O eurodeputado do PPdeG Francisco Millán Mon acompañou hoxe ao Comisario Europeo de Pesca e Océanos, o chipriota Costas Kadis, na súa primeira viaxe a Galicia, onde visitaron a Lonxa de Vigo e as bateas situadas na ría.
“Foi unha boa oportunidade para que o Comisario coñecera de primeira man o bo traballo dunha parte fundamental da cadea mar-industria galega, así como a importancia do Porto de Vigo, cidade que é capital europea da pesca”, sinalou Millán Mon.
O eurodeputado pontevedrés mostrou a súa esperanza en que os contactos mantidos polo Comisario cos representantes do sector foran útiles para coñecer as súas prioridades e necesidades.
Así mesmo, subliñou a importancia de que esta visita se traduza en resultados concretos: “Agardamos unha lexislación europea que favoreza unha cadea-mar industria máis próspera e sostible, acompañada dun apoio financeiro que estea á altura dos grandes retos que afronta o sector”, dixo.
Millán Mon volveu a incidir na necesidade de reformar a lexislación para excluír o palangre do veto á pesca de fondo nas 87 áreas do Atlántico Nororiental. “É necesario un cambio nesta normativa que penaliza o palangre de fondo, un arte moi selectivo e cun impacto moi reducido no medio mariño”, concluíu.