sector e manifestaron a súa clara oposición a calquera recorte dos fondos da PAC, por consideralos unha ameaza directa ao futuro do medio rural galego. Ademais, subliñaron a importancia de que a Unión Europea manteña un compromiso firme co sector primario, especialmente nas rexións con características singulares como Galicia, onde a dispersión xeográfica, o minifundismo e o avellentamento da poboación agraria requiren dunha atención específica.

Outro dos asuntos que se abordaron nos encontros cos gandeiros de Montederramo e Maceda foi a problemática do lobo, cuestión na que coincidiron en cualificala como unha das maiores ameazas para a continuidade da gandería extensiva na provincia. Os continuos ataques aos rabaños, unidos á falta de ferramentas eficaces de xestión, están a xerar unha situación insostible no rural. Neste contexto, os deputados populares reiteraron a súa defensa da saída do lobo do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPRE), ao considerar que a inclusión nesta listaxe foi unha decisión allea á realidade do territorio.

SECTOR DESPROTEXIDO

Miguel Ángel Viso foi contundente ao respecto: “A protección do lobo non pode facerse a costa dos gandeiros, porque a inclusión desta especie no LESPRE supuxo unha perda total de capacidade de xestión e deixou ao sector absolutamente desprotexido”, ante o que avanzou que “desde o Partido Popular seguiremos reclamando a saída do lobo do LESPRE para poder aplicar medidas de control eficaces que garantan a convivencia e a viabilidade das explotacións”.

Para rematar, os deputados populares consideraron o relevo xeracional como un dos desafíos máis urxentes para asegurar o futuro do sector agrogandeiro galego. Así, Cristina Campero destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa incorporación de mozos e mozas á actividade gandeira, a través de programas específicos de apoio, formación e incentivos económicos. “O rural galego ten futuro, pero para iso é imprescindible crear condicións atractivas para que a xente nova vexa na gandería unha oportunidade de vida, para o que a Xunta xa leva anos traballando con políticas activas que facilitan o acceso á terra, ao financiamento e á modernización das explotacións”, indicou.