<strong><em>José Manuel Barreiro</em></strong><br>
A moción de censura presentada polo PP en Lugo non destrúe a democracia. O que deteriora a convivencia política é a reacción hipócrita do PSOE e do BNG, incapaces de aceptar unhas regras do xogo que eles mesmos utilizan sempre que os beneficia.
Convén lembrar algo elemental: Pedro Sánchez chegou á Moncloa grazas a unha moción de censura que o PSOE defendeu daquela como unha “ferramenta democrática imprescindible”. Exactamente igual que fixeron socialistas e nacionalistas en municipios como Noia, onde impulsaron operacións idénticas cando lles interesou politicamente. Pero cando o PP move ficha a esquerda fala de “traizón”, “golpe” ou “indignidade”. A diferenza non está no mecanismo; a diferenza é que esta vez non mandan eles. E iso é o que realmente non soportan.
Lugo está vivindo un ambiente político cada vez máis tenso, con enfrontamentos constantes, declaracións incendiarias e unha estratexia clara de confrontación que pouco axuda á serenidade institucional que merece a cidade. Porque o que realmente non é democrático é o insulto, a ameaza e a intimidación do adversario. A discrepancia política é lexítima e convertela en odio ou presión social é profundamente irresponsable.
A moción de censura non nace dun capricho nin dun cálculo a curto prazo e, por suposto, non é un ataque á democracia. É democracia. Está recollida nas normas e existe precisamente para articular cambios de goberno cando unha maioría alternativa considera que o rumbo actual debe cambiar. O demais é puro relato político.
Unha moción é un acto de responsabilidade cando hai, coma neste caso, unha alternativa de goberno real. Elena Candia é unha candidata preparada para liderar unha nova etapa que lle devolva á cidade rumbo, estabilidade e futuro.
En política hai que saber chegar, hai que saber estar e, sobre todo, saber saír. Ninguén ten un cargo en propiedade. Gobernar non é un dereito vitalicio nin unha herdanza. Cando unha maioría cambia, a democracia actúa. Así funciona en calquera sistema serio. O verdadeiramente preocupante non é a moción, o preocupante é que algúns só consideren democrática a vontade popular cando lles permite seguir ocupando o poder.