O eurodeputado do PPdeG Adrián Vázquez celebra a “disposición de colaborar” da Comisión Europea coa súa petición de protexer o silicio metálico e o silicio cálcico, materiais estratéxicos para as industrias siderúrxicas galegas e europeas, fronte ao crecemento das importacións doutros países (especialmente China). Con todo, Vázquez lamenta a “ambigüidade” da resposta do organismo, xa que non recoñece as consecuencias que sofre o sector.
Adrián Vázquez preguntou hai unhas semanas á Comisión Europea pola posibilidade de incluír estes dous compostos estratéxicos para Galicia nas medidas de salvagarda sobre ferroaleacións, que a Comisión Europea aprobou recentemente co obxectivo de protexer a industria siderúrxica da Unión Europea fronte o aumento das importacións. Trátase de materiais implicados na fabricación de aceiro e cruciais en industrias como a construción, a automotriz, a aeroespacial ou a militar.
Neste contexto, a Comisión Europea argumenta que estes dous compostos non se incluíran porque “naquel momento non cumprían os criterios de inclusión”, referíndose a que nin se observara un aumento das importacións de silicio nin se producía silicio cálcico na Unión Europea. Así, pese a confirmar que colaborarán coa industria para a súa defensa comercial, sinalan que o instrumento de salvagarda non prevé a modificación do ámbito de aplicación das medidas en vigor.
MEDIDAS CONTEMPLADAS
Sobre as opcións contempladas para axudar á industria, sinalan que os instrumentos poderán aplicarse nos casos nos que un aumento das importacións causen un prexuízo aos produtores da Unión Europea. No caso do instrumento antidumping ou antisubvencións, sería necesario demostrar tamén a existencia dese dumping ou da subvención.
En canto ao seguimento das importacións que tamén demandaba o PPdeG, a Comisión europea apunta que non dispón de información sobre o prexuízo causado aos produtores da Unión Europea, remitindo ás industrias afectadas para coñecer estes datos.
UNHA INDUSTRIA QUE EMPREGA A 1.800 PERSOAS
A Comisión Europea deu un paso importante para protexer a industria das ferroaleacións da Unión Europea —que emprega a unhas 1.800 persoas na UE— mediante a imposición de medidas de salvagarda definitivas a estas importacións. Esta decisión, tomada o pasado mes de novembro de 2025, puxo fin a un procedemento e investigación xudicial de 11 meses de duración.
As medidas definitivas impostas consisten en continxentes arancelarios específicos por país por tipo de ferroaleación, o que limita o volume de importacións para entrar na UE libres de dereitos. Estas medidas estarán en vigor durante un período de tres anos, que expirará o 17 de novembro de 2028.