O Parlamento de Galicia demanda a creación do Plan de accesibilidade e de inclusión cultural

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda a creación do Plan de accesibilidade e de inclusión cultural de Galicia, contando coa participación das entidades, públicas e privadas, máis representativas dos intereses daquelas persoas nas cales concorra algún factor de risco de exclusión cultural.

A portavoz popular de Cultura, Carmen Pomar, lembrou que a Lei 3/2024 de cultura inclusiva e accesible de Galicia contempla a creación dun Plan de accesibilidade e de inclusión cultural no que participen as entidades representativas dos colectivos especialmente previstos nesta normativa. “Un plan no que se detalle a situación de partida e as melloras que compre realizar para facilitar o acceso universal de todas as persoas á cultura, ao tempo que se concretarán as actividades e as accións que é preciso implementar para favorecer a participación de todo tipo de públicos nas actividades culturais que se realicen en Galicia”, apuntou.

NORMA PIONEIRA EN EUROPA

A Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, aprobada polo Pleno do Parlamento de Galicia o 19 de novembro de 2024, foi unha norma pioneira en Europa que garante o acceso á cultura para todas as persoas, especialmente aquelas vulnerables por condicionantes diferenciais, e promove a igualdade de oportunidades, eliminando barreiras físicas, dixitais e sociais na participación, máis tamén na creación cultural.

“A inclusión nunca é un gasto, é un verdadeiro investimento en cohesión social e, aínda que a aplicación debe de ser progresiva e acompañada de asesoramento técnico e de criterios de proporcionalidade, debe camiñar forte, sen marcha atrás, sen pausa e paso a paso cara un modelo cultural que non exclúa a ninguén”, manifestou a portavoz popular.

Deste xeito, Carmen Pomar subliñou que este lei “non condiciona contidos, senón que é garante de que calquera persoa acceda a eles: a liberdade creativa permanece intacta porque o que cambia é a capacidade de participación do público”.

O Parlamento galego pide ao Goberno central axudas e asistencia técnica para que autónomos e pemes se adapten ao novo sistema dixital de rexistro horario

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que habilite liñas de axudas económicas e de asistencia técnica para autónomos, pequenas e medianas empresas que teñan que adaptarse ao novo sistema dixital de rexistro horario.

Ademais, pídese que inclúa ás comunidades autónomas e aos axentes sociais no proceso de elaboración e implantación do decreto, garantindo un marco pactado, realista e respectuoso coas competencias autonómicas e coa negociación colectiva. En concreto, considérase necesario axustar a entrada en vigor da norma ao disposto no artigo 23 da Lei 50/1997, de maneira que se fixe a súa aplicación o 1 de xaneiro ou o 1 de xullo posteriores á súa publicación, garantindo un período suficiente de adaptación.

A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, lembrou que o Goberno de España está a tramitar, pola vía de urxencia, a reforma do rexistro horario coa intención de implantalo ao longo de 2026. “Un sistema dixital obrigatorio e accesible en tempo real para os traballadores, os seus representantes e a Inspección de Traballo, que elimina definitivamente o soporte en papel e introduce novas obrigas de control, almacenamento de datos, seguridade, trazabilidade e interoperabilidade”, apuntou.

“Desde o Grupo Popular non estamos en contra deste rexistro horario dixital, nin da transparencia e do control das xornadas, pero cuestionamos que o Goberno de Pedro Sánchez volva optar pola vía da imposición e do Real Decreto-Lei para saltarse o diálogo social, o diálogo coas comunidades autónomas e unha avaliación do impacto económico real sobre quen ten que cumprir a norma”, manifestou.

EXPERIENCIA NEGATIVA DO VERIFACTU

Noelia Pérez afirmou que “cada nova obriga imposta sen contraprestación algunha reduce a competitividade, desincentiva o emprendemento, penaliza a creación de emprego e afoga especialmente aos empresarios máis pequenos”. Por este motivo, “solicitamos ao Goberno central axudas económicas e asistencia técnica para autónomos e pequenas e medianas empresas que teñan que adaptarse ao novo sistema dixital de rexistro horario; diálogo real cos axentes sociais e coas comunidades autónomas; e unha entrada en vigor razoable que permita a adaptación real e non a improvisación”, dixo.

“Confiamos que o Goberno de Pedro Sánchez non volva facer o que fixeron co Verifactu, obrigando ás empresas a gastar na implantación deste novo sistema de facturación para retiralo unha semana antes da súa entrada en vigor, sen saber a día de hoxe como vai acabar esta cuestión”, indicou.

Paula Prado defende ao sector do mar fronte a “incoherencia” do PSOE e o “oportunismo” do BNG no asunto do control europeo da pesca

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, reiterou hoxe o apoio ás demandas do sector da pesca de flexibilizar os controis europeos, fronte á “incoherencia” do PSOE e o “oportunismo” do BNG.

“Somos o Partido da Pesca, como din as nosas siglas: PP. E nunca imos deixar tirados aos nosos mariñeiros”, sinalou durante unha visita á lonxa de Muxía, acompañada da portavoz local e tenente de alcalde, Sandra Vilela, e doutros representantes do partido na comarca.

“Pedímoslle ao Goberno de Sánchez que reaccionara e que aplicara a norma europea respecto ao control da pesca dun xeito que non afogara aos pescadores. E vimos que a flexibilización era posible, só era cuestión de vontade política”, sinalou. Neste sentido, apuntou que o Executivo de Sánchez cambiou a súa postura “grazas á insistencia do PPdeG e, por suposto, grazas á presión do sector”.

Prado puxo en valor a posición “clara e coherente” do PPdeG co sector, fronte a un socialismo “tan entretido cos seus asuntos de corrupción que a pesca é a súa última prioridade” e un independentismo “que en Europa segue aliado co Grupo dos Verdes, que apoiou o veto á pesca de arrastre”.

Ao Goberno central esixiulle “non máis sobresaltos” con este asunto, xa que a “incerteza e a tensión” xerada ao sector do mar nos últimos días foi “gratuíta, innecesaria e totalmente evitable”.

“No PPdeG defendemos ao sector pesqueiro. Nós votamos sempre a favor da xente do mar da Costa da Morte e de toda Galicia”, concluíu.

“O PP SEMPRE ESTIVO AO LADO DOS MARIÑEIROS”

Pola súa banda, Sanda Vilela subliñou que “o PP sempre estivo o lado dos mariñeiros e do sector”, demostrándoo de novo con este problema do regulamento europeo.

Lamentou tamén que o Goberno central “non escoitara antes ao sector” e puxo en valor a pesca artesanal: “Forma parte da nosa identidade e pelexaremos para que sobreviva”.

“POPULISMO” DO BNG CON MERCOSUR

A número dous dos populares galegos apuntou tamén que, do mesmo xeito que a pesca, o PPdeG “ten tamén o agro como unha prioridade” e, como fixo onte no Parlamento Europeo, “vota para protexer os nosos agricultores e gandeiros”.

“Que non nos enganen. O BNG fai populismo: non conseguiu bloquear o acordo de Mercosur, senón que provocou o efecto contrario. Abriu a porta a que se puidese aplicar de xeito inmediato, pero sen o regulamento das cláusulas de salvagarda. E no PP non imos consentilo”, dixo. De feito, explicou, enviar o acordo co Mercosur ao Tribunal de Xustiza da UE “amplía a agonía do campo”.

“Somos o partido do rural e non imos consentir que se aplique o acordo sen as cláusulas de salvagarda automáticas e sen un reforzo claro dos controis en fronteira”, deixou claro Prado respecto das medidas de protección ao sector que o PP reclama e que son “garantía para a actividade económica do sector”. “Ese é o posicionamento do PP: antes de nada, temos que garantir e incrementar a defensa do noso agro”, resumiu.

O Grupo Popular critica a “incongruencia e dobre moral” de BNG e PSdeG coa adecuación de As Gándaras en Lugo ao novo modelo de residencias

A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, a “incongruencia e dobre moral” de BNG e PSdeG ao criticar a adecuación da residencia de As Gándaras de Lugo ao novo modelo de instalacións impulsado pola Xunta, ao mesmo tempo que o Concello destina 900.000 euros do servizo de axuda no fogar, no que ten 600 persoas en lista de espera, para a compra de cámaras de control de tráfico.

Raquel Arias cualificou o debate no Parlamento galego dunha iniciativa nacionalista sobre as obras na residencia de As Gándaras como “un novo episodio da continua incongruencia na que viven BNG e PSdeG cando falan de prestación de servizos sociais, cuxa trama consiste en defender vehementemente de palabra os intereses de diferentes colectivos para despois, pola vía dos feitos, levar a cabo accións que sempre prexudican a eses mesmos colectivos”.

MAIOR CONFORT PARA OS USUARIOS

Ademais da decisión tomada por nacionalistas e socialistas no Concello de Lugo de destinar 900.000 euros do servizo de axuda no fogar para a compra de cámaras de control de tráfico, a portavoz popular lamentou que “critiquen a xestión indirecta de certos servizos sociais por parte da Xunta cando eles teñen privatizadas todas as residencias da Deputación Provincial de Lugo e o propio servizo de axuda no fogar da cidade lucense”.

“A súa dobre moral chega ao punto de criticar a adecuación de As Gándaras ao novo modelo de residencias da Xunta e esquecer a construción dun aparcadoiro na zona que dea servizo aos veciños desta zona”, manifestou.

Arias explicou que as obras de remodelación que a Xunta está a levar a cabo na residencia pública de maiores de As Gándaras, por un importe de 8,6 millóns de euros, “dotará de maior confort ás persoas usuarias a través da creación de unidades de convivencia para os usuarios, novos espazos de atención sanitaria e unha renovación completa da fachada e as carpinterías exteriores, ademais de mellorar a accesibilidade ao centro e a reorganización dos espazos das habitacións en varias plantas”.

“Os traballos non van supoñer, en ningún caso, unha redución do número de habitacións individuais das que na actualidade dispón a residencia de As Gándaras e, unha vez conclúan os traballos, procederase a distribuír os espazos tratando de respectar as preferencias dos residentes e sempre en función das necesidades dos coidados que ten cada un deles”, subliñou.

O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno de España unha resposta eficaz á tramitación de homologación, equivalencia ou tramitación de títulos universitarios estranxeiros

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable dos deputados do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que incremente, con carácter urxente, a dotación de recursos humanos e materiais co obxectivo de dar resposta eficaz á tramitación das solicitudes de homologación, de declaración de equivalencia ou de validación de títulos universitarios estranxeiros que están pendentes de resolución, tendo en conta ademais as recentes sentenzas do Tribunal Supremo.

O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, considerou necesario que o Goberno de Pedro Sánchez “dote de máis recursos para poder facer fronte ao crecente número de solicitudes de homologación, equivalencia ou convalidación de títulos universitarios estranxeiros, axilizando a tramitación para dotar ao tecido produtivo do persoal cualificado necesario”.

Neste sentido, lembrou que “estamos a falar dunha competencia estatal, validada polo propio Tribunal Supremo, que suspendeu cautelarmente a vixencia do Real Decreto 366/2024 que transfería ao País Vasco as funcións de homologación e declaración de equivalencia de títulos superiores estranxeiros a un título universitario oficial español”.

FRUSTRACIÓN E DIFICULTADES ECONÓMICAS PARA OS AFECTADOS

García Comesaña lamentou que, a pesar de que o Goberno central aprobara en outubro de 2022 un Real-Decreto que prometía homologar os títulos nun prazo máximo de seis meses, “dous anos despois centos de milleiros de casos seguían pendentes de resolución, unha situación inasumible que causa frustración e dificultades económicas entre os afectados, e moitos deles teñen que traballar en empregos fóra da súa profesión mentres agardan pola homologación dos seus títulos”.

Na súa intervención, o viceportavoz popular explicou que as competencias da Comunidade galega limítanse á homologación dos títulos non universitarios, onde as cifras de tramitacións se duplicaron en só dous anos. En concreto, entre os anos 2022 e 2025 se homologaron máis de 18.000 títulos non universitarios procedentes de 113 países.

“Ademais, a pesar do incremento significativo de peticións que se rexistran ano tras ano, logrouse unha celeridade que permite resolver as solicitudes nun prazo de entre tres e cinco meses unha vez completado o expediente, o que avala a axilidade coa que actúa a Xunta neste eido para posibilitar que a poboación estranxeira que chega a Galicia poida emprender novos proxectos persoais e profesionais”, indicou.