Paula Prado enxalza a Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá pola súa “capacidade de manter vivas as nosas tradicións”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asistiu hoxe a XXXII Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá, unha cita que homenaxea e mantén viva a tradición de elaboración deste queixo e pan. De feito, a número dous dos populares galegos enxalzou esta celebración na súa “32 edición pola súa capacidade de manter vivas as nosas tradicións”.

Na cita, na que estivo acompañada polo alcalde de Friol, José Ángel Santos, tamén aproveitou para poñer en valor o traballo do rexedor e o seu equipo. “Son exemplo de bo facer e, no 2027, volverán revalidar a súa maioría para seguir mellorando o día a día da veciñanza”, concluíu Prado.

O PPdeG na Fegamp pide liberdade para que os concellos usen os incrementos da Participación nos Ingresos do Estado

O grupo do PPdeG na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) reclama ao Goberno central liberdade para destinar os maiores ingresos procedentes das entregas a conta da Participación nos Ingresos do Estado (PIE) e da liquidación definitiva de 2024.

Así o explicou o vicepresidente primeiro da Fegamp e voceiro popular, Ángel Moldes, remarcando que os importes das entregas a conta previstas para 2026 serán previsiblemente superiores aos de 2025, ao igual que a liquidación de 2024. Neste contexto, sinala que os concellos trasladaron as súas dúbidas ao Ministerio de Facenda, que recoñeceu que, polo momento, non prevé autorizar o uso libre destes fondos ante a posibilidade de presentar aínda un novo proxecto de Orzamentos Xerais do Estado.

“Levamos tres anos sen orzamentos do Estado, estamos xa en marzo e esta incerteza está condicionando e castigando aos concellos, que poderían destinar estes incrementos á prestación de servizos e á execución de investimentos prioritarios para a cidadanía”, engade o popular.

Ademais, lembra que nos exercicios 2024 e 2025 o Ministerio xa indicara que, ante a falta de aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, os maiores ingresos da PIE non estarían afectados pola regra de gasto, polo que non era obrigatorio destinalos obrigatoriamente a reducir o nivel de débeda pública.