O Partido Popular de Galicia esixe ao Goberno de Pedro Sánchez que cumpra coa normativa electoral europea “en aras da transparencia democrática” e “para evitar que se repitan fraudulentos enganos aos galegos” como o do BNG coa súa papeleta compartida con Esquerra Republicana e Bildu.
Tal e como explica o eurodeputado galego Adrián Vázquez, esta normativa esixe aos Estados Membros que tomen medidas para “evitar as fraudes electorais e as papeletas enganosas” nas eleccións europeas. Non obstante, España é a día de hoxe o único país que segue sen cumprir coa lexislación europea neste eido.
Para entender a negativa do Goberno de Sánchez a aplicar esta normativa, unha misión da Comisión de Asuntos Constitucionais do Parlamento Europeo –na que Vázquez exerce como vicepresidente– visita estes días España e os seus integrantes denuncian que “ningún ministro se dignou” a recibilos.
“A negativa de Sánchez a recibir a unha delegación oficial do Parlamento Europeo e, o que é peor, a súa deslealdade co dereito comunitario, son o mellor reflexo do seu talante antidemocrático, do seu afán por manterse no poder custe o que custe e da súa situación de refén do independentismo”, sostén o eurodeputado lalinense.
Vázquez incide en que o que busca Europa é que as papeletas electorais reflexen as alianzas europeas entre partidos políticos e, neste sentido, reprocha a Pedro Sánchez a súa “complicidade” co feito de que o BNG “en cada cita electoral europea se presenta en coalición con Bildu e Esquerra e ocúltallo a todos os galegos ao non reflexalo nas súas papeletas”.
AS PRÁCTICAS FRAUDULENTAS DO INDEPENDENTISMO GALEGO
Non é a primeira vez que os populares galegos alertan desta situación. De feito, tras as últimas eleccións europeas, os seus eurodeputados Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez trasladaron un escrito á Comisión Europea denunciando a “práctica fraudulenta” na que incorreu o BNG ocultando aos votantes galegos a súa coalición con Esquerra e Bildu.
Recordaban que, a pesar de que os independentistas galegos concorreron a estes comicios integrados nunha lista na que Ana Miranda ocupaba o terceiro posto tras a candidata de ERC e o candidato de Bildu, nas papeletas e na publicidade electoral só aparecían os candidatos do BNG. É dicir, omitíanse aos outros candidatos da coalición: a independentista catalana Diana Riba e o condenado por pertenza a ETA Pernando Barrena.
Ademais desta cuestión, a misión da Comisión de Asuntos Constitucionais do Parlamento Europeo visita España para abordar por que España no cumpre o mandato europeo de impoñer unha barreira legal de entre o 3 e o 5% dos votos nas eleccións ao Parlamento Europeo.