Alberto Pazos di que o BNG se “sacou a careta” ao non condenar no Parlamento os actos de vandalismo contra as sedes de partidos políticos

“Pasou o Mércores de Cinza, pasou o Entroido e, definitivamente, o BNG sacou a careta”, dixo, hoxe, o portavoz do Grupo Popular no Parlamento, Alberto Pazos, tras a negativa do independentismo galego a votar a favor dunha iniciativa para condenar os actos vandálicos contra as sedes de partidos políticos.

Así, explicou que, na comisión parlamentaria, celebrada este pasado mércores –un día despois de producírense varios actos vandálicos contra as sedes do PPdeG, en Sada e Lalín-, debatíase unha proposición non de lei para amosar o rexeitamento a calquera acto de vandalismo cometido, non só contra as sedes do PPdeG, senón contra as de calquera formación política democraticamente constituída. Porque, tal e como insistiu, ante situacións coma esta, non vale calar nin poñerse de perfil: “Hai que mollarse e hai que dicir ben claro de que lado se está, a favor ou en contra da convivencia democrática e do respecto institucional”.

Recordou que os de Sada e Lalín non se tratan de feitos illados, xa que, previamente, sedes como as de Santiago ou Lugo tamén foran atacadas, e amosou a súa preocupación pola proliferación de pintadas, empapelados, da ocupación indebida de mobiliario e espazos privados públicos e privados e, tamén, polo incremento de consignas dirixidas a xerar crispación, polarización e alimentar a conflitividade social.

Ademais de condenar os actos de vandalismo, a iniciativa pedía que as forzas políticas se abstiveran deste tipo de prácticas e as condenaran publicamente, como expresión dun compromiso compartido co pluralismo político, o respecto institucional e o uso responsable dos espazos comúns.

E propoñía, tamén, reafirmar o compromiso coa defensa dunha participación política respectuosa co marco democrático e legal, baseada no diálogo, no respecto ás institucións e na convivencia cidadá; ao tempo que se pedía rexeitar a utilización de mobiliario e espazos públicos ou privados para a colocación de pintadas, que non compren coa normativa vixente e con consignas que teñen o único fin de xerar crispación, polarización e alimentar a conflitividade social.

Tal e como denunciou Pazos, “os do non a todo, unha vez máis, votaron en contra” e lamentou que o Bloque perda unha nova oportunidade para “abandonar o radicalismo” e emprender, por fin, a senda da moderación e do respecto institucional.

MENOS TUITEAR E MÁIS TRABALLAR
Por outra banda, o voceiro popular afeoulle a actitude que o ministro de Transportes y Movilidad Sostenible ten con Galicia e instouno a traballar para corrixir o caos ferroviario, o pésimo estado da rede de autovías e estradas de titularidade estatal na nosa Comunidade e, tamén, para axilizar a posta en marcha da conexión por alta velocidade ente Vigo e Oporto. “O que lle diría é que deixara de tuitear e se puxera máis a traballar”, sentenciou.

O PPdeG defende o «legado de Fraga» ante o intento da esquerda de retirar o seu busto do Senado

O PPdeG suxírelle aos independentistas galegos e ao  resto de socios do Goberno central que «deberían pedir retirar a Pedro Sánchez da Moncloa en vez de solicitar retirar o busto de Fraga dos pasillos do Senado», trala petición da esquerda de retirar esta estatua.

Para os populares galegos, trátase dunha nova «falta de respecto do BNG a todos os galegos e galegas, que durante máis de 15 anos lle outorgaron maiorías absolutas a Fraga, plenamente avalado, polo tanto, pola súa traxectoria na nosa Comunidade».

O PPdeG defende o «orgullo de legado» de Fraga, que sentou unhas bases para construír «o partido forte que hoxe somos». Así, o seu traballo e o seu compromiso con Galicia «son o espello no que hoxe aínda se mira a familia do PPdeG».

A pesar da insistencia da esquerda en desfacer e reescribir ao seu antollo a Historia de España, o PPdeG defenderá sempre ao seu fundador e un dos pais da Constitución Española.

«O independentismo galego debería preocuparse máis en loitar fronte aos agravios do Goberno de Sánchez e menos en axudalo con este tipo de cortinas de fume», insisten os populares.

Cómpre lembrar que a Mesa do Senado xa rexeitou o 21 de marzo de 2023 unha petición similar, xustificando que Fraga «foi relator da Constitución de 1978» na súa condición de deputado, presidente da Xunta de Galicia e senador.