O presidente Alfonso Rueda definiu hoxe o sistema educativo galego como “excelente, accesible e adaptado á realidade actual”, poñendo en valor o “esforzo” do profesorado e ás políticas do PPdeG para converter a Galicia na única comunidade autónoma onde, entre outros fitos, a educación é gratuíta “desde o principio ata o final”.
“En Galicia pódese estudar de xeito gratuíto, desde o principio ata o final, na educación pública, para aqueles que se esforzan e grazas ao esforzo dos galegos”, salientou hoxe no acto do PPdeG de conmemoración do Día Internacional da Educación, cunha visita ao Polo Creativo da Facultade de Ciencias da Educación da USC, en Santiago de Compostela. Tamén participaron a secretaria xeral, Paula Prado; o responsable de Educación no Goberno galego, Román Rodríguez; o presidente do PP de Santiago, Borja Verea; o coordinador de Educación, Ovidio Rodeiro; os integrantes da Comisión de Educación do PPdeG e deputados.
O líder dos populares galegos cualificou o sistema educativo galego como “o máis inclusivo de España”, citando recoñecementos como o índice PISA —Galicia é líder en España en Ciencias, pensamento creativo e equidade—, a redución das taxas de abandono escolar ou a chamada “revolución silenciosa” da Formación Profesional, en constante crecemento en Galicia.
“Nas aulas de hoxe estase formando a ‘Galicia Calidade’ de mañá, por iso é relevante que a formación das persoas que dirixirán a sociedade no futuro evolucione ao ritmo dunha realidade actual cambiante”, destacou.
Trala visita ao Polo Creativo, o presidente dos populares galegos subliñou a “excelencia” deste espazo, cuxo prantexamento se reproduce en máis de mil centros educativos de Galicia, funcionando como elementos clave para a transformación dixital das aulas e para o fomento da creatividade do alumnado. “Todos estes aparellos son a base para coñecer a tecnoloxía actual. Pode que existan noutras comunidades autónomas, pero o sistema é deseñado aquí e só existe en Galicia con esta intensidade”, manifestou.
Tamén puxo en valor o Plan de benestar dixital do Goberno galego, para fomentar hábitos saudables nesta era dominada polas tecnoloxías, e agradeceu ao profesorado que se forma continuamente nestes proxectos.
“Todo isto non sería posible sen o profesorado, os mestres e as mestras que poñen en práctica cada día as medidas que deseñamos desde o Goberno; traballan na aula dun xeito responsable e profesional, pensando no benestar e na formación dos alumnos e alumnas; e que, en definitiva, converten os centros docentes, desde o máis pequeno ao máis grande, desde a formación máis básica á máis especializada, no motor do desenvolvemento do futuro de Galicia”, remarcou.
Por último, Rueda agradeceu o traballo da Comisión de Educación dos populares galegos, por “facer as propostas que despois poñen en valor o ensino en Galicia».

