Millán Mon reivindica desde Arzúa os Camiños de Santiago como “Camiños de Europa” co gallo do 40º aniversario da adhesión de España á UE

O eurodeputado do Partido Popular de Galicia Francisco Millán Mon reivindicou hoxe desde Arzúa os Camiños de Santiago como “Camiños de Europa”, nun acto conmemorativo polo 40º aniversario da adhesión de España á Unión Europea.

O evento, titulado ‘Entrada de España na UE: un agardado reencontro entre Europa e o Camiño Francés’, foi organizado no albergue de Ribadiso pola Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés e contou coa presenza de numerosos alcaldes e tenentes de alcalde dos once concellos pertencentes a esta entidade, así como do director do Xacobeo do Goberno galego, Ildefonso de la Campa.

Millán Mon, presidente do Intergrupo ‘Patrimonio Cultural Europeo, Camiños de Santiago e outras Rutas Culturais Europeas’ na Eurocámara, comezou a súa intervención agradecendo a invitación para participar neste acto, que cualificou de “moi oportuno” dado os estreitos vínculos entre as Rutas Xacobeas e o proceso de integración europea.

O eurodeputado galego subliñou que os Camiños de Santiago son “Camiños de Europa”, tanto pola súa historia como polos valores que encarnan. “Os valores que están na base da peregrinación xacobea son os mesmos que inspiran a construción do proxecto europeo. O Camiño pode entenderse, en certo modo, como unha metáfora de Europa: perdón e reconciliación, solidariedade, esperanza e unidade na diversidade”, afirmou.

A continuación, detívose nos cambios experimentados por España, a Unión Europea e os Camiños de Santiago nos últimos 40 anos.

CONSOLIDACIÓN DO SISTEMA POLÍTICO DEMOCRÁTICO

“España viviu nestas catro décadas unha profunda modernización da súa economía, a consolidación do seu sistema político democrático, a apertura comercial e un salto cualitativo nas súas infraestruturas e servizos. Europa pasou de 6 a 27 Estados membros, profundou no seu proxecto de integración, dotouse do Euro, superou crises como a económica de 2008 ou a pandemia da covid, puxo en marcha os fondos Next Generation e está a reforzar a dimensión da defensa no novo contexto internacional tan complexo”, dixo.

Así mesmo, lembrou as cinco forzas motrices que impulsaron o rexurdimento internacional dos Camiños nos anos oitenta —o labor da Xunta de Galicia; o papel da Igrexa, en especial as visitas papais a Compostela de San Xoán Paulo II; o recoñecemento do Consello de Europa en 1987 como primeiro Itinerario Cultural; a vitalidade do asociacionismo xacobeo; e os nomeamentos da UNESCO como Patrimonio da Humanidade— e destacou que o resultado é evidente: “En 2025 acadouse un récord histórico de máis de 530.000 Compostelas, cunha maioría de peregrinos estranxeiros”.

“Hoxe o Camiño de Santiago pódese dicir un Camiño Global, ponte de unión entre distintos continentes, co seu centro en Compostela”, engadiu Millán Mon.

Por último, tras subliñar a importancia que ten para os concellos galegos do Camiño Francés o ano Xacobeo 2027, prometeu que desde Europa seguirá traballando polas Rutas a Compostela, coa mirada posta tamén no Ano Santo de 2027. “Será unha nova oportunidade para proxectar ao mundo este patrimonio único de todos os galegos, os españois e tamén dos europeos”, concluíu Millán Mon.

O PPdeG urxe ao Goberno central un plan integral de conservación da rede viaria ante o preocupante mal estado de autovías e estradas

O Portavoz do Grupo Popular no Parlamento, Alberto Pazos, instou, hoxe, ao Goberno central a posta en marcha dun plan integral de conservación para as autovías e estradas de titularidade estatal. Neste senso, apuntou á urxencia de obras de reparación, conservación e mantemento para garantir a seguridade.

Así, indicou que non é unha cuestión nin de semanas nin de meses, senón de anos de denuncias polo mal estado das vías que, agora, se ven desbordadas pola actual situación climatolóxica. Así, referiuse ás estradas N-120, N-550, N-540 ou a A-52. O portavoz popular pediulle ao Goberno que “escoite” á cidadanía e “actúe” de inmediato.

Neste punto, referiuse a un recente estudo da Asociación Española de la Carretera no que se pon o foco na ausencia de conservación da rede viaria estatal e na falta de investimento do ministerio de Óscar Puente. Segundo este informe, o 52% da rede de estradas está en estado grave ou moi grave e precísanse máis de 1.100 millóns de euros para o seu arranxo.

Pazos contrapuxo a un Goberno central que “nin está nin se lles espera” cunha Xunta que “cumpre” e asume a súa responsabilidade. Para este 2026, o Executivo galego destinará 71,6 millóns de euros á conservación e mantemento dos 5.500 quilómetros das estradas.

Do mesmo xeito, o portavoz do Grupo Popular fixo fincapé no caos do sistema ferroviario, con suspensión do servizo e falta de mantemento da infraestrutura. Lamentou que a fórmula habitual dos grupos da oposición sexa que cos cartos dos galegos se asuman as obrigas do Goberno estatal: “Non é raro escoitarlles pedir que a Xunta faga o que non fai o Goberno e que pague o que non paga o Goberno”.

UNHA OPOSICIÓN QUE SE OPÓN A GALICIA
Para Pazos, no último pleno, os grupos da oposición volveron quedar retratados como antigalegos, ao seren incapaces non defender os intereses da Comunidade.

“Para unha vez que Pontón non quere ser a do non é incapaz de dicir si” e se abstivo á retirada dos recursos de inconstitucionalidade contra o plan de axilización da dependencia e da discapacidade, e da repotenciación dos parques eólicos. Tal e como explicou, con estes recursos, por unha banda, párase o plan de choque que impulsou a Xunta para reducir as listas de agarda na dependencia; e, por outra banda, bloquéase o proceso de modernización e remuda de parques eólicos, que permitiría o abaratamento do prezo da enerxía para as empresas e fogares galegos.

Pazos criticou a “postura servil” do PSdeG, que apoia recortar os dereitos dos galegos, boicotear a mellora dos servizos sociais e a bloquear o avance económico de Galicia.