Paula Prado del Río
No século X a reina de Asturias, Jimena Garcés, peregrinou a Santiago de Compostela. Máis tarde, no século XI, chegou á praza do Obradoiro a condesa alemá Richardis de Sponheim, primeira muller estranxeira documentada en realizar esta peregrinación. Elas, xunto con moitas outras, marcaron un fito na historia xacobea. Tiveron un papel importante nestas rutas: no inicio e na meta do Camiño. O camiño da Galicia do si, o camiño que tantas mulleres dende hai séculos e séculos axudaron a construír. Hoxe soa con máis forza en todo o mundo, porque fomos capaces de construír entre todos unha Galicia plural, próspera e con peso no panorama nacional e internacional.
Como dicía Xosé Neira Vilas, “teño nesta terra asento e un sentimento profundo, un amor vivo e rotundo polo val onde nacín, son deste anaco do mundo”. Ese lugar que construíu a identidade do próximo homenaxeado no Día das Letras Galegas e que levou sempre con el. A mesma identidade que, dun xeito ou doutro, é tamén nosa, a do escritor que deu voz á emigración e ao rural galego.
E como el, que enxalzou a fortaleza dos galegos por resistir e persistir a anos duros de emigración e pobreza, hoxe eu teño por esta terra un amor vivo e rotundo. A terra que fixo emanar en min unha vocación de servizo público que me levou a defender as causas xustas e a loitar día a día por depositar o meu grao de área para facer unha Galicia mellor.
Unha Galicia na que todos temos cabida. Na que traballamos unidos e unidas, a prol de todos os galegos e galegas e na que se busca sempre o consenso, como está acontecendo co Pacto da Lingua. Un plan ao que lle dan as costas determinados grupos políticos instalados no ‘non’ e no empeño constante de frear Galicia e de facer dela unha comunidade de segunda. Os mesmos que buscan o rédito político antes que o rédito de todo un pobo.
Vémolo co intento de controlar as institucións que deben ser neutrais, coa nova proposta de transferencia da AP-9 á Galicia, coa financiación autonómica, co castigo do Goberno central a Galicia en materia de infraestruturas e mobilidade ou a dependencia. Vémolo na falta de recursos económicos que chegan da Moncloa a nosa terra para servizos sociais. E mentres tanto, BNG e PSdeG calan, porque é máis importante defender o indefendible: Sánchez e o seu goberno. Por sorte, a maioría de galegos e galegas queren a Galicia e saben quen representa os intereses reais desta terra: o PPdeG, o partido que máis se parece a todos eles.
E hoxe, 25 de xullo de 2026, dende o PPdeG reivindicamos o noso único obxectivo: Galicia. A da estabilidade, a da xestión rigorosa, a da calidade e a de todos, das xeracións presentes e das xeracións futuras.
Eu, nós, témolo claro: no Día de Galicia recordamos, como os 365 días do ano, o que máis nos importa e celebramos a nosa identidade. A das mulleres que emprenderon o camiño e a de todos os galegos e galegas que cren na súa terra, no seu potencial e no seu futuro. Celebramos a Galicia do si, a que soña e a que loita por ser o que soñamos. A que sen descanso camiña con dedicación, entusiasmo, constancia e responsabilidade cara o futuro. Un futuro que está nas nosas mans, na de todos os que levamos a Galicia na cabeza e no corazón. Os que dicimos SI a Galicia, unida, orgullosa e forte: Feliz Día de Galicia, feliz 25 de xullo.