O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, contrapuxo hoxe “a política laboral sanchista, que busca mellora as cifras de paro manipulando as estatísticas, coa do Partido Popular, que aposta pola creación real de emprego a través dun auténtico diálogo social”. Ademais, afirmou que “Galicia seguirá apostando por unha formación profesional de calidade que nos permita reter talento e por unha reciclaxe permanente das capacidades laborais”.
“Isto será moito máis sinxelo cun Goberno de España presidido por Alberto Núñez Feijóo, onde a clave da creación de emprego estará en conciliar os intereses de empresarios e traballadores e en asumir que a mesa de diálogo social é un espazo para o encontro e non un campo de batalla no que cavar trincheiras ideolóxicas”, asegurou.
Na súa intervención na interparlamentaria que o PP está a celebrar en A Coruña, na mesa redonda titulada Un pais no que valga a pena traballar, Alberto Pazos explicou que en España “temos experimentado dous modelos de política laboral ben diferenciados: por unha banda, o modelo sanchista, cuxo maior logro foi alterar o modo de contabilizar o número de parados, de tal xeito que o importante non sexa o dato de empregos creados, senón o dato das estatísticas oficiais; e, por outro lado, o modelo o Partido Popular, que consiste en crear as condicións que propicien a xeración de emprego”.
“Deste último modelo algo sabemos en Galicia, porque aquí os presidentes Feijóo e Rueda priorizaron a confianza nas persoas, e neste caso nos empresarios e nos traballadores”, indicou. Neste sentido, dixo que, “cando un escoita con atención, descobre que o que buscan os empresarios son traballadores que respondan ás necesidades reais das súas empresas, e o que buscan os traballadores é a cualificación que lles permita acceder a postos de traballo con mellores condicións laborais”.
Alberto Pazos destacou “o prestixio, confianza e utilidade” que ten a formación profesional en Galicia, onde dous de cada cinco estudantes que rematan os seus estudos obrigatorios se matriculan nesta opción educativa, dobrando o número de alumnos que cursaban estudos en FP cando o PP chegou ao Goberno de Galicia en 2009.
MESMA FILOSOFÍA
O portavoz popular agradeceu “a confianza que depositaron nesta formación as máis de 15.000 empresas que colaboran neste éxito colectivo, empresas que nos contaron as súas necesidades, que manteñen abertas vías de comunicación permanente coas que deseñar unha oferta formativa á carta, e que colaboran activamente na formación real dos alumnos mediante un sistema de prácticas”. Esta situación derivou en que o 85 por cento dos alumnos de FP acceden a un emprego, unha cifra que se eleva practicamente ao 100 por cento se se trata da FP dual.
Pazos referiuse ao novo paso dado polo Goberno galego trasladando ao Servizo Público de Emprego “a mesma filosofía de escoita e de conciliación de intereses de empresarios e traballadores”. En concreto, puxo como exemplo a incorporación da ferramenta de emprego e mellora da información (EMI), que aplica intelixencia artificial para analizar e encaixar as competencias profesionais dos demandantes de emprego cos requirimentos concretos da oferta laboral, ou a incorporación das recomendacións do Consejo de Europa sobre microcredenciais.
Para rematar, puxo de manifesto que “en Galicia estamos potenciando as accións para reter todo o talento galego, aspirando a atraer novo talento estea onde estea”. Deste xeito, lembrou que “ofrecemos a esa outra Galicia, a Galicia da emigración, a posibilidade para que retorne á súa terra, e que mellor maneira de facelo que cun contrato de traballo en orixe que lle permita iniciar unha vida mellor aquí”.






