Alfonso Rueda reivindica o PPdeG como “a máquina que funciona, que Galicia respecta e que gaña eleccións”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o “equipazo” que forman os populares galegos, “dende os que teñen as responsabilidades máis altas ata os da base”, converténdose “nunha máquina que funciona, que Galicia respecta e que gaña eleccións”.

Así o manifestou durante o acto de conmemoración do segundo aniversario do triunfo conseguido nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro de 2024, con preto de 1.000 asistentes, e no que agradeceu á secretaria xeral, presidentes provinciais, alcaldes e alcaldesas, portavoces, militantes e simpatizantes por ser “valentes, orgullosos de pertencer ao PP e estar pegados á rúa para escoitar á xente e dar a cara por eles”.

Rueda puxo en valor a “responsabilidade compartida” no PPdeG, como  un partido “que sustenta gobernos”, fronte aos “personalismos esaxerados”. Unha responsabilidade que, dixo, implica que “cando á xente lle pedimos confianza e nola dá, elección tras elección, é algo moi grande”. Así, lembroulle aos populares que os galegos “nos seguen pedindo que traballemos, como traballan eles, fartos de crispacións e polémicas”.

“A xente quere seriedade, traballo, rigor, tranquilidade, políticos e boa política na que poida confiar. E ese é o ‘Estilo Galicia’”, subliñou.

Para o número un dos populares galegos, unha das claves do éxito é a “estabilidade” do Goberno en Galicia, fronte “a mentira” da oposición, “que se converteu nunha ferramenta política para eles”.

EDUCACIÓN GRATUÍTA, ESFORZO EN SANIDADE E VIVENDA

Repasou compromisos do Goberno galego que hoxe son unha realidade. Un deles é a educación gratuíta dende a escola infantil ata a universidade. “Dicíannos que a gratuidade da universidade só era un slogan de campaña e a día de hoxe imos pola terceira matrícula sen custo para todo o que se esforza”, apuntou.

Tamén se referiu ao compromiso do seu Goberno coa vivenda, unha das principais preocupacións dos galegos, lembrando o obxectivo de duplicar o parque de vivenda, pasando de 4.000 a 8.000 fogares nesta lexislatura, e coa meta posta de chegar ata as 10.000 vivendas públicas no ano 2030.

Igualmente, reivindicou o esforzo feito na redución de impostos ou o plan de choque coa dependencia, co que xa hai 12.000 persoas valoradas, unha axilidade do Goberno galego que contrapón contra “a paralización do Goberno central, que impide cun recurso absurdo e sen explicación, que nós fagamos algo co que nos comprometemos”.

Quixo agradecer o traballo da sanidade pública galega e poñer en valor as iniciativas postas en marcha como a renovación ou construción de hospitais e centros de saúde ou o impulso ao primeiro centro de protonterapia do sistema nacional público de saúde. “Reivindico estes reforzos na sanidade pública fronte a unha oposición de brazos cruzados coa folga, dicindo disparates da nosa sanidade”, criticou.

Ademais, referiuse á importancia e ao compromiso de atraer investimentos a Galicia, relevantes para a creación de emprego e para a implantación de industrias.

AGRAVIOS DE SÁNCHEZ A GALICIA

Foi crítico co “agravio comparativo” que sofre Galicia por parte do Goberno central en cuestións como o pacto de financiamento, “que pretende facer con Cataluña e que as demais comunidades autónomas nos repartamos as sobras”, lembrou Rueda. Do mesmo xeito, criticou a interrupción de servizos ferroviarios en Galicia, así como a falta de mantemento nestas infraestruturas e nas estradas.

Fixo referencia ao ataque ao busto de Manuel Fraga onte en Vilalba, tachando de “panda de sectarios” aos que o fixeron, poñendo en valor a quen “traballou por Galicia” e, cada vez que se presentou, gañou por ampla maioría.

“Temos unha oposición desnortada e enfurruñada por sistema, coa dignidade perdida hai moito tempo”, sinalou.

DEBERES DE CARA AO FUTURO

De cara a próximas eleccións, Rueda puxo “deberes” aos populares, animándoos a “ir a por todas, mantendo gobernos e conseguindo máis, sen renunciar a nada, con respecto pero con convencemento”.

“Quero facer a mellor Galicia da historia e estamos no camiño, medrando con identidade propia, cada vez máis de moda e liderando moitas cousas que fóra ven de nós”, sinalou.

Reivindicou Galicia como unha terra “aberta a todos”, sempre que “queiran traballar, de xeito ordenado”, en contraste cos plans do Goberno de Sánchez e os seus socios independentistas.

Ademais, cualificou ao Partido Popular como “a única esperanza en España”, co liderado de Alberto Núñez Feijóo, fronte a loucura actual do presidente Sánchez e os seus, superando todos os límites día a día”.

UNHA LEMBRANZA AO ‘GALICIA RUEDA!’ E A CAMPAÑA DO 18-F

O formato do acto de hoxe baseouse en reproducir, no mesmo escenario —Hotel Monumento San Francisco de Santiago— e cos mesmos oradores, o acto no que hai algo máis de dous anos, o 7 de xaneiro de 2024, o PPdeG proclamou a candidatura de Rueda ás devanditas eleccións.

Deste xeito, interviñeron, un en representación de cada provincia, o presidente do PP de Santiago de Compostela e deputado autonómico, Borja Verea; a presidenta de Novas Xeracións e deputada máis nova do Parlamento, Nicole Grueira; a vicepresidenta do PP de Ourense e alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa; e o exalcalde da Estrada e actual responsable de Cultura, Lingua e Xuventude no Goberno galego, José López Campos.

Ademais, o lema escollido para este acto, tamén como lembranza desa campaña electoral, foi ‘Galicia Rueda!’, cunha ‘rueda’ cun mapa de Galicia no centro do escenario como plataforma para os oradores. E foi significativa mesmo a data, 22/2, para celebrar o segundo aniversario.