A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, celebrou hoxe a decisión unánime do Tribunal Constitucional de levantar a suspensión da valoración simultánea da dependencia e da discapacidade, unha medida da Xunta de Galicia que fora recorrida polo Goberno de Pedro Sánchez.
“É unha alegría contida, pero compartida polos miles de galegas e galegos que levan meses agardando unha valoración. Desde este momento poderán volver ser avaliados de maneira simultánea grazas ao Plan de choque posto en marcha pola Xunta hai un ano”, sinalou.
O Alto Tribunal acordou levantar a suspensión ao non apreciar prexuízos certos, actuais nin efectivos para o interese público. “É unha labazada en toda regra ao Goberno de Sánchez, que tentou frear unha medida eficaz, social e avalada polos datos”, afirmou Arias.
UN PLAN QUE DÁ RESULTADOS CLAROS
A portavoz popular destacou que o Plan de choque cumpre o dobre obxectivo co que foi deseñado: incrementar o número de persoas atendidas e reducir os tempos de espera. “Falamos de feitos, non de palabras”, recalcou.
En 2025, Galicia reduciu en 63 días o tempo medio de agarda para a valoración da dependencia, mentres que no conxunto do Estado este prazo se incrementou en 7 días. Ademais, resolvéronse favorablemente máis de 87.000 expedientes de dependencia e discapacidade, case o dobre que no ano anterior.
A lista de agarda reduciuse nun 45% en Galicia, fronte ao 4,5% de media estatal. Segundo a Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servicios Sociais, Galicia foi a segunda comunidade que máis incrementou as persoas con dereito a prestación en 2025, só por detrás de Canarias, e unha das que presenta mellores taxas de atención efectiva.
O 98,5% das persoas valoradas en Galicia xa reciben prestación ou servizo. Nun só ano, máis de 12.600 galegos con dependencia obtiveron automaticamente o recoñecemento da discapacidade. Outras comunidades, como Cantabria ou Illas Baleares, adoptaron modelos similares ao galego.
“SE FUNCIONA E MELLORA VIDAS, POR QUE O RECORRERON?”
Arias cuestionou abertamente os motivos do recurso presentado polo Goberno central. “Se algo funciona, se está demostrado que mellora a vida de miles de persoas e reduce listas de espera, que razón hai para intentar paralizalo?”, preguntouse.
A portavoz sinalou que o recoñecemento automático da discapacidade leva aparelladas vantaxes fiscais, como reducións no IRPF, IVE reducido ou bonificacións no imposto de circulación. “En 2025, estas persoas aforraron en Galicia arredor de 114 millóns de euros en impostos. Estamos ante un recurso que responde a un claro afán recadatorio”, afirmou.
CHAMAMENTO AO BNG E AO PSOE GALEGO
Raquel Arias lamentou que o BNG e o PSOE galego votasen no seu día en contra do Plan de choque e se negasen a apoiar a retirada do recurso. “Prefiren apoiar a Sánchez antes que defender os intereses dos galegos e das persoas máis vulnerables”, asegurou.
O Grupo Popular solicitou neste Pleno, nunha iniciativa que non foi apoiada pola oposición, denunciar o ataque do Goberno central ao Plan de choque, apoiar os recursos da Xunta ante o Tribunal, esixir que cese o bloqueo ás políticas sociais en Galicia e reclamar a cofinanciación estatal do 50% da Lei de Dependencia, así como os 2.900 millóns de euros de débeda acumulada.
“Ser dependente ou ter unha discapacidade non é cuestión de ideoloxía política”, concluíu Arias. “Garantir dereitos e atender ás persoas máis vulnerables debería unirnos a todos. O Constitucional pronunciouse por unanimidade”.