O Partido Popular de Galicia reivindicou hoxe en Europa a importancia da industria conserveira como “parte esencial da prosperidade, a identidade e a cultura de Galicia”.
O eurodeputado do PPdeG Francisco Millán Mon organizou esta tarde un evento no Parlamento Europeo, en Bruxelas, sobre a importancia da industria conserveira europea de peixe e os seus desafíos no contexto internacional actual, que contou coa participación, entre outros, do comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, a responsable do Mar no Goberno galego, Marta Villaverde, e co secretario xeral de Anfaco-Cytma, Roberto Alonso.
O evento estruturouse en dous paneis. O primeiro abordou a importancia da industria conserveira e os retos internacionais desde un punto de vista comercial. “A conserva de peixe é un sector clave, especialmente para Galicia, onde representa máis 12.000 empregos directos e é parte esencial da nosa prosperidade, identidade e cultura”, subliñou Millán Mon. Con respecto aos desafíos, o eurodeputado galego referiuse aos “acordos de libre comercio, en particular, con países do sueste asiático e as tensións comerciais desatadas por Estados Unidos, que xeran incerteza nun mercado internacional altamente competitivo”.
O segundo panel abordou os desafíos da industria conserveira desde unha perspectiva pesqueira. “Temos un marco regulatorio europeo en evolución, con iniciativas como o e-CATCH, que entrará en vigor o próximo xaneiro e que mellorará a rastrexabilidade das importacións”, mencionou Millán Mon, que tamén destacou a importancia da loita contra a pesca ilegal, que “xera un campo de xogo desigual para os pescadores e a industria europea”.
“Quixen traer este evento ao Parlamento Europeo porque as decisións importantes en materia pesqueira tómanse aquí e por iso é esencial que Europa comprenda a relevancia do sector conserveiro para moitas rexións e comunidades costeiras”, concluíu Millán Mon.
OS DESAFÍOS QUE O SECTOR TEN POR DIANTE
Pola súa banda, Marta Villaverde subliñou a pertinencia deste tipo de xornadas nas que poder resaltar a conserva de peixe e marisco de Galicia e os desafíos que esta industria ten por diante. “É un sector de gran importancia histórica e económica, coñecido pola alta calidade das materias primas das rías galegas e polas técnicas de elaboración, que combinan tradición artesanal coa innovación tecnolóxica máis avanzada”, afirmou.