O PPdeG lamenta que o Goberno de Sánchez responda que “non procede o rescate” da AP-9 cando o custo é similar ao das bonificacións

O PPdeG lamenta que, unha vez máis, o Goberno de Sánchez se negue ao rescate da concesión da AP-9, cando o custo é similar ao das bonificacións que se están aplicando neste momento.

“Non procede o seu rescate”, respondeu por escrito o Executivo central aos senadores populares galegos, que presentaron unha serie de preguntas na Cámara Alta para interesarse polas diversas cuestións que rodean á autoestrada.

Cómpre lembrar que un estudo económico recente da Xunta cuantificou o rescate en 2.356 millóns de euros, un custo practicamente equivalente ao que o Estado terá que asumir en bonificacións ata o final da concesión. Por iso, o PPdeG considera que o Goberno central “ten que rematar xa co agravio a Galicia”.

Así mesmo, os populares, critican a “falta de transparencia” do Executivo, ao que acusan de “ampararse na confidencialidade” de documentación no relativo ao expediente aberto pola Comisión Europea en relación coa autoestrada.

“A información relativa ao mesmo está suxeita a confidencialidade”, responden desde o Goberno central, unha afirmación que para os populares “corresponde máis a unha escusa para que o sanchismo siga mantendo unha situación agónica respecto á AP-9, onde os únicos prexudicados son os galegos”.

De feito, esta mesma semana o PSOE votou no Parlamento de Galicia a favor de demandar toda a documentación relativa ao expediente aberto pola Comisión Europea e das comunicacións mantidas pola administración do Estado con este obxecto. Unha petición impulsada polo PPdeG que, cos votos socialistas e dos seus socios do BNG, saíu aprobada por unanimidade.

A Cámara autonómica tamén acordou nos últimos meses, en varias ocasións, solicitar o traspaso da autoestrada a Galicia e a eliminación das peaxes, demandas que tampouco foron atendidas.

Por este motivo, os senadores, a través das devanditas preguntas, reiteraron as “demandas históricas” de mellora na AP-9 e o “continuo bloqueo” de Sánchez á mellora da xestión desta infraestrutura “clave” para os galegos.

Neste sentido, os populares lamentan tamén a suba continua dos peaxes da AP-9, cun novo aumento neste 2026 que os galegos xa levan un mes sufrindo. Así, insisten en que as xeran “un agravio comparativo respecto doutros territorios”, como é o caso de Navarra, que xa recibiu a transferencia da AP-67, ou Alicante, cuxa AP-7 quedou libre de pago para os usuarios.

“Sánchez pretende seguir facendo negocio á custa do peto dos galegos, pero desde o PPdeG continuaremos reivindicando unha AP-9 galega xestionada desde Galicia e libre de peaxes”, resume o senador José Manuel Balseiro.