Alberto Pazos pide a BNG e PSdeG apoio á solicitude para que o Goberno central retire o recurso presentado á axilización da dependencia e á repotenciación do sector eólico galego

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe o apoio do BNG e do PSdeG á solicitude para que o Goberno central retire de inmediato o recurso de inconstitucionalidade que presentou contra os preceptos que regulan o plan de axilización da dependencia e da discapacidade, así como as medidas referidas á repotenciación dos parques eólicos e a obriga de ofertar e vender en Galicia parte da electricidade xerada en beneficio da cidadanía e da industria galegas. “Terán oportunidade no Pleno da vindeira semana de posicionarse sobre esta cuestión e demostrar que están do lado do autogoberno de Galicia e dos galegos, defendendo os seus intereses fronte a un Pedro Sánchez máis preocupado por garantir a súa permanencia no Goberno de España a toda costa e polo tempo que sexa”, apuntou.

Alberto Pazos sinalou que o recurso presentado contra o recoñecemento de xeito automático da dependencia e da discapacidade “paralizou inmediatamente o proceso aberto pola Xunta o pasado ano, que xa permitira a máis de 12.600 persoas  con dependencia obter de xeito automático o recoñecemento da discapacidade, avanzando na axilización das listas de espera, situando a Galicia como a comunidade que máis baixou o tempo de espera; e reducindo os tempos de tramitación, que só no primeiro semestre do pasado ano foi de 25 días menos”.

Ademais de apoiar a carta que a conselleira remitiu este mércores ao ministro de Dereitos Sociais, na que insta ao Goberno central a retirar o recurso e manter un encontro para debater sobre esta cuestión e outras relacionadas coa atención á dependencia, Alberto Pazos amosou a sospeita de que “o principal motivo do Goberno de Pedro Sánchez para opoñerse a esta medida da Xunta é que este recoñecemento automático supón unha merma dos seus ingresos”. En concreto, lembrou que a homologación automática da discapacidade a persoas con dependencia permitiu un aforro a estas persoas de 114 millóns de euros só durante o pasado ano, “cartos que a Administración central deixou de ingresar e que tanta falta lle fan a un Goberno tan preocupado en dar cumprimento ás esixencias monetarias dos seus socios independentistas cataláns”.

Pazos contrapuxo esta situación “coa firme disposición da Xunta a colaborar cos concellos galegos na prestación do servizo de axuda no fogar”, que se puxo de manifesto no día de onte co acordo asinado polo Presidente da Xunta e o Presidente da Fegamp no que se recolle o incremento dun 50 por cento ata o remate da lexislatura da aportación da Xunta para a prestación do SAF nos concellos galegos, unha suba que se traduce, directamente, en 150 millóns de euros máis do orzamento que a Xunta vai achegar aos concellos.

NOVO GOLPE AO SECTOR EÓLICO GALEGO

Respecto da outra parte do recurso presentado polo Goberno central referido á paralización do proceso de repotenciación do sector eólico impulsado pola Xunta, o portavoz popular explicou que se trata “dun novo golpe para a expansión deste sector en Galicia e un freo á descarbonización da Comunidade galega, xa que se limita a capacidade de redución das afeccións ambientais e paisaxistas dos parques eólicos; se limita a capacidade de xerar máis enerxía renovable e se reduce tamén a capacidade de baixar a factura da luz para todos os galegos; e tamén se limita o interese das industrias por crecer ou implantar os seus proxectos na Comunidade galega, xa que veranse privadas de acceder a unha enerxía máis limpa e máis barata”.

Relacionado con este sector, Alberto Pazos referiuse á decisión do Goberno central de abrir a consulta pública para a primeira poxa neste sector a nivel estatal. Neste sentido, avanzou que o Grupo Popular demandará no Parlamento galego que Galicia

teña un trato preferente por parte do Goberno de España nesta primeira poxa, de xeito que se poida impulsar unha industria na que as empresas galegas se están a especializar e despuntar a nivel internacional.

“Pero, á marxe de que se impulse dunha vez esta poxa da eólica mariña, que tanto tempo levamos esperando, non imos permitir que este avance prexudique ao noso sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola”, asegurou Alberto Pazos, quen insistiu en que “calquera desenvolvemento da eólica mariña deberá garantir a súa convivencia coa actividade pesqueira e marisqueira, asegurando unha planificación rigorosa que teña en conta os usos tradicionais e a sustentabilidade dos recursos mariños”. “Sempre defendemos e seguiremos defendendo un modelo de desenvolvemento industrial e enerxético que combine a diversificación económica coa protección das actividades tradicionais do mar, garantindo ao mesmo tempo emprego, riqueza e sustentabilidade para as futuras xeracións”, concluíu.

O PPdeG pide ao PSdeG que cese no seu “caos e contradición” en política municipal “polo ben dos concellos galegos”

Os alcaldes e alcaldesas do Partido Popular de Galicia piden ao PSdeG que “cese canto antes” no seu “caos” e nas súas “contradicións” en política municipal “polo ben dos concellos galegos e dos veciños e veciñas”.

Os populares galegos fan referencia ás declaracións que fixo esta semana o líder do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, en contraposición ás realizadas polo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o tamén socialista Alberto Varela.

Despois de anunciar o luns a Xunta de Galicia que avanza na futura Lei de administración local, para dotar aos concellos dun novo marco xurídico adaptado ás súas necesidades, Besteiro saíu ao paso horas despois para sinalar que o seu partido «vai actuar política e xudicialmente».

En cambio, na mañá do martes, Alberto Varela desmarcouse desas declaracións e sinalou que desde a Fegamp van ser «construtivos” e “facer melloras”.

“Xa non nos sorprende nada de Besteiro e as súas saídas de ton. Unha actitude coa que non fai máis que seguir poñéndose en evidencia. Sen ler o anteproxecto xa o está criticando, evidenciando que non quere aportar nada, só cargar contra o Goberno galego con mentiras porque é incapaz de reclamarlle ao Executivo central que asuma dunha vez as súas competencias para abordar o financiamento local”, subliñan os alcaldes e alcaldesas populares.

CONTRADICIÓNS SOBRE O ACORDO DO SAF NO SEO DO PSdeG

Ademais, as contradicións no seo socialista en política municipal non quedan aí, xa que Besteiro tamén se pronunciou sobre o acordo acadado recentemente entre a Fegamp e a Xunta para incrementar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), esencial para milleiros de familias galegas.

Neste caso, o líder do PSdeG anunciou «demandas xudicias» pola financiación do SAF e verteu duras críticas ao devandito acordo, mentres para Alberto Varela e a Fegamp, como certifica a sinatura do mesmo, tratouse dun importante paso adiante.

“Besteiro sentiuse intimidado polo ‘non a todo’ do BNG, que censurou o entendemento entre Fegamp e Xunta, e optou por ir en dirección contraria aos seus propios alcaldes, que si o avalaron. O que queda claro é que a súa voz non pinta nada no PSdeG e que cada vez está máis preto do independentismo galego, ao que lle fai seguidismo”, lamentan desde o PPdeG.

Neste sentido, os rexedores populares reiteran a súa petición ao socialismo de que “deixen traballar aos concellos” e, sobre todo, “atendan ás súas reivindicacións, tamén dos seus propios alcaldes”. “Besteiro leva moito tempo ausente e cando fala, como fai o BNG, só é para criticar, nunca para propoñer”, conclúen.

O PPdeG esixirá no Parlamento a condena da vandalización das sedes populares e que PSOE e BNG se comprometan cunha política “respectuosa, democrática e legal”

O Partido Popular de Galicia levará ao Parlamento galego unha iniciativa para instar á oposición a que amose a súa vontade de condenar a vandalización das sedes do PP atacadas esta semana, así como para esixir unha política “respectuosa, democrática e legal”.

Así o anunciaron hoxe a secretaria xeral, Paula Prado, e a presidenta provincial do PP de Lugo e portavoz na cidade, Elena Candia, nunha visita á sede provincial lucense ­­afectada —polos empapelados e consignas—, na que tamén participou a presidenta das Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira. Ademais, esta iniciativa popular vaise trasladar a tódalas agrupacións locais e provinciais de Galicia, para que nos concellos e deputacións poida ser obxecto de debate.

“Estes ataques son consignas que queren xerar conflitividade social e polarización e que non teñen nada que ver con sociedade galega tranquila e afastada dos discursos nos que nos queren meter o BNG e o PSOE”, definiu.

Prado sinalou que aos actos vandálicos “non lle podemos chamar accións políticas, senón accións violentas”, pedindo a todos os partidos políticos que non sexan “cómplices” e condenen este tipo de ataques. Con todo, lembrou que hai dous anos, independentistas e socialistas tampouco condenaron unha vandalización similar na sede do PP nesta mesma cidade.

Pola súa banda, Elena Candia fixo un chamamento a “unir forzas” e lanzar “unha mensaxe común” dende un lugar como Lugo, que sufriu actos vandálicos coma este en reiteradas ocasións. “Estes ataques taparon os nosos logos e imaxes, con frases e imaxes que condenamos, por iso hoxe pedimos a todas as forzas políticas que condenen os feitos”, manifestou.

A portavoz popular en Lugo animou a tódolos partidos políticos a ser “exemplarizantes”, así como ás entidades que colaboran con eles. “Lugo di alto e claro que condena estes ataques, tanto en sedes de formacións políticas como en espazos privados de militantes”, destacou.

Candia tildou esta vandalización de “prácticas absolutamente antidemocráticas e inaceptables que debemos conseguir erradicar entre todos”. Por último, instou á oposición a que se “posicione” claramente contra estes feitos.

ELENA CANDIA, FUTURA ALCALDESA DE LUGO

A secretaria xeral do PPdeG tamén fixo referencia ao “desgoberno” provocado polo “pacto de perdedores dos independentistas e o PSOE, fronte a un partido, o PP, que só quedou a un concelleiro da maioría absoluta” no Concello de Lugo.

Fronte a este “desgoberno”, puxo en valor a Elena Candia como “futura alcaldesa de Lugo” para cambiar a situación actual, onde, dixo, “PSOE e BNG están máis preocupados das súas liortas internas” e, ademais, “intentan normalizar o Pacto Guarro”, asinado polos mesmos partidos co voto dun presunto acosador sexual, José Tomé, para manterse na Deputación de Lugo.

ACTITUDES PROPIAS DE RÉXIMES AUTORITARIOS

Na PNL anunciada hoxe, o PPdeG xustifica a urxencia da proposición na relevancia dos feitos acontecidos, a súa reiteración, e a necesidade de contar cun posicionamento claro en defensa do respecto institucional, do uso responsable dos espazos comúns e da convivencia democrática.

Para os populares, o empapelado e a colocación de carteis en varias fachadas de Galicia, supón unha vulneración do dereito á propiedade, do respecto institucional e das normas básicas de convivencia cidadá.

Ademais, subliñan que as consignas teñen o único fin de “xerar crispación, polarización e alimentar a conflitividade social”.

A iniciativa tamén recolle a escalada dos ataques, xa que se produciron tamén en inmobles alleos á actividade política, “polo único feito de ser propiedade de militantes de determinadas formacións políticas e como sinalamento do seu compromiso ideolóxico. Actitudes propias de réximes autoritarios e afastadas do espírito democrático”.