O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, erixiu hoxe á alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, como “exemplo” das mulleres do seu partido.
“No 8M hai que dar exemplos de mulleres como ela: traballadoras, que loitan, que non teñen pelos na lingua —dou fe—, que piden ata o esgotamento, que son fortes, que están orgullosas do cargo que teñen e que defenden o seu concello”, expresou.
No mesmo día no que se conmemora o Día Internacional das Mulleres, Rueda participou na II Xuntanza Anual do Partido Popular de Teo, con máis de 700 asistentes, acompañado do presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e de Miguel Corgos e María Martínez Allegue, tamén membros do Goberno galego.
Exerceu como anfitrioa a tamén presidenta popular local, Lucía Calvo, unha das 31 alcaldesas do PPdeG, a formación que máis ten en Galicia. “Se estades aquí tanta xente é porque credes no proxecto que ela encabeza, porque credes no que está facendo”, dirixiuse Rueda aos presentes.
Nese sentido, puxo en valor o que era Teo antes de que fora alcaldesa e o que é tres anos despois: “Antes non era noticia máis que por leas, desunións, cousas raras que pasaban, ou por quen ía e quen viña na esquerda. Por iso ao final os veciños e veciñas, que sodes moi listos, dixestes ‘basta xa’ e puxestes a Lucía”.
Así, Rueda fixo fincapé na evolución do municipio desde entón, tamén coa colaboración da Xunta de Galicia. Entre outros proxectos, destacou a autovía entre Santiago e A Estrada (AG-59), comprometendo a apertura do tramo A Ramallosa-Pontevea en menos de un mes; o futuro centro de día de Montouto, con 780.000 euros de investimento do Goberno galego; a aposta pola vivenda, coa próxima construción de máis dunha trintena de vivendas de promoción pública na Ramallosa que saíron recentemente a licitación; ou o polígono industrial, que “ten que seguir crecendo, dándolle unha solución aos empresarios que queren seguir creando riqueza aquí e que necesitan que se lles bote unha man”.
UN ANO DE “APERTAR O ACELERADOR” ATA AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS
Con estes exemplos, o líder do PPdeG sinalou que Galicia “está conseguindo saír fóra de todo ese lío que vemos a nivel nacional, de todas esas pelexas que non levan a nada”. “Aquí estamos ‘tranquiliños’, aquí a ‘Galicia Calidade’ é dedicarse a resolver problemas”, subliñou, retomando o modelo de Lucía Calvo, “unha muller que traballa, que é valente, que pide cousas e que encontra solucións”
“Agradecervos esta potencia. Que vexan os que están todo o día a manifestándose que esta é a manifestación do Partido Popular: todos aquí pedindo as cousas como hai que facer, pacificamente”, engadiu.
Para rematar, en clave de eleccións municipais, apuntou que “queda un ano no que hai que seguir apertando o acelerador, facendo moitas cousas e traballando arreo”. “Cando chegue o momento, estarei aquí de novo pedindo a vosa confianza, igual que hai tres anos, cando parecía complicadísimo, case imposible, a maioría absoluta do PPdeG en Teo; pero Lucía tívoa e non defraudou”, concluíu Rueda.

