Nicole Grueira Fernández
Meu avó sempre me di: “Fai ben e non mires a quen”. Esta reflexión sinxela, pero chea de sabedoría, é a que guía en cada unha das miñas accións. É tamén a idea que me levou a entender a política como unha ferramenta esencial para facer o ben: para axudar á xente, aos meus veciños, á mocidade e, en definitiva, a todas as persoas.
Porque facer o ben desde a política significa poñer ás persoas no centro. Traballar cada día para mellorar a súa vida, crear oportunidades, garantir servizos públicos de calidade e construír un futuro con máis seguridade e esperanza. Esa é a política que ten sentido: a que non se perde en discursos baleiros, senón que actúa con responsabilidade e vocación de servizo.
Nese camiño de facer o ben por Galicia, o Partido Popular leva anos demostrando, con feitos e non só con palabras, que outra forma de facer política é posible: baseada na xestión rigorosa, na estabilidade institucional e nun compromiso real coa nosa terra e coa súa xente. Un modelo que hoxe ten continuidade co liderado de Alfonso Rueda, quen encarna unha maneira de gobernar responsable, próxima e coñecedora da realidade galega: a da Galicia do SI.
Baixo esta forma de entender o servizo público, Galicia avanza con paso firme. Facer o ben tradúcese en decisións que fortalecen os nosos servizos públicos, apoian ás familias, impulsan a economía e ofrecen máis oportunidades á xuventude. Non é unha idea abstracta, senón unha práctica constante que se reflicte no día a día dos galegos e galegas.
Así quedou patente tamén no recente Debate do Estado da Autonomía, onde se puxeron sobre a mesa medidas concretas pensadas para responder ás necesidades reais da sociedade galega. Fronte ao ruído e á confrontación estéril da oposición, Galicia conta cun goberno que suma, que constrúe e que avanza. Un Goberno que ten claro que facer o ben desde a política é unha responsabilidade. Implica escoitar, comprender e actuar con honestidade. Implica poñer sempre por diante o interese xeral, mesmo cando iso require tomar decisións difíciles. E implica, sobre todo, non esquecer nunca para quen traballamos: para a xente, para Galicia.
Porque, ao final, facer política é iso: traballar cada día para facer o ben, sen mirar a quen, pero sempre pensando en todos.