O Grupo Popular destaca o labor de historiadores e investigadores como Justo Gude Méndez na difusión e posta en valor do entroido galego

Os deputados do Grupo Popular Cristina Campero e José Luís Ferro enxalzaron hoxe o traballo desenvolvido polo historiador, investigador e estudoso Justo Gude Méndez na difusión e posta en valor do entroido galego, unha das manifestacións culturais máis singulares e identitarias de Galicia, recoñecida como ben de interese cultural polo seu valor como patrimonio inmaterial.

Durante o encontro, Cristina Campero e José Luís Ferro tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o intenso traballo de investigación e documentación desenvolvido por Justo Gude, e todas as persoas que traballan conxuntamente con el no estudo de elementos significativos do entroido como as pantallas. “Non son só traxes nin rituais, son emocións herdadas, orgullo compartido e sentimento de pertenza”, dixo a deputada popular.

Os deputados populares intercambiaron impresións sobre os retos actuais do entroido galego, a súa evolución no tempo e a necesidade de seguir promovendo iniciativas que garantan a súa preservación e posta en valor, tanto no ámbito cultural como turístico.

EXPRESIÓN VIVA DA SOCIEDADE

“Desde as institucións, temos a obriga de protexer, apoiar e difundir o noso patrimonio cultural inmaterial”, sinalou José Luís Ferro, quen anotou que o entroido galego “é unha expresión viva da nosa identidade colectiva e o traballo de investigadores como Justo Gude resulta imprescindible para garantir que esta tradición se conserve con rigor e proxección de futuro”.

Pola súa banda, Cristina Campero subliñou que o entroido “é unha expresión popular que une xeracións, territorios e memoria, polo que coñecer a súa historia e o seu significado profundo axúdanos a valoralo e a respectalo como unha parte esencial da cultura galega”.

Alberto Pazos demanda ao BNG que recoñeza o esforzo do Goberno galego para incrementar o 50% o financiamento do SAF nesta lexislatura e deixe de mentir sobre o acordo acadado coa Fegamp

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe ao BNG que recoñeza o esforzo que fai o Goberno galego incrementando un 50 por cento nesta lexislatura o financiamento do servizo de axuda no fogar nos concellos galegos e deixe de mentir sobre o acordo acadado logo da negociación levada a cabo entre os responsables da coa Federación Galega de Municipios e Provincias.

Neste sentido, pediu aos nacionalistas “máis defensa e mirar polos intereses da Comunidade galega para que o Goberno de Pedro Sánchez cumpra o que lles prometeu a cambio do seu voto para continuar de Presidente do Goberno, aportando de maneira definitiva o 50 por cento que lle corresponde por lei para a atención aos dependentes en Galicia”.

Alberto Pazos lembrou que o acordo acadado esta semana suporá que a Xunta incremente este mesmo ano a súa aportación de 12 a 16 euros por hora, aumentado un euro o vindeiro ano e pechando a lexislatura chegando aos 18 euros por hora prestada. Deste xeito, a partida que a Xunta destina á prestación deste servizo por parte dos concellos galegos pasará dos 148 millóns de euros deste ano a máis de 220 millóns en 2028.

O acordo “consigue o seu principal obxectivo: reforzar o apoio da Xunta aos concellos para aliviar a carga económica que supón a prestación do servizo de axuda no fogar, unha competencia municipal, tal e como se recolle na Lei de servizos sociais de Galicia, aprobada polo Goberno bipartito de PSdeG e BNG no ano 2008”, explicou.

FURIOSA REACCIÓN NACIONALISTA

O portavoz popular amosou a súa sorpresa pola “furiosa reacción dos responsables do BNG a este acordo, chegando a cualificalo de trumpista ou un trágala para os concellos”, ante o que pediu aos nacionalistas “calma e, cando menos, que non mintan”. “Porque é totalmente falso que este incremento da aportación da Xunta sexa unha imposición aos concellos, xa que é consecuencia directa dunha negociación levada a cabo entre os responsables da Consellería de Política Social e da FEGAMP”, manifestou Pazos, quen criticou que “diálogo e pacto que non existe no dicionario benegués, máis amigos da trifulca e a algarada na rúa seguindo as directrices que lle marcan os coroneis da UPG e o seu sindicato CIG”.

Deste xeito, afirmou que o BNG debería “centrar os seus esforzos en que o Goberno de Pedro Sánchez cumpra o pacto que asinaron en 2024 para a súa investidura e que recolle, literalmente, o compromiso para que o Goberno de España achegue o 50 por cento do financiamento da Lei de dependencia”. Porén, lamentou que “a influencia do BNG no Goberno central é nula e este é un máis dos incumprimentos do famoso pacto para manter a Pedro Sánchez na Moncloa”.

Alberto Pazos alertou que, “en vez de incrementarse e camiñar cara o cumprimento do pactado cos nacionalistas, a aportación do Goberno central para o financiamento da Lei da dependencia en Galicia baixou nos últimos anos do 40 ao 34 por cento, obrigando á Xunta a facer un esforzo aínda maior para sufragar os custos da atención aos nosos maiores e dependente, e incrementando ano tras ano a débeda que o Estado ten con Galicia pola prestación da dependencia, que xa supera os 2.900 millóns de euros”.

Na súa comparecencia ante os medios, Alberto Pazos recordou que no Pleno ordinario que se celebra a vindeira semana tomará posesión a nova deputada do Grupo Popular Nazareth Cendán, que substitúe a Ethel Vázquez, ao tempo que se procederá á elección do novo secretario da Mesa do Parlamento de Galicia, posto para o que o Grupo Popular propón ao actual viceportavoz do Grupo e Presidente da Comisión 1ª, Julio García Comesaña.

Así mesmo, referiuse á comparecencia do conselleiro de Facenda para dar conta da reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira celebrada a pasada semana en Madrid, na que a ministra de Facenda limitouse a comunicar o acordo bilateral de financiamento autonómico acadado entre Pedro Sánchez e o independentista e inhabilitado Oriol Junqueras.

“Un acordo co que Galicia pasa a situarse por baixo da media estatal de financiamento por habitante, cando co actual modelo está 100 euros por enriba, unha situación que é consecuencia dunha rebaixa de máis do 7 por cento do que actualmente recibe de financiamento autonómico por habitante”, indicou.

BENEFICIOS PARA CATALUÑA

Pola contra, explicou que o novo modelo pactado por Pedro Sánchez e Oriol Junqueras recolle 2.000 millóns extra para Cataluña mediante mecanismos de axuste para beneficiar exclusivamente a esta Comunidade autónoma, así como unha redución en dúas terceiras partes da aportación que fai á solidariedade rexional, pasando dos 2.300 millóns de euros que aporta na actualidade á caixa común a pouco máis de 810 millóns.

“Estamos expectantes por coñecer os argumentos que defenderán os socialistas galegos, logo de que nos últimos días recoñeceron que este acordo era prexudicial para Galicia e amosaron a necesidade dun incremento do financiamento asignado á Comunidade galega, ao que se sumou o posicionamento no día de onte do ex Presidente socialista da Xunta, o señor Touriño, que recoñeceu publicamente que o novo modelo de financiamento autonómico privilexia a Cataluña e reduce o papel da Facenda estatal, mermando as súas capacidades e recursos para garantir a solidariedade interterritorial e a igualdade na prestación de servizos a todos os españois”, dixo o portavoz popular.

Respecto do BNG, Alberto Pazos asegurou que “esperamos pouco, porque seguirán na súa teima do cupo para Galicia, pechando os ollos e negándose a escoitar os argumentos solventes e reiterados dos expertos que demostran o prexudicial que sería para a Comunidade galega un cupo ao estilo do País Vasco ou Navarra, xa que se superarían os 2.000 millóns de euros de perda de financiamento cada ano·.

Paula Prado critica o “ecoloxismo radical” de PSOE e BNG que “desprotexe aos gandeiros” fronte aos ataques do lobo, mentres o PPdeG traballa na “defensa do rural”

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, criticou hoxe o “ecoloxismo radical” de PSOE e BNG, aos que acusou de “facer moito dano” aos gandeiros que sofren o aumento de ataques de lobo nas súas explotacións, mentres o PPdeG traballa “na defensa do rural” e leva anos insistindo “en que non se protexa máis o lobo, porque así se desprotexe ao gandeiro”.

Nunha visita ao concello de Curtis, así llo trasladaron tamén gandeiros afectados durante unha reunión, onde Paula Prado estivo acompañada pola coordinadora de Medio Ambiente do PPdeG, Marisol Díaz Mouteira, o coordinador de Medio Rural, Avelino Souto, os deputados autonómicos Miguel Ángel Viso e Gonzalo Trenor, e o alcalde, Javier Caínzos.

A número dous dos populares galegos amosou a “gran preocupación” do PPdeG polo sector gandeiro tralo aumento dos ataques do lobo que supuxo a entrada desta especie na listaxe de protección especial (Lespre). “Unha decisión inexplicable do PSOE, apoiada en reiteradas ocasións polo BNG, que xa foi revocada hai uns meses pero que fixo e segue facendo moito dano”, expresou.

Así, lembrou que cada día hai en Galicia nove animais de media atacados polo lobo, con centos de gandeiros afectados. Ante estas cifras, puxo en valor as medidas postas en marcha pola Xunta, para prevención e compensación dos danos, con axudas que suman arredor de 2 millóns de euros, en contraste co Goberno central, ao que esixiu que libere os 12 millóns de euros de fondos que debe á nosa Comunidade nesta materia.

“Somos o partido do rural e nós, máis que ninguén, estamos ao carón dos agricultores e gandeiros”, destacou.

Neste sentido, Prado felicitou ao concello de Curtis como “un grande exemplo” do que fan os gobernos do PP, ao traballar por e para os seus veciños e apoiar aos gandeiros. “Grazas ao PPdeG, conseguimos garantir o equilibrio do medio rural, pero as consecuencias da medida impulsada polo Goberno de Sánchez seguen repercutindo”, reiterou, citando os efectos negativos dos ataques en explotacións como as deste municipio.

“No PPdeG comprometémonos a seguir traballando na defensa dos intereses do rural ante todas as autoridades, tanto ante o Goberno central como ante Europa”, subliñou para rematar.

CUANTIOSAS PERDAS PARA OS GANDEIROS

Pola súa banda, o alcalde de Curtis quixo visibilizar o aumento dos ataques de lobo. “Agraváronse nos últimos meses e debemos dar un paso adiante para apoiar aos gandeiros e ás súas explotacións e tomar medidas”, sinalou, facendo fincapé nas “cuantiosas perdas” que supón o ataque da especie para o sector.

Neste municipio, ao igual que noutros concellos galegos, veñen rexistrando un aumento significativo nos últimos meses. Algo que levou ao Concello a solicitar á Xunta unha intervención urxente dada a imposibilidade de actuar derivada da paralización xudicial que sofre o plan de xestión do lobo.

Cómpre recordar que este plan permite medidas de control en casos moi concretos, pero a súa paralización por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) impide autorizar na Comunidade medidas de control do lobo por danos recorrentes e acreditados. Algo que, pola contra, xa se fai noutras comunidades como Cantabria ou Castela e León.