O Parlamento galego demanda ao Goberno central que dote con orzamento específico a Lei ELA

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reclama ao Goberno central que asigne unha dotación orzamentaria específica para facer efectivos de maneira inmediata os dereitos recoñecidos pola Lei ELA, e que a súa aplicación teña carácter retroactivo desde a súa entrada en vigor.

A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, afirmou que “unha lei sen orzamento non é unha lei; é, pola contra, unha ficción política, propaganda e unha burla”. Así, agarda que o Executivo central cumpra dunha vez cunha norma que aprobou hai xa 16 meses: “Ningunha comunidade ten capacidade para afrontar en solitario a atención que estes enfermos e as súas familias precisan”, porque, segundo dixo, “as axudas son esenciais para vivir con dignidade”.

Así, Raquel Arias criticou a falta de sensibilidade do Goberno central por tardar tres anos en tramitar a norma, que, cando entrou en vigor, fíxoo sen financiamento preciso e sen mecanismos de aplicación: “Unha burla para os doentes”. E é que, tal e como argumentou, a lei que, segundo o Goberno de Sánchez, está pensada para chegar a todos os afectados, “as achegas son tan restritivas que só chegan ao 5 por cento dos doentes”.

O GOBERNO GALEGO, AO CARÓN DOS ENFERMOS DE ELA

Tal e como recordou a deputada popular, Galicia foi pioneira en axudas e dereitos para os enfermos de ELA. Así recordou que foi a primeira comunidade en crear o proceso asistencial integrado de esclerose lateral amiotrófica, mediante o cal se priorizou a atención establecendo vías rápidas tanto a nivel sanitario, para axilizar a diagnose, como a nivel social, para a tramitación da dependencia e a discapacidade. “En Galicia, aos doentes con ELA recoñéceselle o grao máximo de dependencia de forma automática”, engadiu Arias.

Así mesmo, fixo fincapé na axuda directa anual de 12.000 euros a todos os doentes galegos diagnosticados con ELA, mediante a cal lles permite mercar produtos de primeira necesidade. Unhas axudas que, desde este mesmo ano, están exentas fiscalmente.

Durante a súa intervención, Raquel Arias tivo palabras de “agarimo, recoñecemento e admiración” para Susi Seoane, quen foi presidenta da Asociación Galega de Enfermos de ELA (AGAELA), pola súa loita na investigación da enfermidade e incremento dos dereitos dos doentes e os seus familiares: “Susi deixounos hai apenas dúas semanas sen ver cumprido o seu soño”, dixo a parlamentaria popular, quen avogou por un compromiso firme e unánime cos enfermos e as súas familias.

O Parlamento galego demanda ao Goberno central que respecte o autogoberno de Galicia e retire o recurso presentado ante o plan de axilización da dependencia e a repotenciación do sector eólico

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que respecte o autogoberno de Galicia e retire, con carácter inmediato, o recurso de inconstitucionalidade contra o plan de axilización da dependencia e da discapacidade, así como contra a repotenciación dos parques eólico e a obriga de ofertar e vender en Galicia parte da electricidade xerada en beneficio directo da cidadanía e da industria galegas.

O portavoz popular, Alberto Pazos, manifestou que “ao longo do noso autogoberno se teñen producido desencontros entre o Goberno galego e o Goberno central, diferenzas que foron resoltas normalmente a través das canles institucionais pero que nesta ocasión é a primeira vez que o Goberno de Pedro Sánchez decidiu utilizar unha vara de medir diferente e específica para castigar a Galicia”. “Non falamos dunha discrepancia de criterio entre a Xunta e o Estado, senón dun novo episodio do proceso de doma e castración de Galicia deseñado por un goberno incapaz de asumir democraticamente o seu fracaso electoral nesta terra”, dixo.

PARALIZACIÓN DE FACTO

En concreto, o recurso interposto polo Goberno de España paralizou de facto o plan de choque impulsado pola xunta para reducir as listas de espera na dependencia e o proceso de modernización e remuda de parques eólicos que permite o abaratamento do prezo da enerxía para empresas e fogares galegos.

“O plan de axilización e simplificación da dependencia e da discapacidade da Xunta estaba a ser unha ferramenta de enorme utilidade para reducir os tempos de espera para o recoñecemento da dependencia”, asegurou Alberto Pazos, quen concretou que só durante o pasado ano 2025 se resolveron 86.319 expedientes, 28.737 persoas se incorporaron ao sistema de dependencia, se fixeron 57.582 recoñecementos de discapacidade e 12.626 persoas con dependencia viron recoñecida de maneira automática a súa discapacidade, reducindo os tempos de espera en dous meses.

Pola súa banda, a modificación da normativa impulsada polo Goberno galego buscou acelerar o proceso de renovación tecnolóxica dos parques eólicos galegos de máis de 25 anos, obrigando ás eléctricas a adiantar os seus investimentos para mellorar o aproveitamento eólico en beneficio de todos. “Unha medida moi criticada polo sector enerxético, pero que segundo o informe da Universidade de Vigo permitiría reducir o número de aeroxeradores nun 80 por cento, aumentando ao mesmo tempo a produción nun 34,5 por cento”, indicou o portavoz popular.

MEDIDAS COPIADAS

Ademais, subliñou que “son tan exitosas estas medidas que o propio Goberno de Pedro Sánchez está incorporando algunhas destas iniciativas na súa propia lexislación, coa diferenza de que mentres a Xunta recoñece aos dependentes de grao 3 o 100 por cento da discapacidade, o Goberno de España fai o mesmo pero limita o recoñecemento ao 65 por cento”.

“Resulta incomprensible que o Goberno de España cuestione unha normativa que está mellorando a vida dos galegos, pero aínda resulta máis incomprensible que ese disparate sexa apoiado por grupos que teñen representación neste Parlamento”, considerou o portavoz popular, quen anotou que “non se pode berrar pedindo máis autogoberno, despois de apoiar a quen recorta o noso autogoberno; non se pode esixir a redución das listas de espera da dependencia, e apoiar a quen boicotea as medidas que permiten reducir as listas de espera da dependencia; e non se pode esixir que a sociedade galega obteña beneficio da explotación dos nosos recursos, para despois apoiar a quen impide que iso se faga realidade”, concluíu.