O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o proxecto do PP da Coruña como exemplo de boa política e escoita ao cidadán, nun contexto no que os cidadáns están fartos da corrupción e as liortas do PSOE e os seus socios independentistas, como o BNG.
Rueda puxo esta tarde en valor as políticas populares nunha merenda-coloquio con afiliadas e simpatizantes do PP da Coruña, acompañado polo presidente provincial, Diego Calvo, e o presidente local, Miguel Lorenzo.
Durante a súa intervención, aplaudiu o liderado de Miguel Lorenzo á fronte do Partido Popular na cidade e sacou músculo de candidatos e proxectos coma o del, dispostos a esa boa política. Tamén se reafirmou na tradición desta merenda-coloquio, xa consolidada entre os eventos dos populares na urbe herculina.
O número un dos populares galegos animou aos simpatizantes coruñeses a facer consultas e suxestións, destacando esa actitude de escoita permanente e boa xestión do PPdeG para atender as preocupacións dos galegos.
Ademais, repasou algunhas das iniciativas lideradas polo Goberno galego como a educación gratuíta desde os cero anos ata a universidade; o calendario de vacinas, un dos máis completos do mundo; o auxe do turismo; ou a aposta pola vivenda, que chegará a 10.000 fogares públicos en 2030, centos deles na cidade da Coruña, entre outros proxectos.
