Adrián Vázquez reclama en Bruxelas a protección do silicio metálico e o silicio cálcico, “estratéxicos” na industria siderúrxica galega fronte á “forte presión” das importacións

O eurodeputado do PPdeG Adrián Vázquez reclama a protección do silicio metálico e o silicio cálcico, materiais estratéxicos para industrias siderúrxicas galegas e europeas, fronte ao crecemento das importacións doutros países —especialmente China—, que están causando graves prexuízos ao sector nos países da Unión Europea.

Adrián Vázquez rexistrou unha pregunta no Parlamento Europeo sobre a posibilidade de incluír estes dous compostos nas medidas de salvagarda sobre ferroaleacións, que a Comisión Europea aprobou recentemente co obxectivo de protexer a industria siderúrxica da UE fronte ao aumento das importacións.

Na liña da defensa da protección á industria galega, subliña que tanto o silicio metálico como o cálcico son “estratéxicos” para moitos sectores en Galicia, polo que o PPdeG demanda a súa inclusión nestas medidas de protección das ferroaleacións, reforzando así a resiliencia das cadeas de subministración europea fronte ás importacións. Trátase de materiais implicados na fabricación de aceiro e cruciais en industrias como a construción, a automotriz, a aeroespacial ou a militar.

“O silicio metálico e o cálcico quedaron fóra do ámbito das medidas, a pesar da súa relevancia para sectores industriais estratéxicos e para determinados polos produtivos da UE, incluídos algúns en rexións como Galicia”, destaca o eurodeputado.

Neste contexto, pregunta á Comisión Europea pola posibilidade xurídica e económica de ampliar o ámbito das medidas de salvagarda e, así, incluílos. E tamén consulta as condicións de mercado necesarias para revisar o alcance das medidas de salvagarda que están actualmente en vigor, antes a súa expiración en 2028.

“Á luz da forte presión das importacións —en particular procedentes de China— e da significativa caída de prezos observada no mercado da UE, queremos saber se a Comisión ten previsto realizar un seguimento específico da evolución das importacións e do posible prexuízo para os produtores da Unión en relación con estes produtos”, sinala Vázquez.

UNHA INDUSTRIA QUE EMPREGA A 1.800 PERSOAS

A Comisión Europea deu un paso importante para protexer a industria das ferroaleacións da Unión Europea —que emprega a unhas 1.800 persoas na UE— mediante a imposición de medidas de salvagarda definitivas ás importacións de determinadas ferroaleacións. Esta decisión, tomada o pasado mes de novembro de 2025, puxo fin a un procedemento e investigación xudicial de 11 meses de duración.

As medidas definitivas impostas consisten en continxentes arancelarios específicos por país por tipo de ferroaleación, o que limita o volume de importacións para entrar na UE libres de dereitos. Estas medidas estarán en vigor durante un período de tres anos, que expirará o 17 de novembro de 2028.

Paula Prado pon en valor o PPdeG como o “partido do rural” ao incentivar servizos que “fixan poboación e tecen redes sociais” nos concellos pequenos

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, pon en valor a aposta por “crear e manter servizos no rural”, a través de políticas populares encamiñadas a “fixar e incrementar poboación”, así como “tecer redes sociais e puntos de encontro” nos concellos pequenos, como é o caso de Piñor (Ourense), que recentemente abriu un bar municipal no lugar de Arenteiro.

A número dous do PPdeG destacou o “bo facer” de gobernos populares como o de Piñor, co alcalde José Luis González á cabeza, por “investir esforzos en recuperar un servizo que é moito máis ca un negocio, un lugar de reunión e socialización”.

Así, despois dunha visita á nova cafetería, aproveitou para felicitar ao rexedor pola iniciativa, que abriu as portas no pasado mes de decembro, despois dunha rehabilitación, cun emprendedor mozo ao fronte.

Prado tamén sacou músculo do PPdeG como “o partido do rural”, ao centrarse en “preocupacións da xente, como é o caso de”. Para ela, queda demostrado que o PPdeG é “o partido preferido dos galegos, onde se senten máis identificados”.

Ademais, lembrou que, como no caso de Piñor, o PP goberna en Galicia no 60% dos concellos de menos de 5.000 habitantes.

Para o alcalde, “os veciños viñan tempo reclamando que o Concello facilitase a instalación dun local onde socializar, botar a partida ou falar, sen ter que desprazarse quilómetros”. Ademais, subliñou a importancia do establecemento para o municipio tamén pola súa proximidade ao albergue de peregrinos, que acolle a centos de camiñantes que elixen a Vía da Prata, ruta que pasa por este municipio.