A portavoz de Emprego do Grupo Parlamentario Popular, Noelia Pérez, instou, hoxe, ao Goberno de Pedro Sánchez a que non siga poñendo trabas e aplique, de maneira urxente, a Directiva da Unión Europea 2020/285 que posibilita a posta en marcha do réxime especial de franquía do IVE que beneficiaría arredor duns 100.000 traballares por conta propia en Galicia.
Neste punto, lamentou que España sexa a excepción, xa que lles nega aos autónomos o que Europa si lles recoñece: “448 días incumprindo con Europa e desoíndo os aviso da Comisión Europea”. E recordou que Bruxelas levou a España ao TJUE por non traspoñer esta Directiva.
Cualificou de “viacrucis” a negativa do Goberno central de traspoñer esta Directiva, xa que, tal e como sinalou, está a supoñer un custe en competitividade –máis burocracia, máis custes e menor liquidez- para os traballadores por contra propia e puxo como exemplo Portugal, país que si aplica o IVE franquiado. Esta medida, tal e como dixo, permite que autónomos cunha facturación anual menor de 85.000 euros non teña que repercutir nin declarar este imposto. E engadiu que redunda na diminución das cargas administrativas e facilita o emprendemento.
Para Noelia Pérez, o Executivo de Pedro Sánchez está a aplicar “políticas de asfixia”, xa que actúa con rapidez á hora de aprobar medidas dirixidas a recadar máis, pero atrasa aquelas enfocadas en axudar ás familias ou en aliviar a carga aos traballadores.
MENOS TITULARES E MÁIS CERTEZAS
Tamén se referiu ao anuncio de Junts sobre que o Goberno central retirará o IVE aos autónomos que facturan menos de 85.000 euros anuais, a cambio do seu voto a favor do decreto anticrise para paliar os efectos da guerra de Oriente Próximo.
A parlamentaria popular amosouse escéptica, por tratarse “dun acordo en privado”: “Cando o señor Sánchez promete cousas en privado, xa sabemos o que adoita pasar en público: que non se cumpren”. Por iso, avogou por un compromiso por escrito, porque “os autónomos non precisan ser moeda de cambio nin titulares, o que precisan son certezas”.

