José Manuel Barreiro
Cando en febreiro de 2024 os galegos renovaron a súa confianza en Alfonso Rueda por maioría absoluta, fixérono cun contrato claro, cun programa de goberno ambicioso e medible. Dous anos despois, o balance é difícil de rebater. A Xunta cumpriu ou ten en marcha máis do 85% das medidas comprometidas cos cidadáns. Non é retórica, é xestión.
O contraste co Goberno de Pedro Sánchez resulta inevitable. Mentres o Executivo central leva anos sen aprobar uns orzamentos refén de socios cuxas esixencias mudan cada tempada, a Xunta pechou as súas contas en tempo e forma durante dezasete anos consecutivos e iso permite prestar uns servizos públicos de calidade.
Galicia non improvisa, planifica. E esa diferenza nótase na vida cotiá das persoas. En economía, os números falan por si sos. A nosa comunidade pechou 2024 cun crecemento do PIB do 2,8%, case dous puntos por riba da media europea, e coa taxa de paro máis baixa dende 2008, situada case dous puntos e medio por debaixo da media estatal. Mentres o debate económico nacional xira arredor de novos impostos e incerteza xurídica, Alfonso Rueda aposta pola rebaixa fiscal e a estabilidade.
Cando unha lexislatura chega ao seu ecuador, o importante non é o que se prometeu, senón o que se executou. En vivenda, todos os inmobles comprometidos no programa electoral xa están en marcha, avanzando cara ao obxectivo de duplicar o parque público de 4.000 a 8.000 vivendas na lexislatura. En sanidade somos punteiros en cribados, vacinación e avances oncolóxicos co centro de protonterapia. En educación, Galicia é a única comunidade onde se pode estudar gratis dende infantil ata a universidade. E en atención á dependencia, licitáronse decenas de novos centros e residencias para sumar miles de prazas antes de que remate o mandato.
Como explicou Rueda, fonte a esta Galicia do “si”, do sentidiño e do impulso, está a oposición do “non”. O “non” a todo o que nos faga medrar do BNG e o boicot do PsdeG que non se molla por Galicia e só atende á supervivencia do seu xefe supremo. Un xefe supremo, Pedro Sánchez, que mantén a España na parálise.
Alfonso Rueda demostra que existe outra maneira de facer as cousas: fixar obxectivos, traballar e render contas. O estilo Rueda forma parte tamén da “Galicia Calidade”. Non é un eslogan é, sinxelamente, o resultado de gobernar en serio.